Saúde Mental

Rolda de prensa do MGSM: significativo aumento dos suicidios

Rolda de prensa do MGSM: significativo aumento dos suicidios
                           Foto: @copgalicia
Onte, día 11 de marzo, o MGSM convocou unha rolda de prensa para dar conta dunha das preocupacións máis graves no eido da saúde mental: o aumento no número de suicidios, e a falta de información ao respecto por parte das autoridades. 
O acto contou cunha ampla asistencia de medios, que se traduciu nestas horas posteriores nunha ampla cobertura mediática dos datos achegados polo MGSM.
Para a vosa información, reproducimos aquí a nota de prensa de Eliana Martíns e as diversas novas ao respecto.
O Movemento Galego da Saúde Mental alerta do significativo incremento do suicidio en Galicia
O Movemento Galego da Saúde Mental presentou o día 11 de marzo de 2015 en Santiago de Compostela a súa valoración sobre o que considera como alarmante incremento da taxa de suicidio en Galicia. Baseándose nos propios datos que manexa, estímase que a taxa chegou en 2014 a 14 casos de suicidio por cada cen mil habitantes, unha cifra 2 puntos superior á de 2013 (12,03 por cada cen mil habitantes en Galicia fronte ao 8,3 no conxunto do Estado).
Segundo o portavoz do MGSM, Miguel Anxo García Álvarez, este espectacular incremento que se vén producindo desde o comezo da crise, garda relación directa coas consecuencias da crise. “A crise creou as condicións de risco, un risco xa avisado pola Organización Mundial da Saúde, que sinalara as accións para amortecelas. A ausencia de acción do Goberno é o que nos leva a esta situación”. 
En canto á responsabilidade administrativa, o MGSM amosouse tallante: “un goberno sanitario debe darse por fracasado se no seu mandato as previsións realizadas por un organismo como a OMS se cumpren con danos á poboación”.

“Encadeamos 4 anos seguidos de subidas. O incremento está sendo alarmante”, tendo en conta que en 2010 a taxa de suicidios na comunidade era de 9,81 por cada cen mil habitantes. En cifras absolutas, as persoas que se quitaron a vida en Galicia foron 390 segundo os datos propios do MGSM, fronte ás 333 de 2013.

Cómpre resaltar que na única provincia que conta cunha unidade sanitaria especializada na prevención do suicidio, Ourense, se produciu unha redución máis notable da taxa de suicidio. Esta cuestión ten unha maior incidencia en Galicia, onde sempre presentou unha taxa de suicidio superior á da media do Estado.

Estas repercusións da crise percibíronse noutros ámbitos da vida das galegas e dos galegos, tal e como indicou o MGSM, co que o aumento de casos de suicidio é un terrible indicador da gravidade da situación. 

Segundo o informe SESPAS produciuse un incremento no consumo de antidepresivos, de hipnóticos e de tranquilizantes, e tamén aumentaron os trastornos de ánimo ou o incremento de consumo de alcol, por exemplo. Circunstancias que se deben a un cambio “significativo” das condicións de vida da cidadanía.

Houbo fortes críticas sobre a tardanza na publicación dos datos por parte do Instituto Nacional de Estatística, que deixou pasar un ano ata informar sobre os falecementos por suicidio. “Este retraso amortece os efectos sobre a sociedade porque xa queda lonxe no tempo”, indicou o portavoz do MGSM, Miguel Anxo García. “Alertamos sobre os danos aos dereitos e ás prestacións da poboación”, e sinalouse unha política restritiva na hospitalización psiquiátrica para ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos.

O MGSM nacía en marzo de 2013 e tal e como indicou o propio García Álvarez, “o que nos alertou hai un ano segue aí”, e engadiu que os datos e as reflexións expostas constitúen unha “situación alarmante para quen traballamos en saúde mental”. 

Reivindicaron que se cumpran as recomendacións da OMS encamiñadas a aliviar a carga da débeda sobre as familias, aplicar políticas activas de emprego, de proteción social, de atención sanitaria, para frear as insoportables consecuencias que está a ter sobre a cidadanía esta crise económica.

    1. Os casos de suicidios ascende a 390 en 2014, segundo os datos propios do MGSM.


    2. O Movemento denuncia a falta de transparencia na información por parte das autoridades públicas.

    3. Asocian este preocupante incremento á inacción das autoridades sanitarias.

Podedes consultar as novas de prensa no noso blogroll ou clicando nas seguintes ligazóns: Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Europa Press, La Voz de Galicia, Diario Médico.

Read More

Mobilizacións do dí­a 10 de Outubro

Mobilizacións do dí­a 10 de Outubro
Durante o día 10 de outubro, o MGSM organizou diversos actos reinvindicativos nas diferentes áreas sanitarias, con grande implicación e participación de profesionais, usuarios e familiares.

Queremos agradecer a vosa colaboración para facer desta xornada de sensibilización e reivindicación todo un éxito. As pancartas, chapas e carteis do MGSM inundaron todos os centros, visibilizando o noso compromiso en torno ao trastorno mental grave (TMG) e o abandono institucional sufrido por este colectivo. Tamén aparecemos en prensa e televisión, e presentamos a nosa proposta ante o Parlamento de Galicia, co apoio de todos os grupos parlamentares da oposición.

Parabéns a tod@s! Sen vós, isto non sería posible!

(podes consultar a nosa galería fotográfica AQUÍ, e a cobertura informativa na lista de ligazóns)

Read More

10 de Outubro, Dí­a Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí­ e agora

10 de Outubro, Dí­a Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí­ e agora
Hoxe, día 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM concentra todos os seus esforzos en visibilizar esta data e a problemática das persoas que padecen Trastorno Mental Grave (TMG). Por este motivo escollemos este lema alternativo, porque cremos que, lonxe das consignas baleiras que nos chegan dende as institucións, é na rúa, nos centros de traballo, nas asociacións e cos usuarios e familias, onde se sitúa o foco da reivindicación.

Non podemos obviar que, dende os mesmos ámbitos dende os que nos chegan mensaxes “anti-estigma” estase a permitir e favorecer o desmantelamento dos servizos sociais e sanitarios, co especial prexuízo que isto causa ás persoas con TMG. Por isto, no MGSM quixemos dotar de contido reinvindicativo real esta xornada, con diferentes iniciativas:
  • Colocación de carteis e pancartas nos diferentes centros sanitarios
  • Confección de murais
  • Chapas para todo o persoal nos centros de traballo
  • Proposta ante o Parlamento de Galicia (podes lela AQUÍ)

 Porque a mellor campaña “anti-estigma” é proporcionar ás persoas con TMG os medios sanitarios, sociais, económicos e de integración laboral para que podan desenvolver plenamente as súas capacidades e diferentes proxectos de vida, con independencia e dignidade.
VIVIR CON TMG, AQUÍ E AGORA
Podes consultar a cobertura informativa no Xornal Praza PúblicaABC e Europa Press clicando aquí ou a través da nosa lista de ligazóns
Read More

Ante unha etapa social e sanitaria decisiva para a Saúde Mental

Ante unha etapa social e sanitaria decisiva para a Saúde Mental

A situación social e sanitaria continúa o seu agravamento progresivo. O peor en enfermidade mental, pobreza e marxinación social aínda está por chegar. Mentresos gobernantes de Madrid e da Xunta felicítanse de acandaren os obxectivos de déficit, agochan que seis mil millóns de euros públicos obtéñenos da perda das prestacións por desemprego (dous de cada tres parados en Galicia non cobra a prestación). E ó mesmo tempo que as autoridades sanitarias “inventan” sistemas para manter á xente enferma ocupando cama nas súas casas, presentando como un éxito de xestión o recorte de camas de hospitalización, empeoran os datos que informan da saúde mental da poboación e do aumento das necesidades asistenciais.
A relación entre pobreza-enfermidade mental-marxinación social e desesperación está ben demostrada. A Consellería de Sanidade ten os datos de como se está a agravar a situación xeral neste eido. Pero mantenos agochados incumprindo o seu deber de información pública. Tampouco presenta ningún plan de actuación, desatendendo a súa obriga. Nada nos anuncia en saúde mental un próximo período mellor. Todo o contrario. A atención á saúde mental tamén seguirá o seu plan de privatización e recortes.
Neste contexto faise aínda máis necesaria a presenza, ampliación, actividade e reforzamento do Movemento Galego da Saúde Mental(MGSM). Dende que se presentou publicamente hai catro meses, o MGSM contribuíu de xeito importante a poñer a situación da saúde mental en lugar relevante entre as preocupacións informativas e políticas, ampliou e diversificou a súa composición, enfrontouse a intentos de redución de recursos, denunciou movementos cara a privatización de servizos, formulou análises e alternativas, e xuntou a máis de duascentas persoas na Xornada recentemente celebrada en Compostela.
Comprobamos que con traballo, razóns, argumentos, e decisión pódese facer fronte ás actuacións que están a danar o patrimonio sanitario común, e que poñen en risco a asistencia sanitaria da poboación.
Temos por diante unha etapa preocupante. Aínda non chegou a crista da onda do dano social e sanitario causado pola solución que dende os gobernos central e autonómico se está a dar á crise. Debemos prepararnos, porque veñen máis intentos de redución do patrimonio común e dos dereitos sanitarios e sociais, máis limitación ás prestacións, máis privatización. En definitiva, máis dano á asistencia á saúde mental da poboación.
Temos varias tarefas principais para o tempo vindeiro:
  • Cómpre ampliar e reforzar a unidade e diversidade do MGSM, buscando o compromiso de todos quen comparten a súa Declaración Fundacional, o seu compromiso e o seu traballo.
  • Tense que seguir con atención o desenvolvemento das reformas legais en proxecto, nomeadamente a do Código Penal.
  • Hai que xerar en cada Área Sanitaria organización e actividade para enfrontar o deterioro dos recursos e as actuacións antidemocráticas dos xestores en cada lugar onde ocorra.
  • Débese avanzar con rigor técnico na definición de propostas sanitarias e sociais concretas, para corrixir o deterioro da atención á saúde mental, e en particular aquelas que resposten ás necesidades das persoas con trastorno mental grave e as súas familias.
  • Temos que defender e denunciar calquera dano ós recursos e dereitos sanitarios, sociais ou laborais.
  • Cómpre manter a actividade sensibilizadora social e a cooperación cos medios de comunicación, así como promover nas Institucións posicionamentos de defensa da saúde mental da poboación.
  • Débese, por todos e cada un de nós, desenvolver o noso traballo cun compromiso activo ca defensa dunha atención sanitaria de calidade e do sistema sanitario público.
Nun tempo inmediato comenzamos xa a organizar as accións que han de dar ó Día Mundial da Saúde Mental, a celebrar o 10 de outubro, o seu xusto significado, aquí e agora, para que sexa protagonizado por quen padece os problemas e por quen contribúe ás solucións. Nese día deixaremos atrás, ca participación de todos, as meras accións autopropagandísticas ás que nos teñen acostumados dende a Consellería de Sanidade.,
É todo este un traballo ó que chamamos a todas as persoas sensibles e solidarias, comprometidas co ben común, convencidas de que a igualdade e a xustiza son as bases máis desexables e firmes para a convivencia.
Para todo iso o Movemento debe ser un instrumento útil, facilitador da participación e coordinador da pluralidade e a creatividade de todos quen o compoñen.
Read More