Valoración do Movemento Galego da Saúde Mental sobre a proposición de lei galega de saúde mental, de iniciativa popular, impulsada pola Fundación Salma
Meses atrás o Movemento Galego da Saúde Mental recibiu o borrador dun texto lexislativo sobre saúde mental en Galicia. O proxecto estaba a ser impulsado por unha fundación (Fundación Salma) constituída moi recentemente e da que non tiñamos ningún dato, referencia, nin coñecemento. Describíase como obxectivo principal do texto o de “protexer os dereitos e os intereses das persoas con algún problema de saúde mental, así como dos seus familiares e das persoas encargadas do seu coidado”.
Acordamos naquela altura non realizar valoración desa proposta lexislativa privada por considerar, entre outros factores, que, agás que a Administración tivera compromiso real co proxecto, a viabilidade o mesmo estaría seriamente comprometida, e carecía de efectos no sistema sanitario. Estimábamos que os nosos esforzos neste sentido tiñan que estar enfocados en facer prevalecer a lexislación xa vixente e os compromisos que vinculan aos gobernos en materia de dereitos (entre outros a Convención de Nova York sobre os dereitos das persoas con discapacidade ou a reforma do sistema de representación e apoios en sede civil).
Pasado o tempo, o Movemento ten sido preguntado en diversas ocasións sobre a valoración que facemos sobre unha proposta de lei que na actualidade está en proceso de recollida de sinaturas para que sexa tomada en consideración e, eventualmente, debatida no Pleno do Parlamento de Galicia.
Chegado este punto, e coa intención de engadir argumentos fundamentados sobre a oportunidade dunha lei galega de saúde mental e sobre o contido dunha proposta específica, queremos transmitir unha serie de consideracións:
1.- Dimensión política: sobre a pertinencia dunha proposta de lei galega de saúde mental.
Tivemos que insistir durante anos na apremiante necesidade de actualización dun plan estratéxico de saúde mental (despois de parar o plan 2006-2011) e na urxencia da elaboración dun plan específico de prevención de suicidio. Con moitas dificultades, os dous obxectivos foron conseguidos, tendo así publicados o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia (2017), e o Plan de Saúde Mental de Galicia, poscovid-19 período 2020-2024.
Cremos que abrir neste momento un debate sobre unha lei de saúde mental pode supor dar oportunidade a un novo período de parálise institucional que en nada beneficia ao desenvolvemento dos plans en vigor. Sendo moi mellorables, contamos por fin con documentos planificadores que deben desenrolarse sen demora.
Por outra banda, e nun nivel estatal, acaba de presentarse o Plan de Acción 2021-2024 Salud Mental y Covid-19, e está rexistrada no Congreso dos Deputados unha proposición de Lei Xeral de saúde mental.
Temos por tanto unha cantidade de documentos normativos e planificadores como non se viu nunca en saúde mental. Engadir neste momento propostas adicionais e que, ademais, descoñecen o sistema pre-existente e os planeamentos en desenvolvemento, pode xerar unha importante confusión, unha descoordinación sistemática profunda e, como indicamos, focalizar o debate político e os recursos públicos nun lugar, o debate dunha norma galega, que non é, no noso parecer, a prioridade nin das persoas usuarias de Servizos de Saúde Mental nin da cidadanía no seu conxunto.
2.- Dimensión lexislativa: sobre o contido do texto legal proposto.
O documento que se presenta é, na súa meirande parte, de carácter estrutural e organizativo da asistencia á saúde mental. Isto coloca un primeiro punto de crítica ao se tratar de materias que corresponderían a un regulamento ou a normas de rango inferior incluso. A norma é formalmente deficitaria.
Actualmente a disposición de referencia é o Decreto 389/1994, de 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia; e con respecto a este non compartimos a valoración de que é un decreto obsoleto, nin na súa concepción da atención á saúde mental (integración plena no conxunto de plans e accións de saúde xeral, evitando calquera discriminación con outras parcelas de saúde; énfase na atención na comunidade e para a comunidade), nin na proposta de dispositivos asistenciais.
De feito, a estrutura de rede de saúde mental que se propón na proposición de Lei da que falamos, no capítulo II, non implica unha innovación ou mellora e incluso pode supor unha involución como é a posible localización das unidades de hospitalización psiquiátrica “no hospital ou en outro independente” que da a entender na posibilidade de colocación en redes específicas, e polo tanto paralelas, en contra dos principios da Lei 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad.
Non hai avance real no texto no que se refire á rede de saúde mental, e a cambio, parece abrirse a porta a mecanismos privatizadores, como as alternativas habitacionais-asistenciais para as que establecen un sistema de co-pagamento, e organización da asistencia a través das criticadas “unidades de xestión clínica de saúde mental” tan afastadas da modelo de sanidade pública defendido polas diferentes plataformas civís.
Dear movementogalegosaudemental.gal owner, Your posts are always well-supported and evidence-based.
Hello movementogalegosaudemental.gal webmaster, Thanks for the well-structured and well-presented post!
Hi movementogalegosaudemental.gal owner, Your posts are always informative and well-explained.
Hi movementogalegosaudemental.gal webmaster, You always provide valuable feedback and suggestions.
Dear movementogalegosaudemental.gal webmaster, Keep it up!
Hello movementogalegosaudemental.gal administrator, Your posts are always well written and informative.
Dear movementogalegosaudemental.gal owner, Your posts are always well thought out.