Blog

CONXO, OUTRA VEZ. DE NOVO, OS ESQUECIDOS

CONXO, OUTRA VEZ. DE NOVO, OS ESQUECIDOS

En novembro de 2017 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura-MNP (exercido no Estado Español polo Defensor del Pueblo en cumprimento de convenio internacional no marco das Nacións Unidas) visitou o Hospital Psiquiátrico de Conxo e elaborou un crítico e durísimo informe sobre as condicións de estancia dos pacientes ingresados, sobre as vulneracións dos seus dereitos e sobre as condicións de vida e do propio edificio no que estaban a vivir (a miúdo durante moito tempo).

Ese informe xunto con recomendacións (algunhas de obrigado cumprimento pola Xunta de Galicia) tivo un lento discorrer. Quen goberna a Sanidade restou inicialmente importancia á citada visita e ao informe, pero pouco a pouco foi dando satisfacción ao que en realidade se lle reclamaba baixo a forma amable de “propostas”, como non podía ser doutro xeito.

Así, en xullo de 2021 o MNP realizou unha nova visita para avaliar o grao de cumprimento das modificacións planeadas a resultas da anterior. Como sexa que a actitude da Xunta fora a de sacarlle ata entón importancia á intervención dese organismo (compre salientar que a actuación deste deuse en cumprimento de obrigas do Estado Español ante Nacións Unidas), negando as cuestións reflexadas no informe de 2017, e polo tanto incumprindo as recomendacións realizadas, o MNP reiterou (a modo de segundo aviso) as devanditas recomendacións.

E agora si, os responsables sanitarios comezaron a facer algo.

A saber: organizouse no 2022 unha comisión multidisciplinar baixo o nome “Grupo de Traballo de Desenvolvemento do Plan de Calidade do Hospital Psiquiátrico de Conxo” para dar resposta e solución aos problemas salientados, baixo a coordinación dunha dirección e unha subdirección da Xerencia da Area Sanitaria de Santiago-Barbanza, que elaborou un documento-guía de actuacións.

Desas actuacións planificadas deben destacarse:

  • Plan de obras nos edificios (algunhas reclamadas había mais de trinta anos, e sempre pospostas)

  • Apertura, a través de proxectos concretos, dos pacientes ao exterior e viceversa

  • Incremento dos recursos profesionais

  • Ordenación de cambios no funcionamento das Unidades Asistenciais

  • Elaboración de protocolos e documentación

  • Designación de Coordinador do plan de calidade (no que se recollen as anteriores medidas)

  • Realización de xuntanzas frecuentes dos equipos

O efecto desas accións reflexouse na mellora do clima laboral e social no Hospital e na redución da estancia das persoas ingresadas no mesmo.

Conxo podía ir cambiando, e parecía superable o pesimismo sobre a súa posibilidade de transformación.

Pero entre finais de 2023 e primeiros de 2024 cambiaron as responsables (subdirectora e directora) do Grupo de Traballo, antes citado, coordinador da execución das medidas acordadas.

E a partir de entón comeza un drástico cambio: o interese directivo decae, as xuntanzas do Grupo de Traballo distáncianse e baleiranse facendo que o mesmo sexa inoperativo, debilítase a interlocución entre profesionais e directivos da Área, o Coordinador de calidade finaliza o tempo previsto para a súa función e decide non continuar desempeñando esa labor, e identifícase unha redución decisiva do interese dos responsables sanitarios por mellorar Conxo.

E mentres, co expediente do MNP aínda aberto, difúndese o rumor de que este xa está a punto de pecharse.

Como está Conxo a día de hoxe, en relación ao plan que estaba en curso?:

  • Aínda quedan obxectivos por rematar: de rehabilitación e adecuación de espazos tanto no edificio como nas Unidades Asistenciais (só a modo de exemplo debe saberse que hai portas e corredores polos que non cabe unha cama ou non pode xirar en Unidades de pacientes con afectacións somáticas importantes)

  • Persisten condicións residenciais das persoas ingresadas inaceptables e discriminatorias (por exemplo aseos compartidos, intimidades expostas, imposibilidade de elección de menús a diferencia dos demais pacientes de hospitais da Área Sanitaria)

  • Non hai responsable-xefatura que coordine as actuacións no Hospital

  • Xa non hai plan de mellora

  • Están a perderse recursos profesionais (de novo diminución de medios)

  • Para moitos pacientes, as posibilidades dunha alta hospitalaria queda bloqueada non polo seu estado clínico senón porque non hai un desenvolvemento suficiente de alternativas na comunidade, por problemas de vivenda, porque o acceso a residencias está practicamente bloqueado ou por retrasos nos aportes económicos aos que teñen dereito por lentitude burocrática. E de forma paradoxal estase a producir dificultades no ingreso de novos pacientes por falta de prazas libres

Conxo volve a sufrir o abandono e con iso o reforzamento do estigma e a inxustiza sobre os pacientes psiquiátricos. Bastou que se albiscara que o MNP podería pechar o informe sobre Conxo, e que houbera un cambio directivo, para que todo tendera a volver para atrás. A visita do MNP e o seu informe foron o instrumento máis transformador de Conxo en moitas décadas.

Urxe voltar a responsabilizarse de Conxo dende a Xunta. É fundamental que a Fiscalía e a FUNGA cumpran co seu cometido e que entren en contacto directo coas persoas ás que teñen que protexer nos seus dereitos (superando dunha vez por todas o resto pandémico da avaliación telemática, e plantándose presencialmente nos centros asistenciais). Debe continuarse o plan iniciado en 2022, corrixindo xa as consecuencias creadas polo seu abandono.

Debe evitarse o retroceso en marcha por moito que non nos sorprenda (as persoas ingresadas nos hospitais psiquiátricos sofren o estigma con especial intensidade, tamén da propia institución sanitaria, e con elo o trato discriminatorio e inxusto por causa do seu padecemento).

Debe impedirse que Conxo volva a converterse no manicomio de Galicia.