Blog

Informe da Asemblea do MGSM

Informe da Asemblea do MGSM

Á unha e media da tarde do 17 de xuño, no salón de actos do Colexio Maior Xelmírez da USC, en Santiago, realizouse a Asemblea do MGSM, diante da cal se presentou o informe da actividade desenvolvida ó longo do ano que discorre dende a última asamblea, realizada na xornada de maio do ano pasado, e as liñas xerais de actividade para o vindeiro ano, e decidiuse a composición da Coordinadora e Portavocía.

COMPOSICIÓN

A Declaración Fundacional do MGSM está asinada por perto de 450 persoas, sendo a meirande parte profesionais da saúde mental de Galicia.

Ás entidades asinantes engadíronse neste ano tres máis: a A Plataforma en Defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais, a Asociación de Pais e Nais Separados de Galicia e o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

INFORME DE ACTIVIDADE (maio 2016-xuño 2017)

(toda a actividade está recollida na web ou en faceboook do MGSM)

– Desenvolvemento da Campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio. Finalizada coa “badalada” do dia 10 de setembro (Día Mundial de Prevención do Suicidio), unha vez coñecido o compromiso da Consellería de elaborar o Plan de Prevención (reivindicación da campaña). Na actualidade a Consellería de Sanidade aínda está a elaborar o Plan Galego de Prevención do Suicidio. Valórase como un resultado das accións desenvolvidas ó longo dos tres últimos anos.

– Realización o pasado 10 de outubro da xornada sobre “Pobreza e Saúde Mental”, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.

– Participación o 20 de outubro no acto público que sobre a situación da atención á saúde mental no sistema público organizou a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas.

– Investigación e denuncia pública de feitos acontecidos, lesivos dos dereitos das persoas, nos hospitais de: Calde-Lugo (restrición colectiva de dereitos de persoas residentes nese Hospital), Nicolás Peña-Vigo (infradotación de profesionais), Médico-Cirúrxico de Conxo (morte por suicidio de muller ingresada, denuncia de outra de ter sufrido agresión sexual, infradotación de profesionais), Unidade de Hospitalización de Oza-A Coruña (información de paciente falecido en contención mecánica, condicións de funcionamento e dotación desa Unidade-Servizo inaceptables). Cada denuncia foi precedida da investigación correspondente e da contrastación de información. Os motivos de todas esas denuncias, sen excepción, foron negados polos responsables deses servizos. De resultas das mesmas realizáronse cambios en unidades asistenciais ou funcionamentos das mesmas.

– Mantívose reclamación e crítica á actuación da Valedora do Pobo en relación á sua inhibición na investigación da morte dunha paciente na Residencia de Mondoñedo (denunciada publicamente polo MGSM), e á sua proposta de incapacitación de persoas sen fogar que en Santiago foran denunciadas por particulares por exhibición de determinadas condutas públicas.

– Con motivo do inicio da lexislatura no Parlamento de Galicia e para promover a continuidade das cuestións que quedaron pendentes do anterior período de sesións (destacadamente o Plan Galego de Prevención do Suicidio, e o Plan Galego de Saúde Mental), sostivéronse xuntanzas cos Grupos Parlamentarios de En Marea e PSdeG-PSOE.

– Ante a denuncia pública presentada polo acontecido na UHP do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, unha representación do MGSM mantivo unha xuntanza informativa con representantes dos tres grupos da oposición parlamentaria para informar de dotacións, funcionamentos e necesidades nesas Unidades.

-Sostívose presenza nos medios de comunicación trasladándolles informacións, posicionamentos públicos e respondendo ás súas solicitudes de entrevistas e información.

– Recibíronse peticións de familiares de persoas ingresadas ou falecidas por suicidio para orientarse respecto a accións posibles para facer valer dereitos ou reclamacións. Na medida do posible déuselles información sobre procedementos a seguir. Comenza a identificarse a necesidade dun recurso de acollida, apoio e orientación ás reclamacións e cuestións que neste eido presentan as persoas usuarias de servizos de saúde mental.

– Elaborouse mediante a creación dun grupo de traballo específico o documento Orientacións Marco para a Elaboración do Plan Galego de Saúde Mental 2017, remitiuse para a sua valoración a tódalas entidades asinantes do Manifesto do MGSM, e púxose para o seu coñecemento público nas redes, previo á sua discusión e aprobación nesta Asemblea.

-Participouse na actividade de SOS-Sanidade Pública Compostela, representando Ana Riveiro ó MGSM.

– Mantivéronse activos os medios e redes de comunicación do MGSM.

– Organizouse esta IV Xornada do MGSM.

A actividade desenvolvida apróbase pola Asemblea.

DOCUMENTO: Orientacións Marco para a Elaboración do Plan Galego de Saúde Mental 2017

Infórmase do proceso de elaboración seguido e realízanse propostas de modificación que son engadidas ó documento definitivo. Continuarase con desenvolvementos por áreas e temáticas mediante grupos específicos. Apróbase.

LIÑAS XERAIS DE ACTIVIDADE PARA O PRÓXIMO PERÍODO

A guía principal de actuación contense na Declaración Fundacional. A óptica dos dereitos das persoas usuarias de servizos de saúde mental deberá orientar as accións do MGSM , as investigacións de funcionamento de servizos e a elaboración de propostas alternativas á situación actual.

A cuestión das dotacións de recursos e da satisfacción das prestacións sanitarias será outro foco de atención.

A elaboración e valoración de plans (prevención do suicidio, plan de saúde mental) constituirá outra fronte de traballo.

Deberá tamén ser outro campo de traballo a sensibilización social, o mantemento no foco de atención das cuestións da saúde mental (política, social e profesional), a mobilización dos directamente afectados no traballo de xeneración de alternativas e na visibilización das propostas, e o traballo cos medios de comunicación.

ELECCIÓN DA COORDINADORA E PORTAVOCÍA DO MOVEMENTO

Apróbase a seguinte composición: Delia Guitián Rodríguez , Rocío Basanta Matos, Eva Dorado Andrade, Iria Veiga Ramos, María Xosé Abuín Álvarez (CIG Saúde), Ana Riveiro Currais (Federación de Sanidade de CCOO), Miguel Vieito Villar, Benito López-de Abajo Rodríguez, Rosa Cerqueiro Landín, Xavier Sardiña Agra, Marisol Filgueira Bouza, Paula Tomé Espiñeira, Miguel Anxo García Álvarez (portavoz).

Ás tres e cuarto da tarde finaliza a Asamblea.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *