Blog

A DISCRIMINACION DAS MULLERES A TRAVÉS DA SAÚDE MENTAL

A DISCRIMINACION DAS MULLERES A TRAVÉS DA SAÚDE MENTAL

por Rosa Cerqueiro Landin, Psicóloga clínica do Sergas e Voceira do Movemento Galego de Saúde Mental.

Ao longo da historia, a discriminación das mulleres asentouse en discursos creados para manter un statu quo de dominación patriarcal.

A muller foi considerada como inferior ao home, subordinada a este e ademais acusada de defectos morais e culpable dos males do mundo (mito de Eva); tamén considerada como un ser inferior por carecer das capacidades intelectuais necesarias (discurso construído para xustificar a negación do dereito á educación e á cultura); o discurso das diferencias físicas, valoradas como defectos, impediu por moito tempo o acceso ao traballo remunerado e polo tanto ás condicións de igualdade e independencia; e cando todo o anterior non se puido soster de xeito indefinido, emerxeu con máis forza (pero sempre estivo alí) o discurso da inferioridade ou debilidade psicolóxica, atribuíndo á muller trazos emocionais como o de ser voluble, irracional, impulsiva, inestable… e polo tanto necesitada de ser “protexida”, supervisada e relegada a tarefas domésticas para non acceder en igualdade de oportunidades aos ámbitos de decisión públicos.

Os avances son evidentes, un logro social produto do esforzo de tantas mulleres e homes anónimas/os e de sacrificios e perdas dorosas por persoas que se significaron. Aínda así, estamos moi lonxe de acadar un horizonte de igualdade.

O ámbito da psiquiatría e a saúde mental non é alleo aos estereotipos de xénero que sosteñen a estrutura patriarcal. As mulleres fomos (e somos) tratadas como tolas polo mesmo feito de ser mulleres (a “histeria” feminina, termo que significa útero en grego), ou con trastornos mentais produto da nosa natureza, como a depresión puerperal, ansiedades da lactación, a menstruación ou o climaterio. Mesmo existe abundante bibliografía sobre problemas de saúde mental asociados en exclusiva co sexo biolóxico sen ter en conta os evidentes condicionantes de xénero (culturais).

Curiosamente, polo contraditorio, a nosa “diferencia biolóxica” fai que as mulleres non esteamos adecuadamente representadas na investigación en saúde, polo que se asume unha visión androcéntrica que pode ter implicacións perigosas. Non é excepcional que homes e mulleres cos mesmos síntomas físicos se diagnostiquen de forma diferente, sendo as mulleres quen con maior frecuencia obteñen un diagnóstico erróneo de enfermidade mental.

Pero ademais, e combinado cun nesgo moralista, as mulleres fomos as culpables dos trastornos mentais das nosas fillas e fillos: eramos as causantes das neuroses e das psicoses (“nai esquizofrenóxena”), do autismo e das psicopatías. Muller, maldade e enfermidade mental convértense nun trinomio asfixiante. Se engadimos actitudes paternalistas que levan a que, por exemplo, as mulleres con diversidade funcional poden ser forzadas a esterilizacións involuntarias (unha vez modificada xudicialmente a súa capacidade e tuteladas de por vida) en maior medida que os homes, a posición da muller queda nun camiño intermedio entre a maldade e a debilidade, pero nunca no espazo da capacidade e a responsabilidade.

Esta pequena mostra dá unha idea da influencia da construción social da enfermidade mental por razóns de xénero. Pero hai máis: as desigualdades estruturais de xénero derivadas da socialización patriarcal son a causa de importantes problemas de saúde mental nas mulleres.

Os roles diferenciados de xénero seguen a dominar en homes e mulleres, aínda que afortunadamente a sociedade sexa cada vez máis diversa. Ás mulleres identifícasenos, e identificámonos, desde a sensibilidade, abnegación e renuncia, capacidade de coidado, empatía, dependencia, desexo de agradar ou a depositaria afectiva na unión familiar. Isto fai que, nunha sociedade formalmente igualitaria, asumamos cada vez máis roles, pero sen compartir os que xa tiñamos. E procurando non perder o equilibrio afectivo-emocional para non ser mal vistas. O resultado: a culpa por non poder atender a todos os requerimentos, a sobrecarga e o cansazo pola dobre ou triple xornada de traballo… exprésanse en síntomas que se valoran en non poucas ocasións con desprezo, condescendencia e medicalización (as estatísticas sobre o aumento do uso de ansiolíticos e antidepresivos e a prescrición diferencial entre os homes e mulleres son moi esclarecedoras).

E moito peor: a violencia estrutural, cultural, simbólica e directa ten como diana preferente á muller.

A pobreza ten faciana de muller: sobre todo de mulleres xoves, maiores, migrantes, mulleres que viven nas áreas rurais e aquelas que se fan cargo en solitario da crianza dos fillos e fillas (familias monomarentais). Temos un peor acceso ao mundo laboral, en peores condicións, a tempo parcial, postos menos cualificados e remunerados. Máis expostas á discriminación, o acoso e aos abusos no lugar de traballo.

Sen posibilidades efectivas de emancipación e autonomía, sufrimos máis situacións de violencia de xénero. O corpo da muller como terreo explotado: corpo violentado, agredido, corpo forzado, corpo escravizado. Corpo que rexeitamos con máis frecuencia que os homes, pola presión da idealización estética que impregna a nosa identidade desde moi novas. Unha identidade fragmentada por tantos mandatos desiguais.

E todos estes factores estruturais de desigualdade e dominación da muller traen consigo problemas emocionais que, con moita frecuencia, son etiquetados e tratados como enfermidades mentais individuais (por tanto enmarcados no espazo privado do que sempre nos costou saír ás mulleres), de orixe biolóxica, de evolución crónica, que crea unha dinámica en bucle que provoca máis estigmatización, discriminación e cronificación. Aspectos negativos que levamos arrastrando na atención psiquiátrica desde os inicios, que manteñen prácticas abusivas como son as contencións mecánicas e químicas.

É urxente rachar coa fenda de xénero existente, mantendo unha posición colectiva crítica fronte aos discursos dominantes do poder patriarcal (tamén en saúde mental). Habemos de eliminar a coerción como modelo de atención, fortalecendo un enfoque baseado nos dereitos, onde se aborden os determinantes estruturais do malestar psíquico (entre outros as desigualdades sociais, a discriminación e os abusos). Un modelo de recuperación onde sexa prioritario que as persoas diagnosticadas teñan un lugar principal en todos os espazos de decisión das políticas de saúde, en primeira persoa, para que nunca máis permanezan invisibilizadas, estigmatizadas e silenciadas.

 

Publicado orixinalmente na web do Valedor do Pobo 

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*