Blog

O CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA FAI O QUE NON FIXO A CONSELLERÍA DE SANIDADE

O CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA FAI O QUE NON FIXO A CONSELLERÍA DE SANIDADE

Como conclusión global, en palabras do Consello de Contas de Galicia recollidas do seu Informe de Auditoría sobre a implantación do Plan de Saúde Mental de Galicia (PSMG) posCovid-19  2020-2024, “…a partir da pandemia da COVID-19 o problema de saúde mental empeorou na nosa Comunidade Autónoma e persisten as debilidades identificadas na elaboración (do plan referido)”.

Con data do pasado 5 de maio deuse a coñecer o citado informe, no que o Consello de Contas de Galicia fai a avaliación da implantación do Plan que Feijóo, daquela Presidente da Xunta, presentou aos medios de comunicación en xuño do 2020 como: “É o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde, cun potente impacto no que se refire a recursos humanos”, a tres semanas das Eleccións Autonómicas. Nós, daquela, protestamos polo uso propagandístico desta cuestión despois de anos reclamando a súa elaboración, recordándolle o incumprimento da obriga básica da Administración Pública de planificación das súas actuacións.

Pouco importou que leváramos dez anos sen ningún documento planificador, e que o plan fixara no seu título o período 2020-2024 como o tempo de execución, cando xa estabamos en xuño do seu primeiro ano. A utilización electoral fíxose evidente. E aínda tardaríamos meses en coñecer o documento. E cando o coñecemos descubrimos que non era certo que fora o plan galego de maior envergadura en Galicia dende a transferencia do SERGAS senón que, polo contrario, as dotacións de profesionais previstas no Plan eran a metade das recomendadas había máis de vinte anos en documentos da propia Consellería de Sanidade (tal era a carencia de recursos na que estabamos e na que aínda seguimos).

Agora o Consello de Contas de Galicia fai unha avaliación que era de obrigada realización pola Consellería que,sen tela feito, anuncia dende hai meses un novo plan: sen avaliación previa do anterior e sen un só informe de desenvolvemento durante a súa execución, sen información da súa elaboración, sen participación coñecida de todos quen están implicados e teñen algo que aportar.

No seu informe o Consello de Contas de Galicia reflicte un estado da situación da atención sanitaria á saúde mental en Galicia moi preocupante, que recorda algunhas das reiteradas valoracións que o MGSM estivo a facer durante estes anos.

A saber: as listas de espera para primeira consulta incrementáronse (e nada se sabe das seguintes consultas, as sucesivas, necesarias nos tratamentos); o consumo de psicofármacos elevouse de xeito significativo, convertido na resposta de tratamento principal ás necesidades das persoas neste campo; o nivel de renda volve a confirmarse como un dos determinantes no acceso a tratamentos sendo así que o farmacolóxico aumenta canto menos medios se posúen, e tamén en mulleres, en persoas de idade avanzada e en infancia-adolescencia (problema especialmente grave en si mesmo se vemos como se proxecta cara o futuro na sociedade); a desigualdade de recursos e no estado da atención entre territorios de Galicia segue a ser a norma en prexuízo de Lugo e Ourense; e as cifras de suicidio sostéñense en niveis intolerables.

Tódalas deficiencias salientadas fan destacar que quen menos ten menos recibe (por nivel de renda, por territorio de residencia), quen menos forza e poder posúe nunha sociedade patriarcal menos se lle atende (infancia, vellez, mulleres), quen máis necesitan menos se lles dá. 

É a nidia imaxe da inequidade na administración e reparto dos recursos públicos, que informa do incumprimento pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia da súa obriga de proporcionar os servizos necesarios á cidadanía desenvolvendo actuacións que redistribúan o patrimonio común para reducir a desigualdade inxusta.

Volve a anunciarse dende a Consellería a elaboración dun novo plan. Meses despois de finalizado o anterior. Sen avaliación do realizado. Sen aprendizaxes que poidan orientar o novo. Sen datos de saúde actualizados (cómpre recordar que o PSMG 2020-2024 baseouse en datos epidemiolóxicos de 2009!).

Dicíamos o pasado 3 de abril, valorando o estado da atención á saúde mental nunha declaración pública baixo o título “Non estamos nada ben”, chamando a participar na manifestación de SOS-Sanidade Pública, que “…As cuestións sinaladas veñen sendo denunciadas dende hai anos polo MGSM e outras organizacións sociais. O SERGAS e a Consellería de Sanidade teñen concedido a razón en non poucas destas denuncias. Pero aí seguimos. Igual que hai anos. Pasan cargos, pasan gobernos, sempre da mesma cor, e as cousas non van a mellor.”.

Un mes despois aí está o informe do Consello de Contas.

Agora é previsible o que vai acontecer: intensificación da propaganda institucional, negación dos datos polos responsables da sanidade pública, publicidade institucional de calquera acción do SERGAS por moi pequena que sexa que contrarreste o efecto demoledor do informe do Consello de Contas, utilización de afectados/as e profesionais (coa correspondente loanza de rutina),…, e promesas e promesas, e ata a seguinte ocasión.

Nós seguimos e chamamos a manter a atención e a mobilización, outra vez, a prol dun futuro Plan de Saúde Mental baseado nas necesidades identificadas, nas aprendizaxes obtidas, na participación de todas quen teñen algo que dicir e nomeadamente en primeira persoa, e nas capacidades existentes na Sanidade Pública para unha mellor planificación, xestión e atención ás necesidades de saúde da nosa poboación.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*