Blog

SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO

SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERO

Luns, 11 DE DECEMBRO DE 2023. 19:30 horas

Praza do Toural. Santiago de Compostela

Con motivo da conmemoración do Día dos Dereitos Humanos, o Movemento Galego da Saúde Mental organiza, un ano máis, o acto “Saúde mental sen ataduras. Contencións cero”, co que se pretende insistir na urxencia de avanzar en medidas lexislativas e de planificación sanitaria relacionadas coa erradicación desta práctica coercitiva e consolidar unha cultura asistencial respectuosa cos dereitos das persoas usuarias dos servizos de saúde mental.

A contención mecánica é a acción mediante a cal se inmobiliza a unha persoa, usualmente a través de correas de suxeición e fixándoa xeralmente a unha cama. Deste xeito limítase radicalmente o seu movemento e a súa autonomía, sendo a persoa reducida ao espazo que ocupa o seu corpo. Non ten carácter terapéutico e está considerada como unha práctica que vulnera os principios da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, Tratado internacional que vincula aos Estados asinantes, entre eles España.

Por outra banda, existe evidencia contrastada que demostra a posibilidade real de erradicación do uso das contencións mecánicas nos servizos asistenciais e sociosanitarios, e están claramente definidos os procedementos organizacionais, técnicos e asistenciais que permiten acadar tal obxectivo.

Non hai escusas. As contencións mecánicas deben e poden eliminarse. É un proceso ineludible no que o goberno da Xunta de Galicia debe implicarse de xeito decidido. A día de hoxe, non é posible coñecer a situación actual sobre o uso das contencións, con datos que permitan enfocar a acción preventiva e estratexias de mellora e non existe un plan galego de erradicación das contencións mecánicas.

O Movemento Galego da Saúde Mental anima a todas/os a participar no acto que se realizará o luns 11 de decembro ás 19: 30 horas, na Praza do Toural, en Santiago de Compostela.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*