Blog

A XERENCIA DO CHUAC RETIRA A CONTENCIÓN MECÁNICA E TRASLADA AO PACIENTE Á UNIDADE HOSPITALARIA DE PSIQUIATRÍA TRAS A DENUNCIA PÚBLICA DO MGSM

Onte quitáranlle parcialmente as contencións. Hoxe trasládano á unidade de psiquiatría.

Pouco hai que celebrar. Actuaron tarde, moi tarde. E só pola repercusión mediática. Antes, a Xerencia dera aos medios unha resposta vergonzosa, desviando o asunto polo que fora cuestionado, nun formato-tipo ao que nos teñen acostumados cando destapamos unha noticia similar, que é agocharse detrás dos profesionais.

Pero a noticia deixa moitas preguntas no aire:

Pensa a Xerencia do CHUAC iniciar unha investigación, asumir a súa responsabilidade e actuar en consecuencia?

Cantas veces máis haberá que denunciar publicamente que se están a vulnerar dereitos fundamentais nas persoas con diagnóstico psiquiátrico? Por que actuar a posteriori e non preventivamente?

Cantas veces teremos que facernos eco dunha información tan dura como esta? Unha persoa que acude a urxencias con clínica psiquiátrica ten que sufrir a violencia de ser atado durante días, perdendo a mínima liberdade que lle da o seu corpo, sen poder moverse. Sen darlle unha solución. Sen recibir a atención integral á que ten dereito na unidade especializada para o seu caso. É que as persoas psiquiatrizadas son de segunda categoría?

Pensa a Xunta de Galicia implementar medidas urxentes para eliminar a contención e garantir os Dereitos Fundamentais das persoas con diagnóstico psiquiátrico?

Son conscientes do efecto traumatizante da coerción nas persoas afectadas? E do efecto de perda de confianza na atención sanitaria para unha persoa que está en situación de vulnerabilidade (como vai confiar para o seu coidado na institución que exerce violencia? Va a Xerencia a pedir desculpas, como mínima reparación do dano, ao paciente e achegadxs?

E moi preocupante, polas implicacións legais que tería: sendo un ingreso involuntario, realizouse o procedemento de autorización xudicial tal como marca a lexislación? (notificar antes das 24 horas ao tribunal, e ser ratificado polo este nun prazo máximo de 72 horas tras o seu coñecemento)

A Xerencia do CHUAC é coñecedora desde hai anos da problemática que rodea a contención e outras prácticas coercitivas. E a coñece dun xeito tráxico, que non se debera repetir.

Seguiremos pendentes do curso deste caso, porque non se pode pechar en falso un asunto tan grave.

16 Comments - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *