DEREITOS COMO CONDICIÓNS NECESARIAS PARA A SAÚDE MENTAL COMUNICADO DO MGSM NO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL 2021
Sinala Dainius Püras, o anterior Relator especial da ONU sobre o dereito de toda persoa ao disfrute do máis alto nivel posible de saúde física e mental, que o dereito á saúde non é un dereito a estar san, senón o dereito tanto a condicións como a servizos que conduzan a unha vida digna e igualitaria, e á non discriminación en relación coa saúde.
A saúde mental está intimamente ligada a posuír unhas condicións dignas de existencia (unha vivenda onde non escasee a luz, a calefacción a auga corrente nin os alimentos), a ver garantido o acceso á educación e á sanidade en condicións de equidade e de respecto á diversidade; a saír á rúa sen medo; a que a casa, o traballo, a escola non sexan lugares de sufrimento; onde non sexamos maltratadxs, discriminadxs, violentadxs pola nosa forma de vivir, de querer ou de pensar; onde o dereito a participar e ser incluído na comunidade non se poña en dúbida por ter unha enfermidade; onde ter un diagnóstico psiquiátrico non xustifique a práctica da coerción e intervencións forzosas, de limitación de dereitos e violencia institucional.
Promover a saúde mental vai máis de rachar coas desigualdades sociais e as violencias estruturais que de construír habitáculos, despachos, axendas, documentos que repiten os mesmos modelos de atención caducos por reducionistas, simplificadores da realidade, paternalistas e estigmatizadores. Atender a saúde mental vai mais de relacionar as reaccións emocionais e os comportamentos coas condicións de vida subxacentes que ampliar as etiquetas diagnósticas. Invertir en saúde mental vai mais de conseguir relacións de confianza e participación de quen sofren en primeira persoa que de repartir cartos sen ter un plan coherente de acción. Coidar a saúde mental dxs profesionais sanitarixs vai máis de escoitar as súas necesidades, propostas e vivencias que de contratar gurús da autoaxuda e superación persoal (pagados por laboratorios).
Estamos preocupadxs. Moi preocupadxs. Porque hai mais cartos pero seguimos co mesmo esquema de actuación, que consiste en gran medida en intervencións individuais e medicalizadas a situacións complexas que requiren unha coordinación efectiva coa comunidade (non só co reducido sector sanitario). E isto é especialmente urxente para a atención á infancia e mocidade. Que avance real pode haber no aumento de profesionais ou dispositivos se estes seguen a ter as axendas completas de tal forma que non teñen espazos para falar cos mozxs, familia, profesorado ou outros actores implicados no problema e na solución? Onde esta a equidade se quen o pode pagar ten que recorrer á asistencia privada, e quen non ten esa posibilidade ha de esperar meses para unha primeira atención, e outro tanto para as sucesivas consultas? Porque isto segue a pasar a un ano e medio de publicación do Plan de Saúde Mental de Galicia pos covid 19, e 95 novas contratacións.
Algo falla. Pero ninguén rende contas, que é o deber de quen é garante da protección dos dereitos, o que implica medidas de seguimento, revisión, recursos e vías de reparación, e non exclusivamente indicadores tradicionais como número de camas, unidades, profesionais e intervencións.
Algo falla se seguimos individualizando o sufrimento e homoxeneizando as respostas. Algo falla se non conseguimos colectivizar o malestar e buscar solucións na diversidade.
A xornada do MGSM que celebraremos o próximo 16 de outubro vai diso: saír do mundo reducido do sanitario, valorar desde moi diversos ángulos para comprender a complexidade do que temos diante, escoitar á propia mocidade que é o que queren, desexan, necesitan e propoñen. Colectivizar o coñecemento así adquirido. E aprender.