Blog

NOVIDADES SOBRE A ACTUACIÓN DO MECANISMO NACIONAL DE PREVENCIÓN DA TORTURA-MNP (DEFENSOR DEL PUEBLO) SOBRE O HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO

NOVIDADES SOBRE A ACTUACIÓN DO MECANISMO NACIONAL DE PREVENCIÓN DA TORTURA-MNP (DEFENSOR DEL PUEBLO) SOBRE O HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO

Desde 2017, o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura-MNP (que en España exerce o Defensor del Pueblo no marco da Convención das Nacións Unidas contra a tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanos ou degradantes do ano 1984) realiza un seguimento do informe elaborado a propósito do Hospital Psiquiátrico de Conxo, a tenor da visita realizada nese ano.

Como veredes no enlace, en setembro de 2019, o MNP realizou unha ampliación de actuación, ao advertir graves actuación en relación con contencións mecánicas. Tamén sinala que está á espera de contestación do Comité de Ética Asistencial da Área Sanitaria de Santiago sobre cuestións de dereito á protección á intimidade das persoas que residen no centro sanitario.

A Xunta tiña un mes para emitir resposta ás consideracións e recomendacións que fai a institución do Defensor del Pueblo, tal como se especifica na lexislación. En xaneiro de 2020 constatamos que non se tivera dado resposta algunha por parte do goberno galego.

As fichas de seguimento das visitas que se realizan por parte de MNP son públicas na súa páxina web e se van actualizando conforme hai novidades, tendo constancia do estado na data de visualización. Por este motivo, podemos saber que a Xunta de Galicia finalmente aceptou a recomendación de proceder a dar as instrucións oportunas para modificar o sistema IANUS coa finalidade de, en caso necesario, poder obter datos correctos e fiables sobre as contencións mecánicas aplicadas e o seu seguimento, así como calquera outra circunstancia relacionada cos pacientes sometidos a estas medidas.

É un paso importante, que implica coñecer a situación que se está a dar na actualidade no número, tempo, duración, notificación ás autoridades, profesionais responsables e outras medidas que han de darse para o control das contencións. Totalmente insuficiente e extemporáneo tendo en conta que estas esixencias estanse a recomendar por diferentes organismos e administracións desde hai más de 20 anos. Totalmente alonxado do obxectivo que deberamos cumprir coa maior celeridade: a contención cero.

Aceptar esta recomendación do MNP-Defensor del Pueblo non implica ademais que se puxera en práctica, algo que aínda non se realizou.

É necesario seguir defendendo o enfoque de dereitos como base esencial da atencións ás persoas que acoden cun problema de saúde. É urxente desterrar prácticas lesivas cos dereitos humanos.

O DÍA 10 DE DECEMBRO, DÍA DOS DEREITOS HUMANOS, REALIZARASE O ACTO “CONTENCIÓN CERO” CON FIN DE VISIBILIZAR, SENSIBILIZAR E DENUNCIAR ESTA PRACTICA E PEDIR A SÚA ERRADICACIÓN..

PRAZA DO TOURAL (SANTIAGO DE COMPOSTELA), ÁS 18: 00 HORAS

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*