SEGUIMENTO INCIDENCIAS NO COLECTIVO DE SAÚDE MENTAL NA EMERXENCIA COVID-19
Servizo de psiquiatría de Ourense. 27/3/2020
Tal como nos temíamos que ía ocorrer, notificáronse varios contaxios no persoal e pacientes ingresados no Servizo de Psiquiatría de Ourense. E hai máis persoas esperando polo resultado das probas.
Dada a potencia de transmisión do contaxio do COVID-19 non se pode garantir que non se dean casos positivos nos servizos de saúde mental. Pero é dunha gravidade inxustificable que nas semanas previas (desde a Declaración do estado de emerxencia en Galicia, e o Estado de Alarma en España) non se elaborase un plan de continxencia no servizo de psiquiatría que establecese as medidas de protección óptimas para persoal e pacientes, e alternativas de ingreso no caso de pacientes afectados para diminuír as posibilidades de transmisión do virus, sen que repercuta na atención á saúde mental que reciben.
Debe establecerse coa máxima celeridade un plan de continxencia para os casos actuais e todos os novos que se poidan producir nas próximas semanas. Sen máis atrasos. Non se debe minimizar a posibilidade de que existan novos contaxios, ou as complicacións médicas que poidan producirse, porque sería unha irresponsabilidade con consecuencias na protección da saúde dos doentes e profesionais.
Non é o único servizo de psiquiatría que non conta na actualidade cun plan de continxencia elaborado e difundido de forma oficial, de tal xeito que todo o persoal coñeza que hai que facer en caso necesario, e non exista a sensación de improvisación constante. No Hospital Psiquiátrico de Conxo están intentando arranxar a situación que denunciamos hai uns días. Ése é o camiño.
Temos de ser moi rigorosos nas medidas de protección e prever os posibles escenarios que esta emerxencia sanitaria pode producir, e con este obxectivo facemos unha chamada á acción responsable.
Non se pode perder tempo. Ninguén pode quedar atrás.