Blog

Valoración do Movemento Galego da Saúde Mental sobre a proposición de lei galega de saúde mental, de iniciativa popular, impulsada pola Fundación Salma

Meses atrás o Movemento Galego da Saúde Mental recibiu o borrador dun texto lexislativo sobre saúde mental en Galicia. O proxecto estaba a ser impulsado por unha fundación (Fundación Salma) constituída moi recentemente e da que non tiñamos ningún dato, referencia, nin coñecemento. Describíase como obxectivo principal do texto o de “protexer os dereitos e os intereses das persoas con algún problema de saúde mental, así como dos seus familiares e das persoas encargadas do seu coidado”.

Acordamos naquela altura non realizar valoración desa proposta lexislativa privada por considerar, entre outros factores, que, agás que a Administración tivera compromiso real co proxecto, a viabilidade o mesmo estaría seriamente comprometida, e carecía de efectos no sistema sanitario. Estimábamos que os nosos esforzos neste sentido tiñan que estar enfocados en facer prevalecer a lexislación xa vixente e os compromisos que vinculan aos gobernos en materia de dereitos (entre outros a Convención de Nova York sobre os dereitos das persoas con discapacidade ou a reforma do sistema de representación e apoios en sede civil).

Pasado o tempo, o Movemento ten sido preguntado en diversas ocasións sobre a valoración que facemos sobre unha proposta de lei que na actualidade está en proceso de recollida de sinaturas para que sexa tomada en consideración e, eventualmente, debatida no Pleno do Parlamento de Galicia.

Chegado este punto, e coa intención de engadir argumentos fundamentados sobre a oportunidade dunha lei galega de saúde mental e sobre o contido dunha proposta específica, queremos transmitir unha serie de consideracións:

1.- Dimensión política: sobre a pertinencia dunha proposta de lei galega de saúde mental.

Tivemos que insistir durante anos na apremiante necesidade de actualización dun plan estratéxico de saúde mental (despois de parar o plan 2006-2011) e na urxencia da elaboración dun plan específico de prevención de suicidio. Con moitas dificultades, os dous obxectivos foron conseguidos, tendo así publicados o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia (2017), e o Plan de Saúde Mental de Galicia, poscovid-19 período 2020-2024.

Cremos que abrir neste momento un debate sobre unha lei de saúde mental pode supor dar oportunidade a un novo período de parálise institucional que en nada beneficia ao desenvolvemento dos plans en vigor. Sendo moi mellorables, contamos por fin con documentos planificadores que deben desenrolarse sen demora.

Por outra banda, e nun nivel estatal, acaba de presentarse o Plan de Acción 2021-2024 Salud Mental y Covid-19, e está rexistrada no Congreso dos Deputados unha proposición de Lei Xeral de saúde mental.

Temos por tanto unha cantidade de documentos normativos e planificadores como non se viu nunca en saúde mental. Engadir neste momento propostas adicionais e que, ademais, descoñecen o sistema pre-existente e os planeamentos en desenvolvemento, pode xerar unha importante confusión, unha descoordinación sistemática profunda e, como indicamos, focalizar o debate político e os recursos públicos nun lugar, o debate dunha norma galega, que non é, no noso parecer, a prioridade nin das persoas usuarias de Servizos de Saúde Mental nin da cidadanía no seu conxunto.

2.- Dimensión lexislativa: sobre o contido do texto legal proposto.

O documento que se presenta é, na súa meirande parte, de carácter estrutural e organizativo da asistencia á saúde mental. Isto coloca un primeiro punto de crítica ao se tratar de materias que corresponderían a un regulamento ou a normas de rango inferior incluso. A norma é formalmente deficitaria.

Actualmente a disposición de referencia é o Decreto 389/1994, de 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia; e con respecto a este non compartimos a valoración de que é un decreto obsoleto, nin na súa concepción da atención á saúde mental (integración plena no conxunto de plans e accións de saúde xeral, evitando calquera discriminación con outras parcelas de saúde; énfase na atención na comunidade e para a comunidade), nin na proposta de dispositivos asistenciais.

De feito, a estrutura de rede de saúde mental que se propón na proposición de Lei da que falamos, no capítulo II, non implica unha innovación ou mellora e incluso pode supor unha involución como é a posible localización das unidades de hospitalización psiquiátrica “no hospital ou en outro independente” que da a entender na posibilidade de colocación en redes específicas, e polo tanto paralelas, en contra dos principios da Lei 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad.

Non hai avance real no texto no que se refire á rede de saúde mental, e a cambio, parece abrirse a porta a mecanismos privatizadores, como as alternativas habitacionais-asistenciais para as que establecen un sistema de co-pagamento, e organización da asistencia a través das criticadas “unidades de xestión clínica de saúde mental” tan afastadas da modelo de sanidade pública defendido polas diferentes plataformas civís.

O capítulo III, pola súa banda, de dereitos e deberes das persoas afectadas por problemas de saúde mental, non coloca ningún dereito que non exista xa e estea recollido non nunha senón en varias leis, estatais e autonómicas. É dicir, máis alá do aparente e o suxestivo que puidera parecer apoiar un proxecto que “crea dereitos” a realidade colócanos en que non é así, non existindo por tanto ningún valor engadido. Nalgún extremo mesmo é un texto contrario a outras normas do ordenamento xurídico, como é a “Lei 8/2021, pola que se reforma a lexislación civil e procesal para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica”, que promove un cambio de modelo de apoios fronte ao de substitución, concepto este que non parece impregnar esta proposta de lei de saúde mental.

No caso dos ingresos involuntarios, é preocupante a falta de coñecemento legal sobre a materia, xa que entra en contradición coa lexislación estatal vixente (Lei Axuizamento Civil) que contempla as garantías legais para tal medida excepcional. A proposta presentada ten, nalgúns puntos, invasión de competencias estatais.

Un texto legal sobre saúde mental que non especifique e asuma os principios da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, e non asuma sen fisuras as reivindicacións dos colectivos en primeira persoa como son a erradicación das contencións mecánicas, os tratamentos involuntarios (como os ingresos) e outras prácticas coercitivas, e o avance na planificación anticipada de decisións, é un texto legal que non aporta os elementos substanciais de avance na atención á saúde mental: o enfoque dos dereitos humanos e superación das asimetrías de poder, renunciando ao tutelado histórico das persoas diagnosticadas.

Sobre a organización do persoal en saúde mental, a elección de cargos e xefaturas e dereitos e deberes dxs profesionais, de novo hai unha redundancias por canto que xa están regulados no ordenamento autonómico, ou incluso pecan de falta de conexión co sistema sanitario e lexislativo galego, que parece non coñecerse en profundidade. Insistir na elección de cargos, persoal, e membros de comisións “de forma democrática e pública” arroxa unha dúbida grave sobre a constitucionalidade de normas actualmente en vigor, que non aclara, deroga ou regula especificamente neste texto.

Son variadas as incoherencias do texto, incluso co seu propio articulado, como por exemplo crear unha figura nova (a do Defensor do paciente) que dependerá dunha comisión creada ad hoc da que non regula ningún aspecto en absoluto. Ou establecer diferentes prazos de execución dos diferentes contidos da lei (algún tan dilatados no tempo como é o período de 12 anos) para unha lei que entrará en vigor nos 6 meses posteriores á súa publicación.

Conclusións

Son varias as críticas que se poden realizar da proposta lexislativa, sendo insuperables as que teñen que ver co exercicio efectivo dos dereitos das persoas diagnosticadas, que non poden estar por debaixo dos estándares que estableceu a Convención de Nova York dos dereitos das persoas con discapacidade, e as recomendacións de organismos como a ONU, a OMS, ou o Consello de Europa en canto é eliminación de toda forma de coerción na atención, como son as contencións mecánicas ou os tratamentos involuntarios.

Tamén a existencia no texto que se propón aprobar como lei galega de saúde mental dun modelo de tutelado sobre as persoas diagnosticadas, que establece a substitución das mesmas nas diferentes decisións que poidan ter lugar, actualmente obsoleto tras a entrada en vigor da Lei 8/2021, e do que xa se coñecía a súa filosofía conceptual e aspiracións de avance en dereitos cando o proxecto que se presenta estaba aínda en preparación.

E xa por último, non pode ser apoiada esta proposta de lei porque non se corresponde co modelo de sanidade pública, universal e gratuíta (hoxe xa en risco) que estamos a defender amplos sectores da sociedade galega.

7 Comments - Leave a Comment
  • Leave a comment to best site to buy traffic Cancelar a resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *