Blog

COMUNICADO DO MGSM NO DÍA MUNDIAL DA PREVENCIÓN DO SUICIDIO 2026

En Galicia, case cada día morre unha persoa por suicidio.

303 persoas en 2025.

3500 nos últimos 10 anos.

Que se sabe sobre os motivos e circunstancias que rodean unha morte por suicidio en Galicia?.

Pouco. Case nada.

Temos un coñecemento global e abstracto sobre os distintos factores de risco e protección, individuais e sociais que se relacionan co suicidio. E sabemos que é un fenómeno complexo e multideterminado.

Pero nada sabemos sobre o que ocorreu con cada persoa que se suicidou. A pesar de que o Plan Galego de Prevención do Suicidio de 2017, nunca avaliado e actualizado, resalta como unha liña de actuación “a investigación e alerta epidemiolóxica sobre a conduta suicida”.

A “información de calidade” é un dos prerrequisitos de calquera plan de prevención para que poida guiar as accións, necesariamente coordinadas entre administracións e departamentos gobernamentais.

Son 10 anos dun documento pouco desenvolvido. Parece un libro esquecido nun recuncho da biblioteca que non serve de referencia para políticos, profesionais e cidadanía. Sen valor. Sen orzamento propio. Sen equipo técnico que programe a súa aplicación, avalíe e vixíe polo seu cumprimento.

E agora anúnciase dende a Xunta un novo “plan estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030” onde a prevención do suicidio terá un lugar marxinal, un parágrafo ao sumo, dentro de “novos programas esquecidos-perdón, específicos-para a prevención do suicidio”, situando na orde do persoal-individual-íntimo o que claramente é un problema social e de saúde pública. Pérdese así, outra vez, a oportunidade de encarar a prevención do suicidio desde unha mirada ampla e necesariamente complexa, atendendo ás situacións de vulnerabilidade que se asocian a un maior risco (sen ser exhaustivos: a soidade, a fraxilidade física, as dificultades económicas, a inaccesibilidade a recursos comunitarios, as violencias, as discriminacións, os mandatos de xénero, etc).

Un ano máis repetimos: o suicidio pode previrse. Queda moito por facer.

Son necesarias accións de prevención en todas as políticas, implicando ao gran groso das Consellerías e aos gobernos locais.

A prevención debe ir dende o individual ata o comunitario, e debe ser unha prioridade constante tanto na axenda política como na acción de concienciación social.

E para iso se require: un orzamento, dotación de persoal, vontade política, e responsabilidade por quen ten a obriga de gobernar e atender o interés público.

Esas políticas deben facerse coa implicación da xente, no día a día tódolos días, e non só arredor do 10 de setembro.

O Movemento Galego da Saúde Mental, outro ano mais fai un chamamento á cidadanía a participar no acto Badaladas pola Prevención do Suicidio que terá lugar o xoves 10 de setembro, na Praza de Praterías (Santiago de Compostela) ás 20:00 horas.