PROPOSTA AO PARLAMENTO DE GALICIA SOBRE A CONTENCIÓN MECÁNICA

O pasado 17 de decembro o Movemento Galego da Saúde Mental enviou aos Grupos Parlamentarios da oposición no Parlamento de Galicia, un texto sobre a contención mecánica para a súa consideración como iniciativa parlamentaria. Este texto foi presentado o 9 de xaneiro como Proposición non de Lei para o debate en Pleno , e tamén para […]
Proposición non de lei do grupo parlamentar do PSdeG no Día Mundial da Prevención do Suicidio

Ligazón á nova na web do grupo PSdeG-PSOE
10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí e agora

Hoxe, día 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM concentra todos os seus esforzos en visibilizar esta data e a problemática das persoas que padecen Trastorno Mental Grave (TMG). Por este motivo escollemos este lema alternativo, porque cremos que, lonxe das consignas baleiras que nos chegan dende as institucións, é na rúa, nos centros de traballo, nas asociacións e cos usuarios e familias, onde se sitúa o foco da reivindicación.
Non podemos obviar que, dende os mesmos ámbitos dende os que nos chegan mensaxes “anti-estigma” estase a permitir e favorecer o desmantelamento dos servizos sociais e sanitarios, co especial prexuízo que isto causa ás persoas con TMG. Por isto, no MGSM quixemos dotar de contido reinvindicativo real esta xornada, con diferentes iniciativas:
- Colocación de carteis e pancartas nos diferentes centros sanitarios
- Confección de murais
- Chapas para todo o persoal nos centros de traballo
- Proposta ante o Parlamento de Galicia (podes lela AQUÍ)
Porque a mellor campaña “anti-estigma” é proporcionar ás persoas con TMG os medios sanitarios, sociais, económicos e de integración laboral para que podan desenvolver plenamente as súas capacidades e diferentes proxectos de vida, con independencia e dignidade.
VIVIR CON TMG, AQUÍ E AGORA
Podes consultar a cobertura informativa no Xornal Praza Pública, ABC e Europa Press clicando aquí ou a través da nosa lista de ligazóns
PROPOSTA DO MGSM AO PARLAMENTO DE GALICIA

O MGSM promove cos Grupos Parlamentares do Parlamento Galego unha declaración institucional para o DíaMundial da Saúde Mental. Pretendemos que a cuestión ocupe o lugar que lle corresponde nas prioridades das institucións de Goberno de Galicia.
Con tal motivo, realizamosentrevistas con representacións de todos os grupos, aos que fixemos entrega dun texto no que se fai unha análise da grave situación na que se atopa a atención sanitaria, social e legal ás persoas que en Galicia sofren Trastorno Mental Grave, finalizando con propostas para respostar ás necesidades existentes.
Ese texto, que xerou xa iniciativas parlamentares, é o que a continuación reproducimos. En próximas entradas neste blog iremos dando conta da acollida recibida e das iniciativasen curso.
PROPOSTA DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS DO PARLAMENTO DE GALICIA
Petición de aprobación dunha resolución na que o Parlamento de Galicia acorde unha declaración institucional o día 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
RESOLUCIÓN:
Neste Día Mundial da Saúde Mental, e seguindo o chamado da OMS co seu lema “Vivindo con esquizofrenia”, este Parlamento quere facer visíbel a difícil situación na que se atopan unha boa parte dos cidadáns que padecen esquizofrenia ou outro trastorno mental grave -un colectivo estimado nuns 75.000 galegos-, co obxectivo de alertar aos poderes públicos responsabeis, e encetar un cambio real nas súas condicións de vida. Lamentabelmente os datos estatísticos obrigan a unha detida reflexión: unha esperanza de vida 20 anos inferior á poboación xeral; a máis alta taxa de suicidios do estado español; sete veces máis risco de sufrir desemprego; e os máis altos índices de exclusión social.
A crise económica veu actuar dramaticamente nun duplo fronte. Por unha banda, a política de recortes nos servizos públicos, nomeadamente sociais e sanitarios, conlevou un deterioramento na atención especializada e da cobertura das necesidades sociais básicas destos doentes, o que condicionou unha maior morbi-mortalidade. Por outra, o aumento da desigualdade e dos niveis de pobreza, tanto en intensidade –máis pobreza-, como en extensión –máis pobres, chegando a sectores cada vez máis amplos-, fixo agromar trastornos psíquicos, como expresión dos elevados niveis de sufrimento que moitas persoas están a soportar. Factores como o desemprego, a redución da protección social e sanitaria públicas, o incremento da emigración, a perda da vivenda, máis a xeneralizada sensación de inseguridade ante o futuro, son factores que agravan unha situación, xa moi preocupante mesmo antes do comenzo da crise. As persoas con trastorno mental grave, máis as que enferman nunha reacción ao empobrecemento, atópanse nun círculo de difícil saída: maior dano á saúde, e menos recursos para seren atendidos.
Os deputados do Parlamento de Galicia son coñecedores desta situación, tanto polo seu traballo en sede parlamentar -téñense presentado informes, preguntas, ditames e resolucións, tanto propias como doutros organismos e organizacións sociais e profesionais, informando da realidade que viven os enfermos mentais graves na Galiza-, como pola súa responsabilidade como representantes da soberanía popular. Correspóndelles pois, de xeito acorde coa súa misión institucional, feitas as consideracións previas, realizar as seguintes propostas instando ao seu cumprimento, tanto aos propios grupos parlamentares, como ao Valedor do Pobo, como mesmo ao Goberno da Xunta de Galicia, cada un no seu nivel competencial:
a) Instar aos Poderes Públicos, institucións públicas e privadas, axentes sociais e económicos, e á sociedade no seu conxunto, a asumir un compromiso real contra o estigma que sofren as persoas afectadas por trastornos psíquicos. Isto debe conlevar accións de discriminación positiva e un reflexo nos investimentos para facilitalo. Cómpre rematar coa discriminación social e laboral deste colectivo.
b) Poñer equitativamente ao alcance de todo aquel que o precise, os tratamentos psicolóxicos e médicos, e as intervencións sociais, que teñan demostrada eficacia para mellorar o dano causado pola enfermidade mental, no coñecemento de que, con asistencia apropiada, actitudes solidarias e apoios axeitados, unha boa parte dos enfermos poderán desenvolver unha vida en condicións de saúde, normalidade e integración social.
c) A Xunta de Galicia debe aumentar o seu esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental, e máis en particular co colectivo de persoas afectadas por un trastorno mental grave. Iso require, en cumprimento das orientacións dos organismos internacionais de referencia neste ámbito, a adopción urxente de accións de goberno guiadas polas seguintes orientacións:
-
A atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas, mediante o deseño, promulgación e aplicación de estratexias e plans específicos. Estes terán en conta o risco agravado para a saúde mental do contexto actual de crise socioeconómica. Elaboración periódica dun Plan Estratéxico de Saúde Mental.
-
Reforzo da atención sanitaria ás persoas con trastorno mental grave, mediante as dotacións profesionais e materiais suficientes, unha organización de recursos axeitada, e a oferta de programas asistenciais específicos e eficaces. En particular no eido máis deficitario: o da atención comunitaria e da rehabilitación psicosocial. Presentación de Plans de Necesidades e Plans Funcionais para todas as áreas sanitarias para a atención dos doentes con trastorno mental grave.
-
Potenciar as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave e ás súas familias. Cumprimento da Lei de Dependencia.
-
Desenvolver políticas activas de emprego dirixidas especificamente a promover a incorporación e sostemento na actividade laboral normalizada das persoas con trastorno mental grave.
-
Impedir a promulgación de calquera medida legal que actúe incrementando o estigma ou diferenciando negativamente ás persoas con trastorno mental grave, nomeadamente as actuais propostas de reforma do Código Penal.
O Parlamento de Galicia no ámbito das súas competencias e obrigas asume ante as persoas afectadas por trastorno mental grave e as súas familias, e ante a sociedade en xeral, o compromiso de intensificar o seguimento das políticas da Xunta de Galicia neste eido e de desenvolver as iniciativas lexislativas e propostas que procedan para avanzar na concreción das orientacións antes expostas.
En Santiago a 10 de outubro de 2014