POR ANDREAS, COA XENTE QUE A QUERÍA CONTENCIÓNS 0
Soubemos hai casi dous anos, polas mobilizacións que contra o uso da contención mecánica se viñan desenvolvendo en Oviedo, da morte dunha persoa estando nesa situación no Hospital Universitario Central de Asturias.
Coñecemos agora polas declaracións realizadas a medios de comunicación por familiares de Andreas, a muller falecida, as circunstancias nas que se produciu esa morte.
Estamos alarmadas, preocupadas, doídas, indignadas.
Sentímonos ao carón de tódalas persoas que sufriron a perda de Andreas. Estamos unidas na súa pena, no seu espanto, na súa indignación, na súa reivindicación de xustiza.
Somos parte dese movemento que esixe a abolición da violencia e da contención mecánica na atención ao sufrimento das persoas, e que reclama que esa atención se realice respectando os Dereitos Humanos.
É ineludible, sen condicións, sen matices, sen vacilacións, o compromiso co obxectivo Contencións 0.
É fundamental definir xa en cada hospital, en cada centro asistencial, en cada asociación, en cada movemento, as medidas concretas para avanzar cara a erradicación desta práctica arcaica, violenta e tan gravemente daniña para as persoas que a sofren.
Hoxe Andreas, e o sufrimento que nela imaxinamos, conmóvenos.
A súa dor e a de quen a quería é un poderoso motivo para redobrar o esforzo a prol da erradicación da contención mecánica e da defensa dos dereitos das persoas na asistencia sanitaria.