Blog

INFORMACIÓN DA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E O BARBANZA SOBRE PRESUNTA AGRESIÓN A PACIENTE

Con data de 30 de xullo de 2021 dous membros da coordinadora do MGSM acodimos a unha xuntanza no Hospital Clínico, após de sermos convocadxs pola Xerencia da área sanitaria.
A finalidade desta xuntanza, á que acodiron tanto a Xerenta coma o Director de procesos asistenciais, era responder ao escrito que o Movemento fixera chegar en data de 19 de xullo e relativo á preocupante información que recibimos sobre unha presunta agresión de parte dun cargo asistencial a un paciente ingresado en contención mecánica, na súa estancia en urxencias.

Solicitábamos o inicio da debida investigación e inicio de expediente informativo para analizar os feitos e actuacións pertinentes segundo o procedemento establecido pola normativa vixente.

Neste sentido, fumos informadxs de xeito verbal e por escrito de que se iniciaran as xestións oportunas para esclarecer os feitos. Así mesmo, deuse traslado do expediente informativo á  Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, como órgano competente, do correspondente expediente informativo, conforme o procedemento legalmente establecido e de aplicación no Servizo Galego de Saúde.

Reiteramos, pola nosa parte, a necesidade de clarificar os feitos denunciados e actuar co máximo rigor e celeridade, xa que o principal motivo de estigma sobre a saúde mental ten a súa orixe na vulneración de dereitos fundamentais e violencias cara as persoas con diagnóstico psiquiátrico. Ademais, solicitamos que nas competencias que lle son propias, valoraran estes feitos de cara a previr este tipo de situacións no futuro na área sanitaria que coordinan.

Tanto a cidadanía (e o  MGSM é un movemento cívico) como as organizacións e xs responsables políticxs temos a responsabilidade de defender e actuar na protección dos dereitos das persoas, sexa cal sexa a súa condición, de maneira firme e decidida, con transparencia e sen actitudes pasivas que perpetúan as violencias.

Seguiremos atentxs a este proceso que ha de estar iniciado, e realizaremos todas as accións que se requiran para avanzar nunhas políticas efectivas de igualdade, non violencia e dereitos.

Leave a comment to Eric Jones Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*