Blog

BAÑOS DE BOSQUE. A NOVA OCURRENCIA DO SERGAS PARA ATENDER A SAÚDE MENTAL EN GALICIA

BAÑOS DE BOSQUE. A NOVA OCURRENCIA DO SERGAS PARA ATENDER A SAÚDE MENTAL EN GALICIA

Realmente cando pensabamos que non podíamos ficar máis sorprendidxs, unha nova acción do SERGAS eleva o surrealismo a cotas máximas. Vai ser imposible superar tal nivel de despropósito na xestión pública, que pagamos todxs.

Poderíamos quedarnos no chascarrillo, na anécdota simpática que a noticia podería ter: o SERGAS vai prescribir unha innovadora terapia á poboación galega, que consiste exactamente en camiñar polos bosques galegos, para gozar dos evidentes beneficios do contacto coa natureza. Chámanlle “terapia forestal”.

SI. LEEN BEN.

O SERGAS recorda ás galegas e galegos que temos bosques dabondo nos que camiñar nos tempos libres e así mellorar a nosa saúde. Disque souberon de estudos xaponeses onde atoparon resultados positivos desta técnica, chamada Shinrin-yoku.

Cando as mentes preclaras do SERGAS descubran que en Galicia tamén temos praias e ríos onde practicar a Terapia pola Aqua dunha forma natural e gratuíta, sen ter que pagar entrada aos balnearios, vai ser unha troula.

Poderíamos quedarnos no chiste, se non fora un síntoma tan grave de irresponsabilidade e ineptitude na xestión sanitaria e de persoal da Xunta de Galicia.

Para poñermos en contexto: o SERGAS participa dun proxecto europeo, a “Nova Bauhaus Europea” que cunha financiación de 85 millóns de euros para os anos 2021-22, investirá en proxectos relacionados co medio ambiente e a sostibilidade.

Para o Organismo galego é unha forma de conseguir financiación coa que se “crearán novos espazos sostibles no entorno dos centros sanitarios galegos”. Exactamente, pretenden conseguir financiación para reparar o entorno exterior do Hospital Psiquiátrico de Conxo, cun proxecto que non o dan a coñecer a pesar de que xa está avanzado o seu deseño.

O Defensor del Pueblo, no seu informe de 2021 sobre a visita ao psiquiátrico, resalta que o edificio atópase nun estado de deterioro significativo, con gran cantidade de humidades, ventás moi deterioradas, ofrecendo unhas condicións insalubres para a estancia de persoas. Tamén resalta que existen numerosos espazos verdes escasamente utilizados con fins terapéuticos, e que tamén carecen dun mobiliario confortable. O espazo físico non é adecuado para o tratamento, rehabilitación e integración social das persoas con problemas de saúde mental, conclúe o Alto Comisionado.

Como socio oficial da Nova Bauhaus Europea, o SERGAS ten que participar en diferentes actos e propostas, como a que terá lugar entre os días 9 a 12 de xuño de 2022 en diferentes localizacións do continente, na primeira edición do Festival da Nova Bauhaus Europea.

E é neste contexto onde o SERGAS, a través dos departamentos de Saúde Mental e de Riscos Laborais, sen a mínima obxección ética, van a facer pasar como innovación e inclusividade o que é unha tomadura de pelo.

Por un lado, o servizo de saúde mental da Xunta de Galicia participará na Mesa de Diálogo “Tendiendo puentes hacia una cohesión social real” nun Forum no que van da man as iniciativas públicas e privadas.

Por outro lado, engadindo un aparente toque naïf, estarán os “workshops” do día 10: o sinalado de “terapia forestal” a cargo da Unidade de Prevención de Riscos Laborais, e un de “inclusión e integración”, de construción de instrumentos musicais e concerto didáctico con persoas residentes no Hospital Psiquiátrico.

Recordemos que o departamento de prevención de riscos laborais do SERGAS foi quen, coa participación do departamento de saúde mental, organizou o “Plan de apoio e atención ao persoal do SERGAS” no contexto da pandemia covid-19. Ese plan está composto por iniciativas como a das caixas de agradecemento ás/os profesionais, ou conferencias como as de “os 5 segredos para desfacerse do estrés”, “unha dose de ilusión”, “permitirnos parar” ou “claves para a aprendizaxe da fortaleza emocional”, entre outros títulos inspiradores. Nada sobre avaliación dos riscos psicosociais que quedaron tan evidentes na época mais dura da pandemia. Nada sobre a diminución da sobrecarga, a falta de profesionais para substituír e a perda de dereitos laborais.

Agora venden os “baños de bosque” nese marco do plan de apoio, como un regalo para os profesionais sanitarios, escollidos ao azar entre atención primaria e saúde mental, que ademais (hai que aproveitar a inversión) poderanse converter en “prescriptores” para os seus pacientes e así mellorar a súa saúde mental.

Nun momento no que a lista da agarda para unha consulta de saúde mental alcanzou o pico máximo, con aumento da prevalencia de problemas de saúde mental, de mortes por suicidio e consumo de psicofármacos, esta ocorrencia é vergonzosa.

Nun momento no que desde diferentes organizacións internacionais, como a OMS, ONU ou o Consello de Europa reclámanse políticas asistencias que teñan en conta os determinantes sociais da saúde mental, como son a pobreza, a discriminación e as violencias, en Galicia estamos a falar de “xestionar as emocións”.

E que dicir do que pode supoñer para os profesionais sanitarios! Recomendar baños de bosque a uns/has profesionais esgotados ata a extenuación, con horarios e carga de traballo duplicados ou triplicados, con condicións precarias de emprego, como se evidencia nos últimos días polas reclamacións dos servizos de medicina interna, e desde hai anos na Atención Primaria.

E finalmente está o tema das persoas diagnosticadas, residentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo, coas que van a facer un obradoiro de musicoterapia, como exemplo de inclusión. Aínda non responderon aos informes do Defensor del Pueblo de 2017 e 2021. Aínda se manteñen as prácticas coercitivas que supoñen unha vulneración de dereitos fundamentais. Falan de inclusión cando estes días construíron un valado que separa o psiquiátrico do bosque de Conxo (e polo tanto, separa aos residentes do psiquiátrico do resto da cidade). Que ironía! Baños de bosque infranqueables para as persoas residentes no psiquiátrico.

A política sanitaria da Xunta de Galicia é isto. Publicidade, espectáculo, iniciativas näif de moda, individualización do malestar. Vidas precarizadas. Privatización do público.

Baños de bosque (de eucaliptos e eólicos)

602 Comments - Leave a Comment
  • DavidHen -