Blog

SEGUIMENTO DAS INCIDENCIAS NO COLECTIVO DE SAÚDE MENTAL NA EMERXENCIA COVID 19

Recoñecemento do papel do persoal de enfermaría na protección dos pacientes e persoal nas unidades de ingreso e residenciais psiquiátricas.
Temos coñecemento de que, en ausencia de plans de continxencia dos servizos de psiquiatría, en especial para as unidades de ingreso, o persoal de enfermaría está a tomar a iniciativa de planificar e adaptar posibles espazos para diminuír o risco de propagación do contaxio en pacientes e traballadores. Lévano facendo desde os primeiros días da emerxencia sanitaria, conscientes e preocupadas polas posibles repercusións e complicacións na saúde das persoas ingresadas, en moitos casos de avanzada idade ou con patoloxías médicas concorrentes.
Galicia conta actualmente con 400 prazas públicas en hospitais psiquiátricos e unidades de rehabilitación, polo que o risco de contaxio ou as súas consecuencias poden ser elevados. É fundamental extremar as precaucións que permitan coidar a persoas en situacións de especial vulnerabilidade, e poder facelo, por parte dos traballadores, en condicións óptimas de seguridade, contando cos EPIs e outras medidas de protección.
O presidente da Xunta de Galicia declarou onte que se espera un mes de abril peor que o de  marzo,  e neste tipo de recursos asistenciais conviven diariamente un número importante de persoas. Facemos extensible esta preocupación a centros sociosanitarios e residencias da terceira idade na que viven persoas con trastorno mental grave, que con frecuencia non teñen familiares ou alternativas onde vivir, e están mais expostos a situacións de fraxilidade física e psíquica. Temos que estar moi atentos e anticiparnos aos problemas que poidan xurdir nas vindeiras semanas.
Non se pode perder tempo. Ninguén pode quedar atrás.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*