Blog

A ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA NON ESTÁ PREPARADA PARA AFRONTAR A CRISE COVID

A ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL EN GALICIA NON ESTÁ PREPARADA PARA AFRONTAR A CRISE COVID

Reunión do Movemento Galego da Saúde Mental co Bloque Nacionalista Galego.

Mércores, 2 de decembro.

Parlamento de Galicia

1.- O sistema de atención á saúde mental non está preparado para afrontar o novo escenario que suscita a pandemia por covid.
A pandemia COVID, como antes a crise económica iniciada en 2009, irrompe no contexto dun sistema sanitario fraxilizado tras anos de recortes da inversión, inestabilidade e precarización dos profesionais, e privatizacións. Non estivemos preparados na crise económica anterior, e non estamos preparados nesta nova crise sanitaria que tamén torna social e económica.
A día de hoxe faltan profesionais sanitarios (a metade do recomendado, mais en certas profesións como traballo social ou terapia ocupacional), recursos asistenciais, comunitarios, de vivenda, ocupacionais e laborais; as axendas están sobrecargadas, con consultas de seguimento de 15-20 minutos de duración e intervalo entre consultas de ata 3-4 meses. En decembro de 2019 había cerca de 8400 persoas esperando unha primeira consulta de saúde mental.
Con tal sobrecarga de traballo, os profesionais non teñen tempo para coordinarse con atención primaria e outros servizos sanitarios, sociais ou educativos, por exemplo, imprescindible para realizar unha atención integral, multidisciplinar e multisectorial.
Con esta precarización do traballo e a súa organización non hai posibilidade de realizar tratamentos psicolóxicos baseados na evidencia e tal e como recomendan as guías de práctica clínica do Sistema Nacional de Saúde, e facer o seguimento debido aos tratamentos farmacolóxicos que prescribe o psiquiatra.
Non hai información de calidade que guíe as intervencións segundo a situación de cada área sobre número de tentativas ou mortes por suicidio, e as características sociodemográficas e clínicas ou sobre a prevalencia dos diferentes problemas de saúde mental. Os datos de suicidio sábense a un ano ou ano e medio vista. O último estudio realizado sobre prevalencia de trastornos mentais parte dunha mostra de hai 10 anos, co que precisaría actualizarse.
Nun informe emitido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co que se subscribiu un convenio para realizar atención psicolóxica telefónica ante a covid entre os meses de abril e xuño de 2020, resaltan que máis da metade das persoas que atenderon xa estaban a tratamento psicolóxico ou farmacolóxico, o que da a idea de empeoramento durante a pandemia, pero tamén as dificultades de accesibilidade ao profesional de referencia na sanidade pública.
Nos primeiros meses da pandemia, cando non se fixo apenas consultas presenciais, o modo de realizar o seguimento foi a través do teléfono. A pesar de que se programa como prioridade no Plan de Saúde Mental pos-covid, publicado en xuño, non se realizou ningunha mellora para adaptar a atención en caso necesario a través de TICs.

2.- A atención á saúde mental incumpre os principios da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU) Persisten prácticas lesivas como o uso da contención mecánica, as dificultades na libre elección de alternativas terapéuticas ou da planificación anticipada de decisións. Aínda non se resolveron todas deficiencias que o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) do Defensor del Pueblo advertiu no seu informe sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.
As persoas diagnosticadas non teñen espazos de participación real, en primeira persoa, que fomenten a autonomía e a capacidade para tomar decisións non mediadas por técnicos ou profesionais.

3.- A filosofía asistencial predominante non recolle debidamente o estado do coñecemento sobre os determinantes estruturais e sociais da saúde mental. O modelo segue a ser maioritariamente bioloxicista. Non ten en conta os determinantes socioeconómicos e factores estruturais, políticos e sociais que están na base do malestar e afectan á saúde mental e física das persoas: as violencias e discriminacións, as desigualdades de xénero, as condicións de vida e laborais de precarización e pobreza, entre outras, tal como propugna a OMS, ou a ONU.
Sendo un enfoque reducionista, individualiza o sufrimento, psiquiatriza o malestar, o que non facilita a superación do estigma co que se asocian os problemas de saúde mental.

4.- Previsión a medio e longo prazo dos efectos sobre a saúde mental pola pandemia covid
A OMS prevé un aumento dos problemas de saúde mental e recomenda unha inversión forte e decidida por parte dos distintos gobernos.
De sempre, recomendou reforzar tanto a Atención Primaria coo a de Saúde mental. Hai quen fala de “cuarta onda, de saúde mental”, que implica tanto os efectos na saúde, como económicos e sociais, intersección que inflúe especialmente no estado psicolóxico da poboación.
Con cautela, pero coa experiencia que marcou a crise económica da pasada década, temos que estar pendentes do aumento de problemas de saúde mental, sobre todo afectivos e de ansiedade; de posible aumento nas tentativas e mortes por suicidio, e tamén de aumento de consumo de psicofármacos.
Os colectivos en situación de maior vulnerabilidade serán aqueles que estean en condicións máis precarias (situación de desemprego; mulleres con maior nivel de sobrecarga -e que nesta pandemia asumen a maior parte dos coidados, remunerados ou non; persoas en situación de pobreza, en infravivenda; infancia en exclusión social; ou persoas con trastorno mental grave).

5.- En que situación está o Plan Galego de Saúde Mental pos-covid?
6 meses despois da súa publicación apenas hai novidades e menos accións reais e efectivas.
Hai uns días comezouse a facer algunhas das contratación previstas para o ano 2020 (que serían un total de 55 profesionais, se cumprisen esta previsión). Non é moi confiable un plan que espera ata o último momento como para poder xustificar o balance anual.
Anunciouse un total de 241 novos profesionais ao rematar o plan no 2024. Se así fora, aínda con ese aumento prometido, non chegaría á metade do recomendado pola propia consellería hai 20 anos.
É un plan moi necesario. Nace con eivas profundas no aspecto de modelo de saúde mental. Non pode ser só unha declaración de intencións como está sendo o Plan galego de prevención de suicidio.

 

Queremos anunciar o acto “contención cero” para o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, ás 18:00 horas na Praza do Toural (Santiago de Compostela), para reivindicar a erradicación das contencións mecánicas, como práctica que vulnera os dereitos das persoas.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *