A ATENCIÓN RESIDENCIAL A PERSOAS CON DIAGNÓSTICO PSIQUIÁTRICO DEZ ANOS DESPOIS, COMO SE NADA
Hai case dez anos morría atragoada nunha residencia de Mondoñedo, orientada á atención de anciáns e discapacitados/as intelectuais, unha muller de 37 anos afectada por un grave padecemento psíquico. A súa estadía nese lugar fora denunciada como inadecuada polo mesmo centro debido á gravidade das súas alteracións comportamentais e ás suas necesidades de atención psiquiátrica.
Houbo denuncias da familia. O centro residencial protestou a derivación ao mesmo de persoas con necesidades asistenciais relacionadas coa súa saúde mental e que superaban a súa capacidade de coidado. O MGSM fixo denuncia pública e trasladou a cuestión ao Parlamento (houbo iniciativas da oposición dirixidas ao goberno da Xunta) e á daquela infausta Valedora do Pobo (que incumpriu a súa obriga estatutaria de protexer os dereitos dos máis débiles).
Só un ano antes a conselleira de Traballo e Benestar informaba de proxectos, estratexias e plans da Consellería para dar resposta residencial e de coidados específica a “persoas con discapacidade asociada á enfermidade mental”.
Van dez anos.
Como se nada.
Agora, e dende un tempo para acá, van publicándose denuncias e feitos que volven sobre a mesma cuestión, aínda que nesta ocasión son persoas maiores quen protestan a estadía nas residencias doutras persoas máis novas con alteracións condutuais de orixe psiquiátrica. Citan agresións e senten medo alí onde viven.
E, doutra volta, iniciativas parlamentarias, denuncias sindicais e silencio de quen máis responsabilidade ten: as Consellerías de Sanidade e de Política Social.
Duas graves cuestións de innegable proxección política e social se entrecruzan nos feitos e carencias que se veñen denunciando hai moitos anos, conforme foi discurrindo o peche dos manicomios en Galicia (aínda incompleto) en cumplimento de leises sanitarias, observancia de dereitos fundamentais, e materialización de plans de dimensión internacional promovidos pola OMS : o dereito das persoas afectadas na sua independencia persoal por mor de trastornos mentais a levar unha vida en sociedade (na que se garanta a sua saúde, seguridade e dereitos) xunto coas demais persoas (coa axeitada atención ás suas necesidades sanitarias e sociais específicas), e o dereito das persoas que viven en residencias a desenvolver a sua vida acorde coas suas preferencias e capacidades en condicións adecuadas de seguridade e atención.
As insuficiencias en dotacións profesionais, espazos e funcionamentos das residencias en Galicia saíron nitidamente á luz coa pandemia COVID 19, con efectos tráxicos e responsabilidades políticas e legais aínda non ben esclarecidas nin asumidas. Hoxe é lugar común recoñecer que o modelo residencial ten que mudar, pero medidas para facelo por quen está obrigada non se adoptan, mentres inquietantes novas informan de boicot á función da Inspección dos centros residenciais dende a propia Administración Autonómica.
Esas carencias nas residencias, unidas ás da rede pública de atención á saúde mental (e dentro dela, moi en particular, as carencias na atención ás persoas que viven en institucións) están na orixe dos feitos que se denuncian agora e dos que se levan denunciando hai moitos anos.
Os plans de reubicación de pacientes psiquiátricos en réxime residencial siguen vixentes, transferindo as responsabilidades de atención e coidado dos mesmos dende o SERGAS a centros públicos ou concertados da Consellería de Política Social, e a estes veñen súmandose os ingresos por emerxencia social.
Pero a pesar da importancia desta cuestión non se coñece cantas son as persoas que se viron afectadas por estes plans e decisións, nin as alternativas consideradas nin o tipo de centros aos que se derivaron nin as súas dotacións e programas nin os plans de Inspección e os seus resultados nin os plans asistenciais da rede de Saúde Mental para estas persoas.
O MGSM considera que calquera análise ou proposta diante desta situación debe partir de que as persoas con trastornos psiquiátricos que se atopan en coidado residencial son as máis abandonadas, graves e desprotexidas historicamente das atendidas no campo da saúde mental. Os riscos aos que están expostas (abandono, maltrato, abuso, vulneración dos seus dereitos) son moi elevados. A súa capacidade de defensa dos seus dereitos é moi reducida cando non nula. A sociedade e as sías institucións teñen unha responsabilidade incrementada diante delas.
Dende esta consideración básica propoñemos que:
– Se realice unha auditoría pola Inspección Sanitaria de cales son as condicións de atención e de coidado residencial destas persoas, xa que pacientes diagnosticadas e en tratamento polo SERGAS deben ter asegurados polo mesmo os seus dereitos asistenciais.
-Se considere polo Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a situación da atención residencial e a asistencia sanitaria a estas persoas.
-Se asuma pola Valedora do Pobo esta cuestión, e que no marco das súas competencias e posibilidades acceda ao coñecemento do estado da
atención e coidado destas persoas e promova as accións oportunas de protección dos dereitos das mesmas.
-Se atendan coidadosamente as propostas das representacións sindicais dos/das profesionais que traballan nas residencias respecto ás dotacións, funcionamentos, condicións residenciais, formación/cualificación das plantillas e condicións laborais.
A sociedade, a través do cumprimento dos fins e obrigas das súas institucións, debe dirixir a súa atención cara esta cuestión. Non debe aceptar a solución que permitiu soster escondido este tema durante todo este tempo. Non foi como se pode ver agora nin é hoxe tampouco unha solución a de transferir á iniciativa privada (sexa asociativa ou sexa empresarial) a baixo precio a protección dos dereitos das persoas afectadas por graves padecementos psíquicos.