Blog

A INCOHERENCIA DA CONSELLERÍA DE SANIDADE SOBRE OS DISPOSITIVOS DE ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL. DO ESQUECEMENTO Á DESCONSIDERACIÓN

A finais de xaneiro de 2021, cando comprobamos que a Xunta de Galicia non tiña ningunha intención de vacinar ás persoas que residen de forma estable nos hospitais psiquiátricos (estando na mesma situación de risco de contaxio, transmisión e gravidade que as persoas que residen en centros sociosanitarios), iniciamos unha campaña de visibilización e denuncia, con accións sostidas no tempo ata conseguir o que era unha cuestión de urxencia e tamén de xustiza e equidade. Quedaba dolorosamente patente que as persoas con diagnóstico psiquiátrico sofren un nivel tal de marxinación e discriminación que aumenta o seu risco vital. Non cabe andarse polas ramas, contemporizando con algo tan grave.

Conseguímolo. Entre os días 17 e 22 de febreiro realizáronse as vacinacións as pacientes institucionalizados en hospitais psiquiátricos públicos. E sabíamos que estaban a requirir os listados de pacientes e persoal dos centros de titularidade privada e concertada para iniciar a vacinación de forma inmediata. Que triste é comprobar que algunhas institucións só parecen moverse cando hai presión pública para defender dereitos fundamentais das persoas.

Cada día que se retrasa o inicio da vacinación aumenta o risco de aparición dun gromo en lugares onde residen grupos de persoas que non poden manter as medidas de redución do risco de transmisión, que comparten habitacións, comedor e demais zonas comúns. Que con frecuencia presentan comorbilidade física e idade avanzada como factores de vulnerabilidade.

No caso das mini-residencias e hospitais psiquiátricos privados, levan días prometendo que o farán. E haberá aínda quen confía na palabra tantas veces incumprida. Como se non tiveramos experiencia suficiente para saber que cada logro en saúde mental se consegue pelexándoo. Que as persoas diagnosticadas de trastorno mental están eternamente esquecidas. Eternamente silenciadas. Como se non foran suxeitos de dereito. Seguen chegándonos mensaxes de preocupación de achegados/as e persoal pola dilación na vacinación e a falta de reacción de xestores.

No caso dos pisos protexidos, a Xunta de Galicia, a través do Servizo de Saúde Mental, considera que non precisan prioridade na vacinación, porque son como compañeiros/as de piso que voluntariamente deciden compartir a súa vida. Pero a realidade é que forman parte dos dispositivos complementarios na rede de atención á saúde mental (Decreto de 1994), sendo unidades de convivencia supervisadas permanentemente por persoal cualificado (estando localizados ou de presencia física no caso das mini-residencias). De titularidade pública ou privada, as prazas son concertadas coa Consellería de Sanidade. Existen criterios de inclusión e exclusión para acadar unha praza.

Somos conscientes que a produción de vacinas está moi lonxe de acadar unha dispoñibilidade suficiente para chegar a toda a poboación nun tempo adecuado para a inmunización óptima. Somos conscientes que estas circunstancias obrigan a elaborar unha estratexia de priorización extremadamente rigososa, transparente e xusta. Estamos totalmente comprometidos/as con esta liña. Precisamente, a razón da existencia do MGSM é a defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental en igualdade de condicións que o resto da cidadanía. Como cidadáns que son.

Nun protocolo conxunto entre as Consellerías de Sanidade e de Política Social determinaron que estes dispositivos complementarios íanse rexer de forma xeral do mesmo modo que as residencias de maiores e outros centros sociosanitarios para o manexo da crise sanitaria, por exemplo no réxime de visitas ou nas saídas ao exterior. Isto implica que as limitacións de mobilidade, visitas e saídas van ser de maior nivel de restrición que as da sociedade xeral segundo a situación epidemiolóxica e a regulación de cada momento. As mesmas limitacións non traen consigo as mesmas consideracións á hora da vacinación.

Polo mero feito de vivir nestes dispositivos residenciais teñen máis limitadas as súas liberdades (desde o ultimo documento de recomendacións do 4 de febreiro de 2021, poden saír á rúa pero só entre convivintes e coidadoras, independentemente que esta norma xa non estea en vigor para a sociedade xeral; non poden acudir ao domicilio familiar e as visitas están limitadas a unha persoa de referencia, unha vez á semana e durante 60 minutos, sempre que o equipo asistencial valore a súa pertinencia).

E aquí está a incoherencia e a desconsideración da Xunta de Galicia para as persoas con diagnóstico psiquiátrico e que viven en pisos protexidos. Non están na mesma situación que o resto da sociedade que vive fora dunha Institución, porque non teñen os mesmos dereitos de mobilidade, de visitas ou de decisións; pero tampouco teñen a mesma consideración que as persoas usuarias de residencias ou institucións sanitarias para ser considerados grupo prioritario de vacinación e así diminuír o risco e contaxio e morbilidade e recuperar a mesma “normalidade” que o resto da sociedade.

Isto é cruel e de dudosa legalidade. Unha vez mais, as persoas diagnosticadas de trastorno mental grave que viven en centros dependentes ou concertados pola Xunta de Galicia parecen estar nun limbo e ser cidadáns de última categoría. Simplemente se lles exclúe do proceso de vacinación dunha forma totalmente inxustificable. E ao persoal asignado a eses pisos tamén, nunha desigualdade extraordinaria con respecto aos seus propios compañeiros/as.

Isto significa que o simple feito de entrar pola porta destes pisos, implica unha rebaixa de dereitos fundamentais. Case 200 residentes de pisos protexidos están baixo normas diferentes ás da súa veciñanza.

Ha de repararse esta evidente irregularidade, incluíndo a persoal e usuarios/as dos pisos protexidos no plan de vacinación do colectivo ao que a propia Xunta de Galicia asimilou (residencias de maiores e sociosanitarios). E que se vacinen sen mais dilación ás persoas que viven en institucións psiquiátricas, da igual a súa titularidade, e ao persoal que exerce nas mesmas.

PD: Axuntamos o documento elaborado pola Xunta de Galicia, de febreiro de 2021 e que non difundiu convenientemente para coñecemento de persoal e técnicos que lles afecta

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Recomendacions-para-a-reorganizacion-asistencial-dos-dispositivos-e-programas-de-atencion-a-saude-mental-en-relacion-coa-in

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *