COMUNICADO DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL NO DÍA MUNDIAL DA PREVENCIÓN DO SUICIDIO
En Galicia, máis de 3000 persoas morreron por suicidio nos últimos 10 anos. 340 persoas confirmadas no ano 2022, segundo os datos presentados hai escasos días polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
Un suicidio case cada día.
Galicia é a Comunidade Autónoma, xunto con Asturias, onde máis mortes por suicidio se producen ano tras ano. Do mesmo xeito, está moi por riba da media estatal en canto á prevalencia dos trastornos mentais ou do consumo de psicofármacos.
O suicidio é a principal causa de morte externa, sobre todo nas idades máis novas, cunha tendencia ascendente nos últimos anos. O dobre que no caso dos accidentes de tráfico.
Teríamos preferido comezar este comunicado dun xeito máis optimista, pero a realidade imponse dun xeito estarrecedor. A mortalidade por suicidio é moi elevada, as tentativas autolíticas multiplican por 20 esas cifras, e o impacto na rede social tamén é moi significativo. A OMS calcula que por cada suicidio verase afectada unha media de 6 persoas pertencentes ao seu círculo máis íntimo e difundíndose en contextos máis amplos, como os educativos ou laborais.
Por todo isto, como sociedade debemos situar o suicidio como un dos maiores problemas que temos no noso país, e convertelo dunha vez por todas nunha prioridade nas políticas sociais e de saúde pública.
Con anos de atraso, e grazas á presión cidadá a través da campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio, en 2017 publicouse o Plan Galego de Prevención do Suicidio, recoñecendo así a gravidade do problema anteriormente minimizada. No seu momento, realizamos unha valoración crítica sobre o plan galego de prevención do suicidio, tendo en conta as directrices que establece a OMS:
Este organismo internacional fixara como obxectivo a lograr en cada país unha redución do 10% no número de mortes por esta causa en 2020.
Máis recentemente, dentro dunha estratexia global de prevención do suicidio, márcase o obxectivo, xunto con Nacións Unidas a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), de reducir nun terzo a mortalidade por suicidio no ano 2030.
Nestes 6 anos de posta en marcha da estratexia galega, estamos moi lonxe de acadar eses obxectivos de mínimos.
Por todo isto, reclamamos á Xunta de Galicia que estableza un diálogo social con todos os sectores concernidos na prevención do suicidio, incluída a cidadanía e os medios de comunicación, e todas as institucións locais e autonómicas para que rectifique na súa política actual de prevención do suicidio, reconducindo así unha situación que non da mellorado.
-. A prevención do suicidio só é posible realizando unha análise e intervención integral e coordinada. Vai máis aló do ámbito sanitario. Como ben recorda a OMS, que sectores alleos ao sanitario consideren que o suicidio é unicamente un problema de saúde sitúannos nunha posición suplementaria, reducíndose a capacidade para establecer medidas con impacto global.
-. Requírese desde o comezo do deseño do plan e durante todo o proceso de implantación unha coordinación intersectorial constante entre diferentes administracións e departamentos, así como a representación cidadá e os medios de comunicación..
-. Análise dos datos, investigación e vixianza epidemiolóxica: é imprescindible obter datos de calidade que guíen a acción preventiva, con informes regulares que permitan valorar os cambios epidemiolóxicos e os resultados das accións preventivas.
A día de hoxe seguimos sen saber algo que é fundamental. Non sabemos por que se suicida a xente.
O IMELGA e outros organismos poderían ter acceso a máis información da que actualmente ofrece, xa que contan con persoal técnico de alta especialización, se aseguraran a dotación profesional necesaria.
Os datos cos que contamos na actualidade, a través das memorias do IMELGA vólvense desactualizados se a súa publicación adíase con atrasos próximos ao ano. Pouca acción preventiva pódese facer permanecendo ás escuras.
Pero ademais, presentan datos parciais e incompletos, sendo máxime no informe do ano 2022. Non publicaron os datos desagregados por idade e xénero, salvo o número total de suicidios. E en canto ás franxas de idade, a súa agrupación non obedece a ningún criterio epidemiolóxico ou técnico xustificable. Parecería existir unha intencionalidade de ocultar certos datos, sobre todo nas idades máis novas.
É sorprendente que a día de hoxe non haxa avances na investigación. Temos en Galicia 3 institucións universitarias con persoal experto nas diferentes disciplinas coas que se poderían establecer sinerxias e están desaproveitándose.
Non se creou o anunciado Observatorio Galego do Suicidio, entidade que favorecería o deseño, difusión, avaliación e seguimento da investigación e a prevención da conduta suicida, actualizando os coñecementos e capacidades dos e das profesionais.
-. Financiación: segue sen facerse unha inversión económica e de recursos acorde coa gravidade do problema. Durante os primeiros anos o plan non tivo un orzamento asignado, o que deixaba sen efecto calquera intención de posta en marcha, e a partir de 2020 queda englobado a efectos orzamentarios dentro do Plan de Saúde Mental poscovid 2020-2024
Un ano máis, debemos insistir na urxencia de priorizar a prevención do suicidio dentro das políticas públicas e a responsabilidade da Xunta de Galicia na súa planificación e desenvolvemento. Chamamos á sociedade a participar no acto Badaladas pola Prevención do Suicidio, o próximo domingo 10 de setembro ás 8 da tarde, na Praza das Praterías (Santiago de Compostela).
best allergy medicine for rash allergy medication without side effects list of otc allergy medications