POLA POBOACIÓN DE GAZA, POR NÓS: SOLIDARIEDADE

O 10 de outubro, como tódolos anos, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental.
Nesta data, dende diferentes instancias, chámase a atención das sociedades, e máis en particular dos seus Gobernos, sobre unha problemática ou unha dimensión relevante para a saúde mental das poboacións, á procura de accións que melloren as condicións de vida, de asistencia e de respecto aos dereitos das persoas directamente afectadas, e que impulsen os cambios sociais que faciliten o desenvolvemento saudable da vida, a convivencia e a cooperación das persoas, os grupos humanos e as sociedades.
O horror que produce o xenocidio en curso en Gaza a mans do exército do estado de Israel fai que hoxe teñamos que poñer en primeiro plano unha dimensión dos efectos das accións militares que, se ben non parece o máis importante agora cando o urxente é algo tan básico como salvar a vida ou comer, será decisivo nun futuro, e xa hoxe é un presente de sufrimento inconmensurable da poboación.
As infames accións sobre a poboación gazatí (e hoxe xa tamén a libanesa, e a cisxordana) que día a día, informativo a informativo, coñecemos, causa tamén efectos perigosos sobre quen os estamos a observar. Ser testemuña dun xenocidio non é unha experiencia que ocorra sen transformarnos, para ben ou para mal.
É por iso que o MGSM, nesta data deste ano, aínda a pesar das importantes cuestións que deben ocuparnos no noso país (traballo, vivenda, dotacións de recursos asistenciais, programas preventivos,…) pensamos que debemos pasar a primeiro plano o inmenso dano, actual e futuro, que na súa saúde mental están a sufrir as vítimas das accións militares.
Son factores causais relevantes dos efectos na saúde mental da poboación: as mortes violentas de persoas por acción intencional doutras; o sometemento da poboación á fame e á carencia de recursos básicos; a destrución e/ou saqueo das vivendas; a expulsión do espazo físico no que con dereito sobre el desenvolvía a súa vida (o desprazamento forzoso da inmensa maioría da poboación); a impredicibilidade da conducta do exército israelí e a utilización do engano coa poboación civil e en particular respecto ás anunciadas zonas seguras que provocan desprazamentos masivos dentro dun espazo do que non se pode escapar (entre os muros do campo de concentración a ceo aberto mais grande do mundo, como tamén se lle chama a Gaza); a ausencia de límites da violencia militar (desprezando impunemente o Dereito Internacional); a imposibilidade de soster un mínimo de orde e previsión na actividade social; a destrución violenta de recursos asistenciais sanitarios e sociais; o asasinato de profesionais sanitarios e a destrución de hospitais; a destrución de infraestructuras; o bombardeo de centros educativos matando a quen os ocupa, incluídos nenos e nenas; a deshumanización do inimigo e o desprezo de cuestións humanas básicas (como é o tratamento dos cadáveres); a constatación da soidade da poboación ante a barbarie por ausencia de protección real de quen está obrigado a prestarlla (os demais países do mundo a través dos organismos internacionais); a falla dun final previsible, …
Son ben sabidos os efectos das guerras na saúde mental das poboacións. Hai máis de corenta anos que nas misións de cooperación sanitaria internacional nas zonas de guerra se inclúe unha sección específica de programas e profesionais de saúde mental: foi así nos Balcáns, nos conflitos de Latinoamérica, en Siria, e é así en Ucraína, e tamén ata hai pouco o era en Gaza. No tempo inmediato é o medo e tamén a súa forma extrema (o terror), a activación psicofisiolóxica constante e prolongada, os trastornos funcionais, a depresión, os trastornos de ansiedade, os estados disociativos, a anestesia emocional,…, os trastornos de angustia, o déficit no control de impulsos, o deterioro cognitivo ,…. No medio prazo é a imposibilidade de elaborar unha experiencia destrutora sen límites. A longo prazo será o crecemento inmenso de trastornos e, sobre todo, a perda do tecido social que as persoas necesitan para desenvolverse e vivir como humanos.
Deben destacarse os efectos sobre a infancia e a adolescencia, sobre quen vai vivir o futuro, eses nenos e nenas e eses mozos, que están a sufrir o que ocorre, a ser testemuñas das mortes violentas dos seus e a vivir a ameaza constante, a sufrir elas mesmas feridas ou ser asasinadas, a non ter un teito seguro dende hai un ano, a sentirse soas, a estar en tensión permanente, a non poder escapar, á privación mais radical,… Sofren e sufriran graves danos: emocionais, no seu desenvolvemento físico e psíquico, na súa sociabilidade, na súa capacidade para vencellarse e confiar, na súa estima pola humanidade.
Se o dano nos adultos é evidente, na infancia discorre oculto un efecto de longo alcance: a crianza en condicións de ameaza, odio e violencia anuncia unha xeración con graves eivas que estará abocada á devolución da violencia sufrida.
O que está a acontecer á poboación de Gaza non é definible nin comunicable cos termos que temos nos nosos medios profesionais para referirnos aos efectos daniños das experiencias destrutivas da vida. Haberá un antes e un despois mesmo na nosa linguaxe para poder pensar e comunicar o que lle están a facer a esa poboación (como xa lle ocorreu antes á Psiquiatría e á Psicoloxía cando afrontou a atención aos superviventes dos campos de exterminio da II Guerra Mundial).
E aínda así, a pesar de todo, mostras de capacidade, de apoio mutuo, de resistencia psíquica e social, afloran ao longo de toda a Franxa de Gaza entre os damnificados. É a maior razón para a esperanza.
Tamén aquí, quen estamos a ver todo isto dende a impotencia e a indignación ante a pasividade dos poderosos do mundo, non sairemos indemnes. Mais alá de malestares reactivos actuais, un grave efecto se anuncia se non facemos xa algo eficaz para deter o xenocidio: será a nosa propia transformación para poder facer tolerable o que hoxe, sanamente, é indixerible. Espéranos, si non facemos nada, un cambio nas nosas valoracións que farán comprensible nun futuro ante os nosos ollos o que hoxe é escandaloso. Viviremos unha transformación na nosa vida, orientada ata agora por unha xerarquía de valores que comeza por recoñecer que “todos nacemos libres e iguais” e afirmar que todos temos “igual dereito á vida e ao respecto á nosa dignidade”.
Se non nos defendemos nós tamén a través da acción solidaria coa poboación de Gaza, espéranos a culpa por non actuar, a vergoña por ter mirado pasivamente o que nunca debeu ocorrer, e a responsabilidade de vivir nunha parte do mundo que sabemos é culpable directa da barbarie polo seu apoio ao xenocida con armamento, financiación e protección política. E se o recordo evocara a culpa e/ou a vergoña, transformarase o recordado para facelo aceptable aos nosos ollos (diso no Estado Español sabemos moito).
Esa solidariedade coa poboación gazati, a través de accións de difusión do que está a ocorrer, de recoñecemento da inxustiza do seu sufrimento, da esixencia aos gobernos de que deteñan a matanza, é útil ás vítimas, rompe o seu illamento, respecta a súa dignidade, e pon algo de nós a salvo: protéxenos da degradación moral, da extensión da anomia e a violencia na sociedade, e sosterá a vivencia de coherencia nas nosas vidas. Doeranos a vida que quizais nos estea esperando aí diante (a pasividade ante a vulneración do Dereito Internacional que amosan os gobernos dos países chamados democráticos e a extensión do racismo e a xenofobia nas nosas sociedades non anuncia nada bo), pero saberemos por que. E saber protexeranos e permitiranos actuar, e non só sufrir.
Mais que nunca, hoxe, polo ben deles e polo noso, debemos potenciar a solidariedade como expresión que é do mais avanzado do desenvolvemento humano.
Debemos contribuír con tódolos medios a deter o xenocidio.
Imaxe: hosnysalah en Pixabay