Blog

A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE LUGO INICIA O DESMANTELAMENTO DA UNIDADE DE ALCOHOLISMO

A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE LUGO INICIA O DESMANTELAMENTO DA UNIDADE DE ALCOHOLISMO
Mediante este comunicado, o Movemento Galego da Saúde Mental vese na obriga de informar á sociedade e alertar sobre a gravidade das implicacións en saúde pública da poboación lucense en canto se inicie o proceso de desmantelamento da unidade de alcoholismo.
Este tipo de unidades están definidas como dispositivos básicos dentro do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia. Son unidades específicas (especializadas) pola alta incidencia e relevancia socio-sanitaria do alcoholismo na nosa Comunidade.
A Unidade de Alcoholismo de Lugo é de referencia para toda a provincia desde a década dos 90, cun equipo formado por profesionais do traballo social, psicoloxía clínica e psiquiatría, que prestan asistencia tanto a nivel ambulatorio como en seguimento de pacientes ingresados para desintoxicación. Ofrecen tratamento integral nos aspectos físicos, psicolóxicos e sociais.  Pois ben, nos próximos días vaise consumar de facto o desmantelamento da unidade, xa que as tres profesionais pasarán a prestar asistencia a metade do tempo nun recurso diferente.  É unha decisión tomada pola xerencia da área sanitaria, polo menos co visto e prace da xefatura de servizo de psiquiatría de Lugo, e o coñecemento e aquiescencia da Consellería de Sanidade. Trátase dunha decisión política arbitraria e oportunista, de consecuencias graves:
  • Galicia amosa unhas cifras por riba da media estatal en índices de risco e gravidade tales como a precocidade no inicio de consumo de alcohol, na prevalencia de consumo habitual, en número de episodios de intoxicacións etílicas agudas, ou nun patrón de consumo caracterizado por cantidades excesivas en períodos moi curtos de tempo( “atracóns”). Resulta da maior contradición que a Xunta de Galicia promova o Anteproxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas e ao mesmo tempo autorice eliminar unha unidade especializada.
  • Os trastornos por abuso e dependencia de alcohol son especialmente prevalentes na nosa Comunidade, segundo informes epidemiolóxicos da propia Xunta de Galicia, e adoita acompañar a outros problemas de saúde mental e físicos (comorbilidade).
  • Temos a peor taxa de mortalidade atribuíble ao alcohol do estado español, asociado a enfermidades oncolóxicas, circulatorias ou dixestivas, pero tamén por causas externas, como accidentes ou suicidio.
  • En canto ás mortes por suicidio, debemos recordar que, de novo, Galicia é a Comunidade Autónoma ten a maior taxa de mortes por suicidio, e Lugo é precisamente a provincia con maior número de suicidios de toda España.
  • Relacionado con accidentes de tráfico, unha información recente da Comisión Galega da Seguridade Viaria identifica a clara influencia do alcohol, onde un 42% dos condutores falecidos no ano 2022 tiñan unha concentración de alcohol superior ás taxas legais.
  • O consumo de alcohol está relacionado co risco de exclusión social, desemprego e perda de capacidade económica. Afecta polo tanto no só á persoa afectada por esta problemática de saúde. Moi relevante é a relación entre abuso ou adicción ao alcohol e a existencia de violencia nas relacións sociais e afectivas, sendo un factor de risco tanto na realización de actos violentos como ser vítima dos mesmos.
Con este panorama tan desolador, realmente pódese tomar unha decisión semellante sobre a Unidade de Alcoholismo? Están xogando coa vida da xente. Non existe un só criterio asistencial ou técnico en tal decisión. A gravidade da problemática relacionada co alcoholismo, con complicacións orgánicas, problemas de saúde mental, risco de suicidio ou afectación socioeconómica, xustifica a necesidade indiscutible de manter a Unidade de Alcoholismo con todos os recursos e a tempo completo.  Existe un nerviosismo e preocupación importantes na Consellería de sanidade, porque a pesar do discurso triunfalista sobre a bondade do Plan de Saúde Mental poscovid 2020-24, os datos que se van coñecendo ano tras ano revelan o fracaso do mesmo. Non se consigue reducir o número de suicidios, nin o consumo de psicofármacos, totalmente disparado incluso en idades moi novas, nin a asistencia a urxencias psiquiátricas, nin as listas de espera para primeiras consultas, que este ano alcanzou o máxico histórico en Galicia no mes de xuño, con 9082 persoas agardando a ser vistas por un/ha especialista de saúde mental.
A Xerencia da área sanitaria de Lugo decide desviar profesionais da unidade de alcoholismo, que teñen unha lista de espera de preto de 2 meses, co único fin de diminuír a espera xeral na área sanitaria, que alcanza as 1500 persoas en xuño, e é previsible que sexa maior cando se publiquen os datos de final de ano. Dúas facultativas deixan de atender seu traballo habitual, só para exercer unha influencia marxinal nos datos macro, que non van a mellorar con esta decisión. Como di o refrán, espir a un santo para (mal)vestir a outro.
É unha decisión torpe por parte da xefatura de servizo e da xerencia de área. Con repercusións irreparables para a vida de moita xente.
Facemos un chamamento á sociedade civil, sindicatos, representantes políticos e asociacións profesionais para esixir á Consellería de Sanidade que paralice a decisión de perder un recurso asistencial en saúde mental tan importante como é a atención a persoas con problemas de alcoholismo. Debe manterse a prestación tal e como se realiza ata agora, coa dotación profesional completa e valorar o reforzo da unidade de ser necesario.
Realizaremos todas as accións necesarias para que non teña lugar unha decisión tan irresponsable e perigosa para a vida das persoas e ineficaz en canto a resultados.
2 Comments - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *