SEN INFORMACIÓN NON HAI ACCIÓN. SEN ACCIÓN NON HAI ESPERANZA
COMUNICADO DO MGSM NO DÍA MUNDIAL DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO- 2022
Un ano máis sairemos á rúa co acto Badaladas para a Prevención do Suicidio para recordar unha tráxica realidade, que golpea en Galicia de xeito especialmente duro, ante a que non se está a poñer todos os medios necesarios nin o interese para levar a cabo políticas públicas eficaces que consigan diminuír as taxas de mortalidade por suicidio e con isto o nivel de sufrimento que moita xente está a padecer.
Unha vez máis, temos que insistir en que o suicidio se pode previr. Que sendo unha realidade complexa pola diversidade de factores de risco e posibles precipitantes que se entrecruzan nun momento determinado, estes factores non son descoñecidos ou intanxibles.
Unha vez máis, temos que insistir en que existen investigacións, documentación e guías de intervención dabondo para establecer consensos sobre as accións que funcionan e os obstáculos a vencer (estigma, tabús e desinformación) para que un plan preventivo consiga os resultados desexados.
O desleixo, a inacción, a dilación na intervención ou as pseudoactuacións son modos de proceder profundamente irresponsables, con consecuencias graves na vida das persoas. Non pode ser un modus operandi por parte de quen teñen responsabilidades de goberno.
O lema elixido para este ano no Día Mundial da Prevención do Suicidio non pode ser máis clarificador: ESPERANZA A TRAVÉS DA ACCIÓN.
Non se van producir cambios, e non serán cambios estruturais que invertan a tendencia negativa actual se non hai unha vontade decidida para facelo, e non se dota de liderado, recursos e organización.
O Plan Galego de Prevención do Suicidio, publicado en 2017, tras a presión cidadá nos meses previos á súa elaboración, non amosou ata o de agora unha soa memoria anual de actividade e seguimento nin informe de resultados. Non poden utilizar o contexto da pandemia para diluír responsabilidades ante a inacción que se está a manter de forma obstinada.
Denunciamos taxativamente a intencionalidade de ocultación de datos necesarios para guiar as accións eficaces no camiño da prevención do suicidio. A OMS insiste sobre o fundamental da análise da situación, a través da recollida de datos de calidade, o máis específica e recente posible. Na guía da OMS, de 2021, de aplicación para a prevención do suicidio, insístese na importancia de “publicar informes con regularidade que sirvan de base á acción”.
Calidade, axilidade e regularidade dos datos en relación cos suicidios e autolesións como un dos piares básicos na prevención. Sen embargo, en Galicia dilátase de xeito inxustificable a publicación dos datos básicos sobre mortalidade por suicidio. A día de hoxe, non se fixo público o informe do IMELGA de 2021. Non se tratan de enquisas epidemiolóxicas, senón de datos que xa obran en poder da institución nos primeiros días do ano en curso. A que obedece este retraso, que fai que os datos aportados (xa escasos de por si pola pouca información que proporcionan) non sirvan para dirixir a acción preventiva? Que hai da obrigada transparencia á que se deben os gobernos? Que hai da rendición de contas á cidadanía?.
Volverán estes días os anuncios do que se vai facer. Posiblemente volverán a anunciar a apertura da unidade de prevención de suicidios de Pontevedra, cando xa se abrira e pechara nos meses anteriores. Ou a inminente apertura da unidade de Santiago (aínda que xa levan meses sen facelo tras o seu anuncio previo). Ou o nomeamento do coordinador de programas de prevención e promoción da saúde mental (na práctica, coordinador do plan de prevención do suicidio) dous anos despois da súa convocatoria pública. Ou o anuncio sobre os protocolos de prevención que teñen elaborados algunhas asociacións de saúde mental.
Anuncios. Re-anuncios. Dilación. Inoperancia.
E mentres, a realidade é devastadora. Case cada dia, en Galicia, unha persoa falece por suicidio.
Sairemos un ano máis a recordar este feito ante o que non podemos mirar para outro lado. O 10 de setembro de 2022, ás 20:00 horas, na Praza de Praterías (Santiago de Compostela) daremos unha badalada por cada persoa que morreu por suicidio no ano anterior. Para non esquecer. Para recordar que o suicidio se pode previr.
best allergy pill for itching best non prescription allergy medication alphabetical list of allergy medications