VULNERACIÓN DE DEREITOS NO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE A CORUÑA (CHUAC) POR CONDICIÓN DE SAÚDE MENTAL

En días pasados, tivemos coñecemento dunha situación de potencial vulneración dos Dereitos Fundamentais dunha persoa que ingresa no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC).
Acode ao Servizo de Urxencias, por clínica psiquiátrica, o martes 22 de marzo e, valorada a indicación de ingreso en Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), vese abocada a permanecer por máis de 30 horas devandito servizo, non con obxecto de observación senón por falta de camas libres na unidade especializada, e permanecendo en situación de contención mecánica.
O seu ingreso finalmente non se produce na UHP senón nunha unidade allea á indicación facultativa. Seis días despois coñecemos, segundo o relato que se nos achega, que se mantén de forma continuada a súa situación de contención mecánica, privado de liberdade de movementos, e tendo que ser auxiliado para a súa alimentación e coidados básicos.
Non é esta a primeira vez que denunciamos situacións no CHUAC que atentan contra dereitos. Tivemos que soster durante semanas una acción pública de denuncia para que fose clausurado o cuarto de contencións da unidade de hospitalización psiquiátrica, colocando así o foco contra unha práctica lesiva, indigna e que se pode previr.
Cómpre salientar ao respecto da contención mecánica que, en febreiro de 2022 a Fiscalía Xeral do Estado publica unha Instrución co obxecto de reforzar as funcións de supervisión e comprobación do cumprimento das pautas esenciais que han de ser respectadas en todo caso na aplicación das contencións (que seguirán os principios básicos de coidado, excepcionalidade, necesidade apreciada por prescrición facultativa, proporcionalidade, provisionalidade e prohibición do exceso).
Alerta a Fiscalía contra a utilización da contención ou suxeición como aplicación rutineira, por conveniencia do centro (aforro de traballo, esforzo e recursos), ou non centradas no mellor beneficio das persoas usuarias. A duración debera ser limitada no tempo, de minutos e non horas, e pasada a situación de urxencia, ser inmediatamente liberado, xa que o recoñecemento da dignidade e a promoción da autonomía da persoa será o eixo vertebrador na interpretación de toda esta materia.
Levamos anos denunciando a falta de vontade política por quen ten competencias para asegurar unha atención sanitaria respectuosa cos Dereitos Humanos das persoas con discapacidade, que se exemplifica no desleixo á hora de desenvolver os obxectivos marcados polo propio goberno da Xunta de Galicia na Plan de Saúde Mental Poscovid (obxectivo 11: avanzar cara a contención cero).
A situación sobre a que temos coñecemento é absolutamente inadmisible: ao propio feito da utilización da contención mecánica (lesiva en si mesma) súmase a gravidade da súa duración continuada ao longo de días (indicio que non se está ante unha situación de perigo inminente) e a probable utilización de tal medida privativa de dereitos como compensación das carencias de dispositivo asistencial idóneo e recursos profesionais.
Poñemos en coñecemento público estes feitos, e moi particularmente á Xerencia da Área Sanitaria de A Coruña, co ánimo de que se realice a investigación oportuna, co rigor e alcance correspondentes á gravidade da situación descrita e a asunción das responsabilidades que dela se deriven.
No que corresponde ás medidas de prevención do uso de medios de contención, urxe a elaboración e execución de medidas organizativas e asistenciais imprescindibles para que non continúen reproducíndose unhas prácticas que discriminan e violentan a dignidade das persoas, calquera que sexa a súa condición de saúde.