Blog

NOVAS E GRAVES VULNERACIÓNS DE DEREITOS EN SAÚDE MENTAL

Valoración do MGSM sobre os informe do Defensor del Pueblo tras a súa visita en 2024 a varios centros psiquiátricos en Galicia.

Unha vez máis, a visita non anunciada de técnicos do Defensor del Pueblo (na súa función de Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, ou MNP) a un centro psiquiátrico galego, neste caso o Sanatorio Hestia La Robleda, desvela graves irregularidades asistenciais e vulneracións de dereitos fundamentais ás persoas que alí reciben tratamento.

De novo, ten que ser a opinión pública, coñecedora da situación a través dos medios de comunicación, quen pregunte pola continuidade no uso de prácticas coercitivas, ante o silencio do executivo e eivas na fiscalización e control por parte do eido xurídico.

A día de hoxe, non se entende que o MNP teña que volver a emitir un informe onde se recollen irregularidades e prácticas vulneradoras de dereitos nun centro sanitario en Galicia.

Tiñamos un antecedente de enorme impacto en 2017, que mesmo transcendeu aos medios de comunicación, cando este organismo estatal emitiu o seu primeiro informe tras a visita realizada ao Hospital Psiquiátrico de Conxo. Esta visita causara unha repercusión de enorme impacto na sociedade, que obrigou a mobilizarse a un goberno que inicialmente se resistía a recoñecer a gravidade da situación e a natureza mesma dos cambios a acometer, nin máis nin menos que un cambio de paradigma en saúde mental, aliñado co enfoque da saúde mental baseado nos dereitos humanos.

Resulta difícil de dixerir que en 2025 volvamos a saber de centros onde hai pacientes, segundo se recolle no informe da visita, en situación de contención mecánica de duración prolongada, ou en illamento na habitación durante días a modo de castigo; tamén de vulneración do dereito á privacidade mantendo cámaras de vídeo-vixilancia 24 horas na maioría das habitacións, sendo estas utilizadas ao mesmo tempo como estancia persoal e cuarto de contención, co potencial traumatóxeno que dela se deriva. Con estas prácticas, entre outras recollidas no informe, a reflexión cidadá que xurde é clara: as prácticas en saúde mental han de ser coercitivas?

O MNP traslada as súas resolucións e conclusións á Consellería de Sanidade e ao SERGAS xa que, aínda que o Sanatorio La Robleda é un centro privado, a Xunta de Galicia ten transferida en materia de sanidade, entre outras, as competencias de tutela e garantía dos dereitos sanitarios dos/das pacientes e persoas usuarias, e de inspección e avaliación de centros, establecementos e servizos sanitarios. Por outro lado, este hospital ten un concerto co SERGAS para admitir o ingreso de pacientes derivados desde a entidade pública. Seria o seu que o goberno galego informe con transparencia sobre o alcance deste concerto. É moi preocupante as últimas novas sobre este asunto, onde ao parecer a Subdirectora de Saúde Mental da Consellería de Sanidade, Almudena Díaz Pereira, instrúe a non responder na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia ás preguntas sobre a financiación pública e o número e tipo de pacientes que deriva ao Sanatorio La Robleda.

Pero esta non foi a única visita que realizou o MNP en 2024 a dispositivos de saúde mental en Galicia. En febreiro do ano pasado inspeccionaron dúas unidades de hospitalización psiquiátrica de adultos e unha infanto-xuvenil da área sanitaria de Vigo. As resolucións deste organismo, e da que o SERGAS ten respondido ou está en trámite, resaltan deficiencias na atención á saúde mental que a día de hoxe se manteñen a pesar das auto-loanzas destes anos por parte da Consellería de sanidade.

As eivas que se sinalan no informe poden xeneralizarse á inmensa maioría de dispositivos asistenciais da rede de saúde mental de Galicia. Estamos ante un problema estrutural na atención sanitaria que conta coas seguintes características:

a. Infradotación de persoal e inadecuación dos espazos: o informe da unidade de hospitalización de adultos de Vigo explica que “segundo relatos do persoal, pacientes e familiares, esta carencia de persoal leva ás traballadoras a sentirse desbordadas, o que potencialmente pode fomentar dinámicas coercitivas debido á incapacidade de levar a cabo procesos de acompañamento e desescalada verbal …”.

b. Infrarrepresentación de profesionais da psicoloxía clínica e da terapia ocupacional, entre outros. Denota unha aposta por un modelo preferentemente biomédico. É unha opción política, que impide unha visión integral da persoa e a súa recuperación (física, psicolóxica, social).

c. Invisibilización da primeira persoa como parte integrante do tratamento. Recrea aquela idea doutros tempos dos hospitais psiquiátricos como lugares de de encerro e exclusión.

d. Vulneración de dereitos dos/as pacientes:

  • Sendo os ingresos involuntarios unha limitación do dereito á liberdade, á mobilidade ou á decidir libremente nos aspectos que son básicos, o informe sinala que “existen abundantes discrepancias na documentación”. Sobre o procedemento de garantías procesuais, sinalan que se converteu en práctica habitual o que foi unha decisión extraordinaria por mor da pandemia covid-19, que é manter unha entrevista do paciente co xuíz/a forense vía vídeo-conferencia.
  • O consentimento informado non é preciso nin completo. Non explican, por exemplo, que durante o ingreso poderían usarse as contencións mecánicas, ou que o réxime de ingreso é pechado, non pudendo saír fora das portas de unidade salvo consentimento expreso dos facultativos responsables, algo que non ocorre no resto de unidades médicas.
  • Non está accesible un sistema de denuncia e reclamacións para facer valer o dereito de expresar queixas ou suxestións.
  • Os protocolo no uso das contencións seguen a ter unha ampla marxe de mellora. Máis grave é que os técnicos non puideron coñecer exactamente o número e características das contencións realizadas por obstáculos relacionados co rexistro e documentación das mesmas. O sistema informático Vixía ten eivas aínda non resoltas na actualidade, e o goberno autonómico non da información sobre o volcado de datos a nivel galego.
  • Outro dos aspectos cruciais ten que ver coa situación de ingreso dos menores nas unidades psiquiátricas. Existen só dúas unidades en todo o país, situadas en Santiago e Vigo, para os ingresos de menores de 16 anos. Pero dada a insuficiencia de camas, seguen a realizarse ingresos en zonas illadas das unidades de adultos, polo menos no caso de Vigo, que non axuda ao seu desenvolvemento e recuperación. A mocidade entre 16 e 18 anos ingresa en adultos. A resposta da Administración, que fala da futura creación dunha unidade de transición 16-21 anos é enganosa, porque se trataría dunha unidade ambulatoria (necesaria) pero non solventa o problema dos ingresos.
  • Finalmente, outra das cuestións fundamentais que abordan os informe do MNP, poñendo o dedo na chaga dunha situación que con seguridade ten implicacións legais e éticas, ten que ver coa duración dos ingresos, máis aló da estabilización clínica do doente, en moitos casos durante anos, por non ter unha alternativa habitacional. A solución parcial que ofrece a Consellería de Política Social, de ingreso en residencias sociosanitarias, está xerando problemas pola falta de planificación, de dotación profesional necesaria e de formación necesaria para a capacitación na atención da nova tipoloxía de residentes con necesidades e características específicas. En relación á vivenda pública e vivendas protexidas segue a haber unha inadecuación absoluta entre a oferta e a demanda. As persoas con problemas de saúde mental non deben quedar nos hospitais psiquiátricos por falta de opcións habitacionais.

Este listado de insuficiencias, de ineficiencias e irregularidades non é nin moito menos exhaustivo. Tampouco é novidoso. Ese precisamente é o problema.

Desde que España ratificou a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, hai case 17 anos, elaboráronse todo tipo de resolucións, instrucións, protocolos e cambios da lexislación que obrigan a actuar con dilixencia.

Son dúas Administracións as que teñen asignadas as funcións de inspección e control dos centros de internamento e asistenciais, co fin de velar pola protección dos dereitos dos/as cidadáns/ás, independentemente do seu estado físico e mental e a súa capacidade xurídica: a Fiscalía e o goberno da Xunta de Galicia.

Reclamamos a súa actuación proactiva e dilixente para lograr que a perspectiva dos dereitos na atención á saúde mental sexa unha realidade e non só un desexo como aínda é na actualidade, para poder así avanzar na erradicación da contención mecánica e outras prácticas coercitivas.

MGSM, febreiro de 2025

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*