FRONTE A CONFRONTACIÓN POLÍTICA, MÁIS COMUNIDADE. UNHA RESPOSTA SOCIAL Á PANDEMIA.
Asistimos abraiadas, desde o inicio da emerxencia sanitaria, a un espectáculo abafante onde a pandemia se converte nun elemento máis de confrontación política, onde quen teñen responsabilidades na xestión pública están máis centrados en atender aos seus intereses partidistas que en coordinar unha saída colectiva que sexa o menos gravosa posible: implica non deixar a ninguén atrás; que non supoña un “sálvese quen poida”; que non entrañe unha rapina do ben común; que non profundice ata o impensable a fenda das desigualdades sociais; que poidamos mirarnos sen vergoña nin culpa. Que poidamos, ao fin, sentirnos orgullosas da nosa resposta como sociedade.
Porque esta emerxencia é colectiva: na súa orixe e na súa resolución. E só podemos resolvela desde o sentido psicolóxico de comunidade, que vai máis aló do xeográfico, do administrativo e do control normativo.
Sentirse comunidade é identificarse como tal, cun sentido de pertenza e unidade, participar na análise dos problemas sociais e na súa solución desde a asunción da responsabilidade colectiva, a actitude de cooperación e a reivindicación do seu protagonismo. Significa tamén manter as relacións afectivas e coidarse sen caer na apatía. Mostrámolo dun xeito innegable desde os inicios desta pandemia.
Os xestores políticos saben de todo isto. Saben que unha boa comunicación e xestión nas emerxencias SALVA VIDAS e reduce o impacto físico e psicosocial das pandemias. Coñecen o fundamental de gañar a confianza e a credibilidade como autoridades que han de xestionar a crise para a súa eficaz resolución, máxime cando implica que a poboación deba asumir enormes sacrificios persoais e colectivos. A confianza non é unha cuestión de fe, nin un cheque en branco.
Pero sabendo todo isto empéñanse en discursos que crean fragmentación na comunidade no momento máis vulnerable posible. Nas últimas semanas fíxose moi evidente, sen asumir por parte dos nosos gobernantes ningunha responsabilidade propia, un discurso constantemente culpabilizador de todos os colectivos imaxinables: dos profesionais sanitarios aos que acusan de neglixencia ao contaxiarse; dos profesionais das residencias de maiores que traen “de fóra” o virus; da mocidade porque fan botellón; dos clientes dos locais de ocio e culturais; das familias que se reúnen; do profesorado…. discursos que serven para amonestar á poboación tratándoos de inmaduros e irresponsables. Nunca foi exitosa unha campaña de prevención que acusa e fragmenta.
Que se consegue con estas tácticas do poder? O declive da comunidade: a desorganización social, a perda da solidariedade, o auxe do individualismo, a alienación e o desarraigo psicolóxico. Divididas, enfrontadas e desmoralizadas, as comunidades atópanse nunhas condicións onde se alimenta unha crispación social perigosa, desde a “policía de balcón” das primeiras semanas ata o clima de enfado e irritación coas traballadoras dos centros de saúde por non poder ser atendidos presencialmente (“a sanidade do futuro” das consultas telefónicas, dicía o presidente da Xunta de Galicia cando impuxo este xeito de organizar a consulta sanitaria). Descoñecemos a profundidade da catástrofe sanitaria e económica que temos no presente, e o alcance da ruptura social que podemos ter no horizonte.
Preocupadas por esta deriva cara a división e a atomización da comunidade e a debilitación dos vínculos e o falso discurso da incompetencia e irresponsabilidade individual, cremos preciso chamar a RESISTIR:
-
- Á cidadanía: recordando as aportacións valiosas e o enorme caudal de solidariedade mostrada desde os primeiros días. O traballo esforzado con que tantas comunidades veciñais e de barrio colaboran a día de hoxe para resolver a vida de moitas persoas que o necesitan é unha mostra incuestionable deste compromiso e responsabilidade.
-
- Ás profesionais de todos os sectores, sanitarios e non sanitarios: para que sigan facendo o que saben facer, tamén o que foron aprendendo nestes meses tan duros. O gran labor de equipo conseguido, ás veces sen medios pero sempre con rigor e sentido ético.
-
- Aos colectivos activistas da sanidade, educación, medio ambiente, xustiza … mantendo a forza sempre mostrada, cun plus de creatividade para solventar as dificultades para reunirse e organizarse.
Reconstruír o sentido de comunidade, as redes de apoio mutuo, a resolución das necesidades colectivas e as reivindicacións lexítimas, a preservación dos servizos públicos como ben común, a fiscalización do facer dos representantes públicos …. é a nosa tarefa, socialmente estabilizadora no momento máis sensible que podemos recordar.
Porque fomos, seremos
Que ninguén quede atrás