Author: Movemento Galego da Saúde Mental

10 de Outubro, Dí­a Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí­ e agora

10 de Outubro, Dí­a Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí­ e agora
Hoxe, día 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM concentra todos os seus esforzos en visibilizar esta data e a problemática das persoas que padecen Trastorno Mental Grave (TMG). Por este motivo escollemos este lema alternativo, porque cremos que, lonxe das consignas baleiras que nos chegan dende as institucións, é na rúa, nos centros de traballo, nas asociacións e cos usuarios e familias, onde se sitúa o foco da reivindicación.

Non podemos obviar que, dende os mesmos ámbitos dende os que nos chegan mensaxes “anti-estigma” estase a permitir e favorecer o desmantelamento dos servizos sociais e sanitarios, co especial prexuízo que isto causa ás persoas con TMG. Por isto, no MGSM quixemos dotar de contido reinvindicativo real esta xornada, con diferentes iniciativas:
  • Colocación de carteis e pancartas nos diferentes centros sanitarios
  • Confección de murais
  • Chapas para todo o persoal nos centros de traballo
  • Proposta ante o Parlamento de Galicia (podes lela AQUÍ)

 Porque a mellor campaña “anti-estigma” é proporcionar ás persoas con TMG os medios sanitarios, sociais, económicos e de integración laboral para que podan desenvolver plenamente as súas capacidades e diferentes proxectos de vida, con independencia e dignidade.
VIVIR CON TMG, AQUÍ E AGORA
Podes consultar a cobertura informativa no Xornal Praza PúblicaABC e Europa Press clicando aquí ou a través da nosa lista de ligazóns
Read More

Crónica dos actos do MGSM na semana da Saúde Mental

Crónica dos actos do MGSM na semana da Saúde Mental
 Nos días previos ao 10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM veu realizando diversos actos en distintas localidades. Queremos compartir con vós o que alí compartimos.
  • 1 de Outubro. A Coruña. 
Xornadas de Arte e Saúde. Teatro para a trasformación social. Proxección dun vídeo sobre a figura e a obra de J.L. Moreno, o psicodrama e o teatro de improvisación. Colaboraron a Compañía de Teatro Playback Chuhcan de México D.F. e a Compañía de Teatro Espontáneo Entrespejos de Salamanca. Presentouse tamén unha panorámica da traxectoria do Grupo Lusco Fusco de teatro social e algúns dos seus traballos. Por último, suscitouse un debate aberto co público que culminou nunha intervención con base no psicodrama.

  • 4 de Outubro. A Coruña. 
I Xornada de Clínica Psiquiátrica:  Atención ao Doente con Trastorno Mental Grave (Xornadas APEM). Aínda que esta actividade non está incluída dentro do programa de actos organizados polo MGSM, e estivo dirixida só a profesionais, o MGSM estivo presente e achegou a súa visión do TMG.
Constou de dúas mesas, a primeira delas organizada polo SERGAS, onde se deu conta do desenvolvemento do programa de Trastorno Mental Grave do Hospital de Día de Oza, baseado no enfoque do Tratamento Asertivo Comunitario,seguido pola proxección dun vídeo do Colectivo Lusco Fusco.
Na segunda mesa, organizada pola APEM, fíxose un percorrido histórico polo Modelo de Rehabilitación Integral, orientado a la recuperación, e presentouse o programa de atención integral a persoas con enfermidade mental en réxime penitenciario. Por último, durnate a tarde realizouse unha visita guiada ao taller de cerámica e ao centro de día.
  • 8 de Outubro. A Coruña. 
Mesa Redonda “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o Estigma”. Expuxéronse experiencias dos relatores arredor do estigma e a discriminación, e compartiuse información sobre colectivos e movementos de defensa dos dereitos das persoas con enfermidade mental. Por outra banda, expúxose un percorrido polos 35 anos de historia da APEM, e suscitouse un debate sobre os diferentes enfoques e modalidades de tratamento.
  • 8 de Outubro. Compostela. 
Mesa Redonda: Vivir con trastorno mental grave, aquí e agora. Nesta mesa, integrada por profesionais da saúde mental, usuarios e familiares, abordouse o problema do TMG dende as diferentes perspectivas, con énfase na problemática económica, social e sanitaria que estamos a vivir.
  • 8 de Outubro. A Coruña. 
Entrega do Premio “José Luis Muruzábal” a Experiencias Innovadoras no Ámbito Sociolaboral e/ou Socioeducativo en Persoas con Enfermidade Mental. Neste primeira convocatoria presentáronse 5 experiencias innovadoras, resultando gañadoras dúas delas ex aequo: “Facemos equipo pola saúde Mental?”, da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, e Centro especial de emprego sen ánimo de lucro, con actividades de limpeza viaria e de edificos, xardinería, mantemento de granxa avícola, viveiro… presentado por EMPREGO SOCIAL SL.”

9 de Outubro. Pontevedra

Mesa Redonda MGSM e Asociación Alba. Na Galería Sargadelos de Pontevedra, tamén estivemos en colaboración co colectivo Alba,  onde se debateu sobre a rehabilitación e integración, o traballo realizado pola asociación e a necesidade de manter o logrado e avanzar na recuperación. Tamén se presentou o traballo do MGSM ata o momento, e convidouse aos presentes a participar na xornada reinividicativa do día 10.

Se queres ler unha crónica máis extensa do desenvolvemento destas actividades, clica AQUÍ.

Non vos perdades as reivindicacións do día 10 nos centros de traballo, e en calquera lugar onde hax soci@s do MGSM. A vosa participación é fundamental!

Read More

Acto de Pontevedra

Acto de Pontevedra

Os compañeiros do MGSM de Pontevedra organizan, en colaboración coa Asociación Alba, unha Mesa Redonda o día 9 de outubro na Galería Sargadelos, ás 19,30 horas, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. O MGSM ten como obxectivo a realización de múltiples actos co gallo deste día, en varias localidades, que acheguen a problemática do Trastorno Mental Grave á cidadanía. Acompáñanos nas nosas actividades!

Ademais, podedes acceder aos contidos das Xornadas da APEM, celebradas o día 4 de outubro. Clicade  AQUÍ para velos.

Read More

PROPOSTA DO MGSM AO PARLAMENTO DE GALICIA

PROPOSTA DO MGSM AO PARLAMENTO DE GALICIA

O MGSM promove cos Grupos Parlamentares do Parlamento Galego unha declaración institucional para o DíaMundial da Saúde Mental. Pretendemos que a cuestión ocupe o lugar que lle corresponde nas prioridades das institucións de Goberno de Galicia.
Con tal motivo, realizamosentrevistas con representacións de todos os grupos, aos que fixemos entrega dun texto no que se fai unha análise da grave situación na que se atopa a atención sanitaria, social e legal ás persoas que en Galicia sofren Trastorno Mental Grave, finalizando con propostas para respostar ás necesidades existentes.
Ese texto, que xerou xa iniciativas parlamentares, é o que a continuación reproducimos. En próximas entradas neste blog iremos dando conta da acollida recibida e das iniciativasen curso.
PROPOSTA DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS DO PARLAMENTO DE GALICIA
Petición de aprobación dunha resolución na que o Parlamento de Galicia acorde unha declaración institucional o día 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
RESOLUCIÓN:
Neste Día Mundial da Saúde Mental, e seguindo o chamado da OMS co seu lema “Vivindo con esquizofrenia”, este Parlamento quere facer visíbel a difícil situación na que se atopan unha boa parte dos cidadáns que padecen esquizofrenia ou outro trastorno mental grave -un colectivo estimado nuns 75.000 galegos-, co obxectivo de alertar aos poderes públicos responsabeis, e encetar un cambio real nas súas condicións de vida. Lamentabelmente os datos estatísticos obrigan a unha detida reflexión: unha esperanza de vida 20 anos inferior á poboación xeral; a máis alta taxa de suicidios do estado español; sete veces máis risco de sufrir desemprego; e os máis altos índices de exclusión social.
A crise económica veu actuar dramaticamente nun duplo fronte. Por unha banda, a política de recortes nos servizos públicos, nomeadamente sociais e sanitarios, conlevou un deterioramento na atención especializada e da cobertura das necesidades sociais básicas destos doentes, o que condicionou unha maior morbi-mortalidade. Por outra, o aumento da desigualdade e dos niveis de pobreza, tanto en intensidade –máis pobreza-, como en extensión –máis pobres, chegando a sectores cada vez máis amplos-, fixo agromar trastornos psíquicos, como expresión dos elevados niveis de sufrimento que moitas persoas están a soportar. Factores como o desemprego, a redución da protección social e sanitaria públicas, o incremento da emigración, a perda da vivenda, máis a xeneralizada sensación de inseguridade ante o futuro, son factores que agravan unha situación, xa moi preocupante mesmo antes do comenzo da crise. As persoas con trastorno mental grave, máis as que enferman nunha reacción ao empobrecemento, atópanse nun círculo de difícil saída: maior dano á saúde, e menos recursos para seren atendidos.
Os deputados do Parlamento de Galicia son coñecedores desta situación, tanto polo seu traballo en sede parlamentar -téñense presentado informes, preguntas, ditames e resolucións, tanto propias como doutros organismos e organizacións sociais e profesionais, informando da realidade que viven os enfermos mentais graves na Galiza-, como pola súa responsabilidade como representantes da soberanía popular. Correspóndelles pois, de xeito acorde coa súa misión institucional, feitas as consideracións previas, realizar as seguintes propostas instando ao seu cumprimento, tanto aos propios grupos parlamentares, como ao Valedor do Pobo, como mesmo ao Goberno da Xunta de Galicia, cada un no seu nivel competencial:
a) Instar aos Poderes Públicos, institucións públicas e privadas, axentes sociais e económicos, e á sociedade no seu conxunto, a asumir un compromiso real contra o estigma que sofren as persoas afectadas por trastornos psíquicos. Isto debe conlevar accións de discriminación positiva e un reflexo nos investimentos para facilitalo. Cómpre rematar coa discriminación social e laboral deste colectivo.
b) Poñer equitativamente ao alcance de todo aquel que o precise, os tratamentos psicolóxicos e médicos, e as intervencións sociais, que teñan demostrada eficacia para mellorar o dano causado pola enfermidade mental, no coñecemento de que, con asistencia apropiada, actitudes solidarias e apoios axeitados, unha boa parte dos enfermos poderán desenvolver unha vida en condicións de saúde, normalidade e integración social.
c) A Xunta de Galicia debe aumentar o seu esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental, e máis en particular co colectivo de persoas afectadas por un trastorno mental grave. Iso require, en cumprimento das orientacións dos organismos internacionais de referencia neste ámbito, a adopción urxente de accións de goberno guiadas polas seguintes orientacións:
  • A atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas, mediante o deseño, promulgación e aplicación de estratexias e plans específicos. Estes terán en conta o risco agravado para a saúde mental do contexto actual de crise socioeconómica. Elaboración periódica dun Plan Estratéxico de Saúde Mental.
  • Reforzo da atención sanitaria ás persoas con trastorno mental grave, mediante as dotacións profesionais e materiais suficientes, unha organización de recursos axeitada, e a oferta de programas asistenciais específicos e eficaces. En particular no eido máis deficitario: o da atención comunitaria e da rehabilitación psicosocial. Presentación de Plans de Necesidades e Plans Funcionais para todas as áreas sanitarias para a atención dos doentes con trastorno mental grave.
  • Potenciar as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave e ás súas familias. Cumprimento da Lei de Dependencia.
  • Desenvolver políticas activas de emprego dirixidas especificamente a promover a incorporación e sostemento na actividade laboral normalizada das persoas con trastorno mental grave.
  • Impedir a promulgación de calquera medida legal que actúe incrementando o estigma ou diferenciando negativamente ás persoas con trastorno mental grave, nomeadamente as actuais propostas de reforma do Código Penal.
O Parlamento de Galicia no ámbito das súas competencias e obrigas asume ante as persoas afectadas por trastorno mental grave e as súas familias, e ante a sociedade en xeral, o compromiso de intensificar o seguimento das políticas da Xunta de Galicia neste eido e de desenvolver as iniciativas lexislativas e propostas que procedan para avanzar na concreción das orientacións antes expostas.
En Santiago a 10 de outubro de 2014
Read More

Actos do MGSM programados para o 8 de outubro

Actos do MGSM programados para o 8 de outubro
O día 8 de outubro, dentro dos actos programados na semana do 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM ten programados as actividades que vos propoñemos a continuación. O obxectivo é achegar á cidadanía, usuarios e familiares, o trastorno mental grave, a súa problemática, e os novos retos que nos ocupan, lonxe da institucionalidade moitas veces baleira das proclamas oficiais. Participa e acompáñanos!

Santiago de Compostela

Mesa Redonda: “Vivir con Trastorno Mental Grave”

Modera:
Iria Veiga (MGSM Compostela)

Relatores:

  • Irene Martínez, psicóloga da Unidade de Saúde Mental de Noia – CHUS
  • Mª Mar Piñeiro Sobrido, Presidenta da Asociación “Fonte da Virxe”
  • Begoña Portela, psiquiatra do Servizo de Psiquiatría do CHUS
  • Cristina Riobó, Comité de Persoas con Enfermidade Mental

Día: Mércores 8 de outubro de 2014, ás 17 horas.
Lugar: Galería Sargadelos, rúa Nova 16, Santiago de Compostela
MGSM Compostela

A Coruña

Mesa Redonda: “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o estigma”

Modera:
Marisol Filgueira Bouza (Psicóloga Clínica)

Relatores:

  • César Salgado García (Voluntario Facultade Socioloxía UDC no programa de TMG de Oza)
  • Fátima Barbeito Roel, Noelia Menéndez Torreiro, Manuel Fernández, Mª Ángeles Rodríguez Fandiño (Usuarios e Familiares)
  • Paula Tomé (Radio Prometea)
  • Mª Carmen García Pinto (Terapeuta Ocupacional), 
  • Paula Suárez López (Enfermeira)
  • Mª Luisa Ortega García (Traballadora Social)
  • Carmen Mª Guitian Martins (Auxiliar de Enfermería)
  • Cristina Rivas Prado (Orientadora Laboral)

Día: Mercores 8 de outubro de 2014, ás 17 horas
Lugar: Aula Magna da Facultade de CC da Saúde, Campus de Oza. A Coruña.
MGSM A Coruña

Read More

Actos do Día Mundial da Saúde Mental na Coruña

Actos do Día Mundial da Saúde Mental na Coruña

Imprime e difunde o noso cartel, podes descargar AQUÍ o arquivo .pdf
1 OUTUBRO: Museo de Belas Artes da Coruña 17:00 h.Xornada de Arte eSaúde.- Teatro para a transformación social. Grupo Lusco Fusco de teatro espontáneo, usuarios eprofesionaistraballando coa cidadanía
4 OUTUBRO: APEM 9:30 h. I Xornada de Clínica Psiquiátrica: Atención ao Doente con Trastorno Mental Grave.Actividadenon incluídano programa do MGSM, pero con participación de membros do Movemento. Destinada a profesionais da saúde mental
8 OUTUBRO: Aula Magna da Facultadede Ciencias da Saúde, Campus de Oza 17:00 h. Mesa Redonda “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o Estigma”.Usuari@s, familiares, cidadáns, estudantes e profesionais poñen en común a súa experiencia.
Modera: Marisol Filgueira Bouza (Psicóloga Clínica)
Participantes:
César Salgado García (Voluntario Facultade Socioloxía UDC no programa de TMG de Oza)
Fátima Barbeito Roel, Noelia Menéndez Torreiro, Manuel Fernández, Mª Ángeles Rodríguez Fandiño (Usuarios e Familiares)
Paula Tomé (Radio Prometea)
Mª Carmen García Pinto (Terapeuta Ocupacional), Paula Suárez López (Enfermeira), Mª Luisa Ortega García (Traballadora Social), Carmen Mª Guitian Martins (Auxiliar de Enfermaría), Cristina Rivas Prado (Orientadora Laboral)
8 OUTUBRO: Consorcio As Mariñas, Bergondo 20:00 h. Entrega do Premio “José Luis Muruzábal” aExperiencias Innovadoras no Ámbito Sociolaboral e/ou Socioeducativo en Persoas con Enfermidade Mental. Presentada á convocatoria a experiencia do grupo de teatro espontáneo Lusco Fusco.
10 OUTUBRO: Hospital de Día de Psiquiatría, Hospital Marítimo de Oza
9:00 h. Elaboración e exposición de collagessobre os lemas do Día Mundial da Saúde Mental e a experiencia de usuari@s e profesionais.
12:00 h. Proxección edebate dovídeo “En el círculo”. Roi Guitián (Realizador audiovisual etécnico de vídeo participativo) eMaría Lobo (Xornalista, editora edocente en Tecnoloxías da Información e aComunicación). Gingko Producción Audiovisual eComunicación para a Educación
Read More

O MGSM participa nas I Xornadas de Clí­nica Psiquiátrica

O MGSM participa nas I Xornadas de Clí­nica Psiquiátrica
Dentro dos actos que preceden ao 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental,  a APEM organiza as I Xornadas de Clínica Psiquiátrica, centradas na atención ao doente con Trastorno Mental Grave. Unha compañeira do MGSM participará das palestras, achegando a nosa posición sobre o estado actual da atención á saúde mental. Dende o MGSM, cremos que o día mundial debe ser inclusivo e crítico, centrado nos verdadeiros problemas dos usuarios e profesionais da atención á Saúde Mental, especialmente nunha etapa de diminución de recursos e duros ataques privatizadores. Informaremos dos actos que se vaian realizando de cara ao día 10 de outubro, nos que achegaremos a reivindicación aos seus verdadeiros protagonistas. PARTICIPA!

Read More

Inaceptable resposta á pregunta parlamentar do MGSM

Inaceptable resposta á pregunta parlamentar do MGSM
A requerimento do MGSM, o PSdG formulou en sede parlamentar unha pregunta instando á Consellería de Sanidade a que explique a reunión mantida coas empresa farmacéutica Lundbeck e a Fundación Bamberg, un importante lobby que actúa como grupo de presión, o día 2 de xuño no Hostal dos Reis Católicos, precisamente neste momento de iniciativas privatizadoras da Sanidade Pública (podes ver a nova no noso blog AQUÍ). A esta pregunta, a resposta da Consellería limitouse a unha soa liña: “O día 2 de xuño tivo lugar unha reunión de traballo sobre saúde mental, similar ás celebradas en Cataluña, País Vasco, Madrid, Castela-León, Valencia e Murcia”.
Dende o MGSM, consideramos que esta resposta, que non responde nada, consitúe unha falta de respecto e unha burla ao Parlamento, asi como unha deixación da súa obriga de explicar e xustificar as decisións que se toman ante os e as representantes da cidadanía. Amparados na maioría absoluta, nin sequera consideran preciso dar conta de con quen se reúnen e para que, en tanto que representantes públicos.
Ante esta actitude intolerable, rogamos a maior difusión. Comparte e difunde!
Podes consultar as referencias en prensa en Praza Pública, Sermos Galiza e a propia web de Fundación Bamberg 
Read More

Fotos das Xornadas do MGSM do 28 de xuño

Fotos das Xornadas do MGSM do 28 de xuño

Xa podedes ver as fotos das xornadas do 28 de xuño, facendo click AQUÍ. Grazas de novo pola ampla acollida e a participación, como demostran as imaxes.

Read More

Xornadas de Teatro na Coruña o 1 de outubro

Xornadas de Teatro na Coruña o 1 de outubro

O grupo Lusco Fusco ofrece, no seu segundo aniversario, unha xornada de teatro e saúde mental. Terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña, o día 1 de Outubro ás 17,00 horas.

Read More