Blog

COMUNICADO DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL SOBRE A CARENCIA DE UNIDADES HOSPITALARIAS DE REHABILITACIÓN PSICOSOCIAL NAS ÁREAS SANITARIAS DE A CORUÑA E FERROL.

COMUNICADO DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL SOBRE A CARENCIA DE UNIDADES HOSPITALARIAS DE REHABILITACIÓN PSICOSOCIAL NAS ÁREAS SANITARIAS DE A CORUÑA E FERROL.

Non se entende que máis de 30 anos despois do informe da Comisión Ministerial para a reforma psiquiátrica, que conminaba a superar definitivamente o modelo asilar e custodial na atención aos trastornos mentais, continúe habendo persoas que cando necesitan un tratamento intensivo e de duración intermedia, baseado en obxectivos de rehabilitación que permitan unha mellor integración na súa comunidade de referencia, teñan que trasladarse a localidades de áreas sanitarias diferentes da súa propia (onde, paradóxicamente, se espera que retornen cando melloren a súa situación clínica).

Isto, nin máis nin menos, é o que está a pasar en pleno século XXI en Galicia. As persoas que pertencen ás áreas sanitarias de A Coruña ou Ferrol, que presentan un problema de saúde mental que requira un tratamento hospitalario máis prolongado no tempo, coa participación intensiva dun equipo multidisciplinar, ao redor dun Plan Individualizado de Tratamento rehabilitador que consiga a maior funcionalidade, autonomía e independencia posibles, teñen que ingresar, oh sorpresa! no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Isto é de todo punto inaceptable e alonxado do espíritu e da normativa que sustenta non só a atención á saúde mental senón a atención sanitaria xeral. Entre outras, que todos os programas “formen un todo homoxéneo e garantan a través da continuidade terapéutica unha actuación coherente na atención á saúde mental” (Decreto 389/1994, de 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia). A distribución dos recursos será equitativa e organizaranse de modo que quede garantida a súa extensión a toda a poboación.

Haberá quen diga que, nun mundo globalizado, cunha vías de transportes e comunicacións que conectan as tres cidades, permiten manexar unhas isocronas axeitadas para o traballo rehabilitador. Pero dirano xente que non coñece ou ben despreza o traballo inmenso que implica potenciar o uso dos recursos comunitarios, das actividades de ocio e tempo libre que se organizan nos barrios, da busca de emprego nas empresas cercanas ao fogar da persoa, o afianzamento dos vínculos emocionais coa familia, achegados e veciños, a coordinación cos recursos asistenciais aos que accederá o paciente unha vez dado de alta, a recuperación do sentido de valía e axencia persoal, dos autocoidados… que non se constrúen de calquera xeito, en calquera lugar e baixo calquera condición.

A rehabilitación óptima realízase no contexto onde transcorre a vida das persoas. Iso non se consegue a 90 quiilómetros de distancia do domicilio.

É un total anacronismo, signo do desleixo de décadas na atención psiquiátrica, e vulnera os dereitos das persoas con necesidade de tratamento de rehabilitación. Han de crearse unidades hospitalarias de rehabilitación nas áreas sanitarias de A Coruña e de Ferrol, co dimensionamento e dotación profesional necesarios para acadar o total de recursos de saúde mental recomendados.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*