Blog

UN NOVO ANUNCIO POLÍTICO SOBRE O PLAN ESTRATÉXICO DE SAÚDE MENTAL DE GALICIA. NON PODE SER UNHA ESTRATEXIA PROPAGANDÍSTICA EN TEMPO DE ELECCIÓNS

Hai 10 anos que se paralizou o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2006-2011, nunha política máis xeral e sistemática de redución dos servizos públicos, ata un punto case insostible de derrubamento do sistema sanitario público.

Durante anos, o goberno do PP negou categoricamente a necesidade dunha planificación activa e responsable no eido da saúde mental, desoíndo todos os datos, recomendacións e evidencias sobre o aumento dos problemas de saúde mental, sufrimento psíquico, número de suicidios e outros indicadores negativos nos peores anos de recesión económica que vivimos en décadas.

Durante anos, rexeitaron todas as propostas unánimes dos grupos da oposición no Parlamento de Galicia, ata que a negación da realidade e as súas consecuencias eran tan evidentes que o propio Conselleiro de Sanidade anunciou a principios de 2017 que nese mesmo ano se tería elaborado o Plan de Saúde Mental 2017-2020.

De novo, seguimos esperando. Xa van para 3 anos. A Consellería de Sanidade leva uns meses anunciando a próxima publicación e posta en marcha do Plan Estratéxico 2020-2023, con “5 liñas estratéxicas e 112 proxectos”. Pero non sabemos moito máis na súa concreción.

As últimas declaracións do Director Xeral de Asistencial Sanitaria, Jorge Aboal, en novembro, respondendo na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia ás preguntas da deputada Eva Solla sobre a incorporación de profesionais da psicoloxía clínica en Atención Primaria, arroxa unha información moi preocupante sobre o proxecto que ha de liderar a transformación do modelo de atención á saúde mental que precisamos.

Nunhas declaracións moi desafortunadas polo que denotan de descoñecemento e falta de interese sobre as competencias e autonomía profesional do colectivo de psicólogos e psicólogas clínicas, o Director Xeral de Asistencia Sanitaria avanza, como se fora unha innovación, a filosofía que debera estar na base do modelo asistencial do Plan de Saúde Mental: o modelo comunitario, integral, interdisciplinar de traballo dos equipos de saúde mental. Mal asesorado por quen ten competencias planificadoras en materia de saúde mental, queda nunha posición de descrédito presente e futuro, porque este modelo formalmente en vigor e aspiración constante do seu desenvolvemento real, fica inoperante desde hai moitos anos: pola histórica carencia de dotación profesional e a consecuente sobrecarga asistencial que fai imposible manter unha adecuada coordinación nos propios equipos (que dicir de coordinarse con outros servizos ou Administracións!); por unha política opaca e pouco democrática dentro dos Servizos de psiquiatría que dificulta a participación dos seus profesionais; porque quen ten competencias de xestión non asume de facto o modelo biopsicosocial da saúde; pola total falta de liderado en saúde mental na Consellería de Sanidade. Presenta como unha novidade o que vén sendo un constante fracaso desde os inicios, e as súas palabras non trasladan a decisión firme de reverter os vicios de orixe, senón todo o contrario.

Outra suposta novidade que anuncia o Director Xeral de Asistencia Sanitaria é a creación do “Programa de atención colaborativa Saúde Mental-Atención Primaria”, que consistirá en dar formación aos profesionais de Atención Primaria para mellorar a súa capacitación para “coñecer e recoñecer os factores de risco en saúde mental e mellorar a súa capacitación para a aplicación de técnicas psicoterapéuticas”. Isto é unha ofensa para o colectivo profesional de Atención Primaria, xa que as súas carencias non están a nivel formativo ou de capacitación (resulta insultante esta insinuación) senón o que levan anos reivindicando: en dotación de persoal, en falta de investimento, carencia de tempo de consulta para atender en condicións de calidade e seguridade, etc. Ademais, e de novo mal asesorado, esta óptica da colaboración transmite unha idea equivocada de superioridade da Atención hospitalaria fronte a Atención Primaria por parte dos especialistas de saúde mental que non reflicte o parecer xeral, non facilita unha coordinación fructífera, e non vai resolver os problemas de saúde mental desde a Atención Primaria, verdadeiro eixo do sistema sanitario.

O Plan galego de saúde mental é un proxecto longamente esperado, prioritario dada a realidade constatada de empeoramento nos índices de saúde mental da poboación, e esixido reiteradamente polas organizacións internacionais das que España é membro. Non pode ser un documento inservible, unha mera declaración de intencións ou un mero trámite político. Non pode ser un texto formalmente correcto pero baleiro pola falta de concreción efectiva.

Desde a Consellería de Sanidade insisten en que se conta coa participación de pacientes, familiares e profesionais. Pero o certo é que os grupos de traballo conformados maioritariamente por profesionais e, nalgún grupo, por técnicos das asociacións de usuarios/as e familiares, tiveron un seguimento moi irregular en canto a frecuencia e procedementos participativos de traballo, e levan máis de 1 ano sen actividade. Tanto os profesionais como as asociacións e Colexios Profesionais que tiñan representación, non teñen a día de hoxe o borrador do Plan de Saúde Mental (elaborado por consultores privados) para realizar as correccións necesarias ou alegacións ao texto. Non puideron manifestar a súa conformidade ao documento que supostamente co-elaboraron, e moito menos se abriu un prazo para as aportacións que poida facer a cidadanía a través do portal específico de participación.

O Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2020-2023, anunciada a súa presentación para un ano de eleccións autonómicas, non pode servir como estratexia de propaganda electoral. As persoas e colectivos que integraron os grupos de traballo han de manterse alertas ante a súa posible utilización nun acto de manipulación política en que aparecerán como asinantes, e polo tanto, corresponsables do documento definitivo, sen que tiveran a oportunidade de revisar o texto, de presentar alegacións e defender a obriga de transparencia e democratización do proceso elaborativo.

Non se debería refrendar un plan de saúde mental que non conte cos mínimos que se lle ha de esixir a un Plan de Saúde Mental que sexa ambicioso na súa concepción e obxectivos de mellora. Estes mínimos son os que levamos esixindo desde hai anos, e recordamos de novo:

  • O plan debe recoller, previa discusión e con publicidade, as propostas de profesionais da saúde mental do sector público, por quen está afectado polo sufrimento psíquico e por quen ten a obriga legal da planificación sanitaria e a protección e promoción da saúde pública. A presenza de afectados en primeira persoa é unha condición ineludible, en cumprimento dos mandatos internacionais e en continuidade cos progresos xa producidos no ámbito de actuación en actividades similares no Ministerio de Sanidade e no de outras Comunidades Autónomas.

  • O Plan Estratéxico de Saúde Mental para Galicia debe situarse en continuidade coa planificación e a legalidade preexistente. Advertimos da intención de crear unha nova realidade técnica ao servizo da xustificación das accións privatizadoras e a mercantilización terapéutica que actualmente está en execución.

  • O modelo comunitario é a referencia básica na comprensión e resposta ás necesidades de saúde mental das poboacións, non só en España, onde mesmo ten soporte legal, senón en todo o mundo de xeito acorde coas orientacións da Organización Mundial da Saúde.

  • Os dereitos das persoas han de ser a referencia central das accións previstas no Plan. En particular, a implantación do Consentimento Informado e a decisión sobre tratamentos debe contar cun desenvolvemento preciso.

  • A abolición da contención mecánica debe ser formulada explicitamente como obxectivo xunto coa previsión explícita de actuacións para chegar a facela efectiva.

  • O enfoque de xénero debe atravesar tódalas propostas, como corresponde ao coñecemento dispoñible , á sensibilidade social alcanzada e á gravidade do sufrimento que produce a súa desconsideración.

  • A Atención Primaria de Saúde, dotada adecuadamente e reforzada profesionalmente, debe ser o centro de gravidade da futura resposta sanitaria ás necesidades da poboación en saúde mental.

  • A recuperación do equipo interdisciplinar en saúde mental, con igual consideración de tódalas disciplinas profesionais que o deben conformar e en tódalas súas actuacións, é unha proposta básica.

  • As previsións orzamentarias, a cuantificación das necesidades de dotacións materiais e profesionais axustando as previstas no Plan 2006-2011 á evolución sufrida nestes dez anos, a organización temporal da execución e a asignación de responsabilidade expresa ao órgano competente da Administración son unha esixencia básica. A diferencia entre un plan que só é propaganda progubernamental e a acción planificadora responsable á que a cidadanía ten dereito estriba en que o Plan conteña estes desenvolvementos.

Non podemos perder unha oportunidade fundamental para reverter os efectos que as políticas sanitarias de austeridade e desplanificación asistencial tiveron na atención á saúde mental nos peores anos de recesión económica. Non podemos perder a oportunidade de revisar e actualizar os procedementos asistenciais de forma que respecten as resolucións e normativas internacionais en materia de dereitos, algo lonxe de acadar no momento actual e produce vergoña. Non debemos perder de vista a obriga, como cidadanía responsable, de esixir que se cumpran as condicións de atención digna, de calidade e pública.

725 Comments - Leave a Comment
  • Pingback: Galicia, sen plan de saúde mental - Lenda Saúde Mental

  • Leave a comment to Robertjes Cancelar a resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *