“SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO” Día dos Dereitos Humanos 2021
Na Declaración dos Dereitos Humanos recóllese que “todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa” (artigo 3) e que “ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes” (artigo 5). A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificada polo Reino de España, explicita que os estados tomarán tódalas medidas (…) que sexan efectivas para evitar que as persoas con discapacidade” sexan sometidas a este tipo de tratos (artigo 15).
Pero no noso estado, na nosa comunidade e no noso sistema de saúde este dereito aínda non está garantido na actualidade. Tampouco no eido da Saúde Mental.
A contención mecánica é probablemente o maior expoñente da vulneración de dereitos á que unha persoa pode verse sometida no caso de entrar no circuíto do tratamento da saúde mental.
Podemos definila como a acción mediante a cal se inmobiliza a unha persoa con correas; redúcese así ao suxeito á súa mínima expresión, ao lugar que ocupa o seu propio corpo. O suposto obxectivo desta técnica é garantir, ou cando menos favorecer, a seguridade e o benestar do paciente, así como das persoas que o rodean, e entre as cales se atopan os profesionais sanitarios que a aplican.
Pero como denominar técnica terapéutica, a un procedemento que directamente vulnera os dereitos da persoa e que atenta no máis profundo contra a súa dignidade persoal? Como facelo cando sabemos que leva asociada grandes riscos a nivel físico e psíquico, e que contribúe a aumentar o sufrimento en primeiro lugar da persoa que a padece, pero tamén o daquelas que a observan ou a executan? Como chamarlle tratamento a aquel proceder que marca, que estigmatiza, que denigra a quen o sufre?
E, especialmente, como podemos soster esta práctica inhumana e perversa, incluso empregando argumentos pseudocientíficos e buenistas, cando é sabido da existencia de alternativas á contención mecánica? Cando sabemos que noutros lugares e noutros ámbitos de traballo hai anos que camiñan cara á erradicación da mesma, facendo grandes avances neste sentido?
Porque non, atar nunca dignifica. A contención nunca é terapéutica; e sempre debe vivirse como un fracaso, no profesional e no humano. Porque o exercicio da violencia sobre o outro nunca está xustificado; e repugna aínda máis cando a persoa que está a ser violentada está sufrindo, cando se atopa nunha situación de vulnerabilidade, cando precisamente máis debe ser coidada.
Así, sabendo dos efectos potencialmente traumáticos da contención mecánica e, sobre todo, da posibilidade real de desenvolver alternativas á mesma, xa non hai escusa. Non avanzar clara e intencionalmente cara unha política de contención cero converte á administración e ás institucións sanitarias en perpetradoras dunha vulneración dos dereitos humanos. E aos profesionais en cómplices máis ou menos conscientes.
Neste sentido chama poderosamente a atención que no noso ámbito a día de hoxe aínda continuemos sen ter datos, nin precisos nin aproximados, acerca de canto, durante que tempos e por que motivo se emprega a contención mecánica no Sergas. E isto a pesares das reiteradas peticións ao respecto por parte de distintos axentes; entre eles o propio Defensor del Pueblo na súa condición de titular das funcións en España do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no informe que realizou trala visita en 2017 ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, e que foi repetida recentemente.
Chama tamén a atención tamén o voto en contra do Partido Popular de Galicia, en xaneiro de 2019, a unha proposición non de lei sobre contención mecánica que foi presentada polo Bloque Nacionalista Galego e apoiada pola totalidade da oposición.
E, por último, chama a atención que a pesares da inclusión do obxectivo “contención cero” no tan publicitado Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid 2020-2024, non se teña realizado ningún avance real no último ano e medio. Avances que, por certo e por exemplo, se avaliarán a partir de indicadores como a existencia dun rexistro e o número de accións formativas realizadas, pero en ningún caso do número de contencións realizadas.
Por todo isto, no Día dos Dereitos Humanos vémonos na obriga un ano máis de continuar esixindo simplemente o que é de lei, o que ten que ser. Así, esiximos ao Goberno de España, á Xunta de Galicia e ao Sergas:
- O cumprimento das normativas dos diferentes organismos e convencións internacionais dos que forma parte e que ten asinadas nos últimos anos en relación á promoción dun trato digno ás persoas con discapacidade e no eido da saúde mental, e que veñen vulnerando de xeito sistemático. E especificamente da Resolución do Consello de Dereitos Humanos da Organización de Nacións Unidas sobre Saúde Mental e Dereitos Humanos (2017), da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade (2006) e das recomendacións realizadas polo Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (2017).
- O desenvolvemento lexislativo da cuestión relativa aos ingresos psiquiátricos e concretamente á contención mecánica, recolléndose a mesma como unha medida de seguridade (non terapéutica) de carácter excepcional ante riscos inminentes non evitables con outras medidas de menor intensidade, e na cal toda actuación deberá ser guiada pola preservación da dignidade da persoa.
- A revisión de toda a acción e funcionamento da atención á saúde mental dende a perspectiva da súa adecuación ao respecto e protección dos Dereitos Humanos, promovendo a autonomía e a liberdade das persoas afectadas, así como o seu empoderamento, garantindo a súa participación efectiva na elaboración e avaliación de plans e normas e no funcionamento dos dispositivos asistenciais postos ao seu servizo.
- A inmediata creación ou promoción dun sistema de recollida de información e rexistro de contencións de carácter obrigatorio que permita coñecer directamente a magnitude do problema e as variables que contribúen ao seu mantemento, así como a evolución da súa práctica, que debería tender a desaparecer.
- A dotación urxente dos recursos humanos mínimos necesarios para poder producir un cambio real neste tipo de prácticas e ofrecer unha atención pública digna á saúde mental na nosa comunidade.
Por unha atención digna á saúde mental. Por unha saúde mental sen ataduras.