Blog

POLA SANIDADE QUE MERECEMOS E QUEREMOS

POLA SANIDADE QUE MERECEMOS E QUEREMOS

MOTIVOS PARA ACUDIR Á MANIFESTACIÓN PROMOVIDA POR SOS SANIDADE PÚBLICA DO 4 DE FEBREIRO DE 2024

Desde o Movemento Galego da Saúde Mental animamos a toda a cidadanía a participar na próxima manifestación promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública que, baixo o lema “pola sanidade que merecemos e queremos”, terá lugar o próximo domingo 4 de febreiro nas rúas de Santiago de Compostela. 

É coñecido por todos e todas que a planificación sanitaria que se está a desenvolver é tan ineficaz que o risco de desmantelamento do sistema público é unha realidade. As múltiples concentracións cidadás que se producen nos últimos anos, con denuncias tan concretas como a falta de profesionais de pediatría e medicina familiar e comunitaria, os intentos de peches de servizos como o paridoiro de Verín, a falta de transporte sanitario urxente en moitos concellos ou as crecentes listas de agarda son exemplos claros da progresiva deterioración do noso sistema público, só mitigada polo compromiso cidadán e profesional.

A atención á saúde mental en Galicia non é diferente a este marco xeral, tal e como levamos denunciando desde os inicios do MGSM e que debullamos no manifesto fundacional. Contra o que se poida pensar, polo discurso auto-compracente da actual Administración arredor do Plan de Saúde Mental poscovid 2020-24, persisten as mesmas carencias, ou se agravaron, nos últimos 4 anos. 

Nunca tivemos unha desorganización na rede de atención á saúde mental de Galicia tan grande e tan grave como na actualidade.

Houberon de completarse 3 lexislaturas consecutivas de goberno popular para que materializasen un plan de saúde mental. Isto en si mesmo é unha das orixes da desorganización actual, porque non houbo un plan director na asistencia que orientase a acción nin unha estrutura organizativa con capacidade de liderado que fomentara a transparencia, a participación e o compromiso dos profesionais, en ningún dos niveis da Administración. Tampouco houbo nin hai oco para a participación da sociedade na toma de decisións.

Ademais, ao non ser unha verdadeira prioridade para os sucesivos gobernos ao fronte da Xunta de Galicia, a política sanitaria en saúde mental parece obedecer fundamentalmente ao propósito de presentar datos que só lles dean publicidade positiva. De aí que desde a presentación do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 2020-2024 só se anuncien as contratacións de profesionais no SERGAS, os novos dispositivos a inaugurar (nalgúns casos, varias veces) e as subvencións que se conceden ás organizacións do terceiro sector. Números, edificios, cartos. 

Pero nin sequera os datos que elixen son suficientes: a carencia estrutural é tal que a pesar de aumentar o número de profesionais e unidades asistenciais novas, non conseguiron reducir as listas de espera (en constante crecemento, duplicándose desde 2014 ata as 9000 persoas esperando por unha primeira consulta). Temos un grave problema de inequidade no acceso aos recursos, e de seguridade por canto que o retraso na atención provoca cronicidade e riscos.

O panorama actual  é desolador. Destacamos varios aspectos:

1-. Asistimos a un empeoramento de todos os indicadores relacionados coa saúde mental: 

En datos de prevalencia, pasando dunha porcentaxe do 12% de persoas atendidas en Atención Primaria por problemas de saúde mental no ano 2011 ata o 34´5% en 2021

En uso de psicofármacos, con tendencia crecente nos últimos anos e onde Galicia se sitúa á cabeza do Estado español en consumo de antidepresivos, é a segunda Comunidade en uso de ansiolíticos e antipsicóticos, e ocupa o 3º lugar en hipnóticos e sedantes. Existe unha marcada desigualdade de xénero nesta sobre-prescrición que non se está abordando.

Seguimos tendo a peor taxa de mortes por suicidio do Estado español.

Sen embargo, en Galicia non se fixo ningún esforzo na realización de estudos epidemiolóxicos actualizados que permitan coñecer en profundidade sobre a magnitude desta problemática, acerca do os determinantes sociais relacionados, as posibles diferenzas nos distintos territorios, sobre os efectos do acceso desigual aos recursos en función do lugar de residencia, ou a posibilidade de coñecer por que se suicida a xente. 

Tampouco estableceron ningunha medida que permita corrixir as desigualdades de xénero que provocan sobre-medicación e sobre-diagnóstico. 

Afirman que existe un plan en vigor, máis non se pode chamar plan de saúde porque non persegue obxectivos de saúde. 

2-. A improvisación foi a protagonista na creación de unidades novidosas, fundamentalmente na área da infancia e adolescencia. 

En Galicia estaban sen desenvolver recursos asistenciais para as idades máis novas, tal é como existían noutras Comunidades. As Unidades de Saúde Mental infanto-xuvenil eran e seguen sendo moi escasas e os equipos profesionais, mínimos e restrinxidos ás categorías profesionais do ámbito sanitario, cando a entrada doutras profesións relacionadas coa infancia e adolescencia potenciaría a eficacia das intervencións. 

Anuncian a posta en marcha de Hospitais de día infanto-xuvenís, pero a día de hoxe non existen tales en todas as áreas, aínda que están contratados os profesionais. 

E nos que se crearon, fixérono con eivas importantes, como son os espazos reducidos ou falta deles, como os comedores, sen espazos de esparcemento no exterior e incluso sen luz natural. A maioría dos hospitais, ademais, carecen de profesorado. A quen se lle ocorre planear que a vida duns nenos e nenas transcorran entre as 9 e as 16 horas, durante meses, en lugares destas características? quen pode pensar unha sanidade de concepción tan estreita? 

Tras anos de anunciar a súa creación, a segunda Unidade de Hospitalización Infanto-xuvenil, en  Vigo, inaugúrase in extremis a finais do ano 2023. Con carencias de medios humanos e materiais, xa houbo denuncias públicas sobre casos de contencións mecánicas sostidas no tempo e cunha preocupante resposta da dirección médica a medios de comunicación, naturalizando o uso destas prácticas coercitivas como parte dun tratamento. 

Ante insuficiencia de prazas de hospitalización, segue ingresándose aos/ás nenos/as nas unidades de adultos. Algo totalmente inaceptable.

3.- Os/as profesionais son intercambiables. 

Esta é a impresión que se ten dado o tipo de trato con estes. A experiencia profesional non é tida en conta para mellorar a prestación asistencial. Non se fomenta os lugares de encontro nin sequera para recibir información esencial para o traballo diario. Ás veces, parece promoverse a división entre os equipos. A estabilidade laboral é un privilexio.

Recórrese ao argumento de que non hai profesionais para manter a precarización nas condicións laborais, despois de anos de expulsar aos/as traballadores/as, fartos/as de ter contratos de días ou de horas. Sacan con urxencia unha convocatoria para postos de difícil cobertura e pronto fará un ano desta e segue sen resolverse.

Esta suposta falta de profesionais, e o propósito de reducir as listas de espera en período preelectoral, carrexan medidas moi ousadas por parte das xerencias e as xefaturas de servizo. O último exemplo tivémolo en Lugo, onde intentaron desmantelar unha unidades de especial significación, como é a unidade de tratamento ao alcoholismo, para que as profesionais prestasen atención en varias unidades á vez. Freouse este despropósito tras a denuncia pública, non por un proceso de reflexión dos equipos directivos. 

Os/as profesionais son entendidos como peóns a mover, como se se atendese da mesma forma a nenas que adultos, persoas en risco autolítico que procesos adaptativos, a atención nunha consulta ambulatoria que en hospitalización. 

É coñecido que a eficacia dos tratamentos aumenta cando os equipos son estables, se coordinan de forma eficaz, participan e se comprometen nos proxectos e obxectivos e teñen unha formación específica e continuada. 

4.- Os pacientes con trastorno mental grave e sen recursos, peor

Esta afirmación realizábamola hai 10 anos na declaración fundacional. Non todas as persoas que se beneficiarían de tratamentos intensivos, como pode ser hospitais de día, poden acudir xa que só están creados nas principais cidades galegas, polo que hai problemas de accesibilidade.

Con moita frecuencia, os plans de rehabilitación psicosocial son imposibles de culminar por falta de vivenda, emprego ou recursos sociocomunitarios que dean autonomía económica e soporte social. O SERGAS non inverte en recursos sociocomunitarios propios. E se precisan hospitalización de media ou longa estancia deben desprazarse lonxe da súa comunidade de referencia, rompendo os lazos sociais e afectivos e dificultando o seu retorno.

Segue pendente de culminar a transformación do Hospital Psiquiátrico de Conxo, en estruturas, funcionamento e modelo asistencial que permita superar o que supuxo o informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor del Pueblo desde 2017.

Por último, seguimos tendo un grave problema de vulneración de dereitos fundamentais. Non se avanza con decisión no desenvolvemento dos principios da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade . Nin se transmite e se estimula o coñecemento sobre as recomendacións e directrices de organismos como o Consello de Europa para poñer fin á coerción e os ingresos involuntarios. 

Seguimos sen saber nada sobre o número e circunstancias arredor do uso das contencións mecánicas nos servizos de saúde mental. Agora que hai unha aplicación informática específica de obrigado cumprimento para os facultativos que indican a contención, ou ben a Xunta non está a verter os datos nun rexistro autonómico, ou ben non se difunden a nivel de servizos coa idea de establecer programas específicos de erradicación das contencións e doutras prácticas coercitivas. De novo, a falta de datos para non ter que render contas. 

Non se desenvolveu o documento de vontades anticipadas en saúde mental que permitiría que o paciente fose máis autónomo e se faga cargo das decisións que lle concirnen. 

Non se revisaron, tal e como esixe a disposición transitoria quinta da lei 8/2021,  todas as sentenzas de modificación da capacidade xurídica. A FUNGA, que representa a moitas persoas actualmente con sentenzas de incapacitación e/ou curatela, ten tan escasos medios profesionais, que non pode exercer as súas funcións, en condicións de calidade, co risco de indefensión que pode provocar nos tutelados/as, que con frecuencia quéixanse de que non coñecen ou non lles é posible comunicarse coa FUNGA cando o necesitan. Outra queixa frecuente é que non se realizan entrevistas presenciais co xuíz nos casos de ratificación ou revisión dos internamentos involuntarios, senón que seguen a realizarse mediante videoconferencia desde o inicio da pandemia. 

Sobran os motivos para denunciar publicamente que é posible, necesaria e urxente outro tipo de atención á saúde mental en Galicia. Hai un desleixo histórico neste ámbito socio-asistencial. 

Temos motivos para animar á participación á manifestación promovida por SOS Sanidade Pública o domingo 4 de febreiro, na Alameda de Santiago de Compostela. 

Que sexa o inicio da solución.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *