Á Valedora do Pobo
Á VALEDORA DO POBO
Estimada Señora:
O pasado dia 5 a persoa responsable de comunicación da Institución, da que Vd. é a actual titular, comunicounos ó Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) o seu interés en “…realizar encontros de traballo con entidades de diferente natureza e do tecido asociativo, en cuxo traballo confiamos firmemente. É por iso que, por encargo da Valedora, nos diriximos a vostedes coa idea de convidalos a manter unha xuntanza nesta sede en data próxima.”. Propoñía a data do vindeiro luns dia 12 para esa entrevista.
Estimamos moito a súa proposta. Vostede xa é coñecedora dunha das nosas máis importantes preocupacións: o inquietante descoñecemento da situación na que se atopan persoas que foron “externalizadas” dos hospitáis psiquiátricos públicos, que se nos fixo tráxicamente patente cando coñecimos a morte por atragoamento dunha paciente con enfermidade mental ingresada nunha residencia de Mondoñedo (a todas luces un lugar inapropiado para o seu estado, como xa denunciaran traballadores/as da mesma residencia). Nós solicitámoslle que investigara, non só ese feito senón tamén o que o mesmo parecía indicar dunha realidade que nos tememos é moito maior: a da reubicación de pacientes residenciais con longa estadía nos hospitais psiquiátricos públicos (previo ó peche dalgúns deses hospitais), baixo o loable e formal propósito da sua “normalización e integración social”, en residencias inadecuadas tanto nas súas dotacións, como en espazos e funcionamentos, e con efectos de desubicación e abandono da continuidade e responsabilidade asistencial polos profesionáis que informaron favorablemente esas “externalizacións”.
A realidade é que, a partir destes comportamentos do sistema sanitario na “xestión de pacientes psiquiátricos asilares” un novo termo veu engadirse ó abundante vocabulario eufemístico das institucións da loucura: “transinstitucionalización” (que nunha das suas dimensións alude á acción de trasladar á persoa con trastorno mental dun espazo sanitario no que se atopa institucionalizada a outro non sanitario no que continua institucionalizada pero que produce a apariencia de cambio na súa situación clínica, civil, e persoal, sendo que no novo espacio pasa a carecer das atencións sanitarias profesionalizadas que necesitaría). Esa“transinstitucionalización” é consecuencia tanto dun plan de transferencia das obrigas cas persoas dende unha Administración (a sanitaria) a outra (a de política social), como da actuación profesional que redefine técnicamente a situación desas persoas en termos que permiten concluir administrativamente que nonnecesita coidados psiquiátricos continuados, o que aboca entón a unha reubicación daquelas nos espazos residenciais dispoñibles dependentes da Administración (a de política social) que acepta a transferencia. A consecuencia é a de atoparnos, por exemplo, con pacientes de Ourense en residencias da área de Santiago, desvelándose así ata que punto a “externalización” foi máis un procesamento administrativo de persoas que un proxecto de coidado responsable guiado pola atención ás necesidades específicas das mesmas.
Xa ve o alcance das nosas preocupacións, e todo eso comunicámosllo. Vostede sabe o que lle contestaron das Consellerías. Nós sabemos o que Vostede nos contestou dando por pechado o tema.
Agradecémoslle moito a sua invitación. Tamén sabe cánto nos preocuparon as súas recentes declaracións sobre a incapacitación dos “sen teito” e a súa idea de “someter a tratamento” a persoas con problemas de saúde mental ou adiccións. Preocupáronnos, enfadáronnos e doéronnos, porque nos fixo sentir que aqueles que se atopan desprotexidos ou en grave risco de marxinación carecían do amparo da Institución que debería mirar por eles.
Dende o dia das súas declaracións e mentras éstas se sosteñan sen rectificar non podemos confiar en Vostede para cumplir a alta misión institucional que ten encomendada. Vostede ten dereito a equivocarse, e sabemos que canto máis alta é a responsabilidade mais grande é o erro, pero tamén que máis valor adquire a rectificación do mesmo, convertíndose esta así en acto de pedagoxía social.
Temos cousas que falar ca Institución que representa. Creemos que son importantes porque afectan a problemas de persoas necesitadas da máxima atención dos poderes públicos. Estaríamos encantados de traballlar con vostede animándoa a que siga a estela de outros valedores que no seu dia fixeron estudos e informes sobre o estado da atención á saúde mental nas súas comunidades, e que mesmo na nosa Institución do Valedor se quixeron iniciar no pasado sin chegar a alcanzar un resultado tanxible. Fai falla unha verdadeira Valedora do Pobo, e máis ainda agora, cando a crise deixou trás de sí o doroso rastro do aumento da pobreza e a desigoaldade. Fai falla alguén que dende a alta, e independente, posición institucional na que se atopa a figura da Valedora asuma como acción prioritaria a defensa ante os poderes públicos dos dereitos dos mais débiles.
Nese traballo, nese apoio á Institución mediante a nosa cooperación, estamos dispostos a comprometernos. Como debe ser.
Pero necesitamos que a súa titular teña un compromiso incuestionable ca defensa sen limitacións dos dereitos dos máis vulnerables. Hoxe creemos que ese compromiso non pode ser creíble mentras non se produza a rectificación pública das tan temibles declaracións antes citadas.
Sentimos non asistir á entrevista con Vostede. Esperamos que poida producirse cando sexa reparada a credibilidade dañada da Institución.
Saiba que entón contará co noso esforzo e cooperación.
Reciba un saúdo
Miguel Anxo García Alvarez
Portavoz do MGSM
Pingback: A VALEDORA COMPARECE NO PARLAMENTO DE GALICIA – Movemento Galego da Saúde Mental
Matematicas, Tecnoloxia e Fisica e Quimica en Secundaria, a aplicacion da denominada lei Wert supon ainda maiores atrancos para o idioma. Asi o venen denunciando A Mesa pola Normalizacion Linguistica e CIG-Ensino, que este luns fixeron entrega dunha queixa dirixida a Valedora do Pobo na que se solicita que inste a Consellaria de Educacion a asegurar “que en todos os cursos da ESO se garanta, como minimo, o mesmo numero de horas de ensino en galego que en espanol”.