Blog

COMUNICADO DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

DO SUPOSTO PLAN DE APOIO E ATENCIÓN AO PERSOAL DO SERGAS, OU DE COMO DANAR (AÍNDA MÁIS) A TRAVÉS DA PROPAGANDA.

Nas últimas semanas o Sergas publicou, e publicitou por todos os medios posibles, o denominado “Plan de Intervención Psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na pandemia de Covid19”.

Practicamente un ano despois (un ano máis tarde!) do comezo da difícil situación na que nos estamos aínda a mover, o Sergas semella (e nada máis que semella) lembrarse por primeira vez do persoal: que ven facendo todo o traballo no eido da sanidade, que se mantén no seu posto de traballo ata a extenuación, que durante interminables semanas se mantivo afastado dos seus seres queridos por medo a contaxialos, que sufriu, e segue a sufrir, as consecuencias de realizar o seu traballo o mellor que sabe. E non por ser un heroe, senón simplemente por asumir, como sempre fixo, a súa responsabilidade, a de coidar e tratar de curar na enfermidade.

Agora o Sergas quere que pareza que ten en conta ao persoal a quen acusou nalgúns momentos de ser o principal transmisor do mal por relacionarse entre eles e coas súas familias; quen foi vilipendiado por tratar de protexerse como podía cos escasos medios dos que dispoñía, chegando a ser sinalado como esaxerado e catastrofista, e incluso degradado nas súas responsabilidades organizativas; ao que descoidou gravemente negando a necesidade de protección; ao que non renovou os seus contratos tras contaxiarse en acto de servizo; a ao que…. En definitiva, agora din que se lembran do persoal, cando o que fixeron foi simplemente utilizalo, descoidalo, maltratalo, na realización dunhas funcións que se sinalan como esenciais. E esenciais son, as funcións e as persoas.

Pero o Sergas pretende librarse unha vez máis do que lle corresponde. Neste caso da responsabilidade que teñen no coidado da organización, da sanidade e dos e das que traballan nela. E para iso non dubidan en botar, unha vez máis, esta pesada carga sobre os lombos doutros.

Pretenden así resolvelo todo promovendo a expresión do agradecemento por parte da poboación civil, desviando a atención do feito de que o malestar dos e das profesionais non ten que ver só coa pandemia e as consecuencias desta (que por suposto que tamén), senón moi especialmente coa posición de descoido e maltrato cara eles/as, exacerbada neste último este ano, por parte da xerarquía e dos diferentes cargos institucionais. Porque se se quere, se se decide en serio coidar, é imprescindible promover e manter unhas condicións dignas de existencia, e neste caso de traballo. Todo o resto é palabrería.

Agora, un ano despois, resulta moi bonito, e sobre todo moi conveniente, recoñecer que se traballou (cando o que queren dicir é que “traballaron”) ben, dar unhas palmadas nas costas e seguir como se nada. E de paso tratar de resolver as dificultades xeradas pola desastrosa e neglixente xestión enfocándoas como se fosen un problema individual e de saúde mental. Como se no esgotamento do persoal, o Sergas non tivese nada máis que ver nin nada máis que facer que o ofrecemento do que se trata de presentar como un regalo, como un agradecemento ou case como unha caridade. E isto é totalmente inaceptable.

E igual de inaceptable é que pretendan vender como un programa de atención á saúde mental as accións destinadas a acalar, que non a resolver, o natural e máis que xustificado malestar presente nos colectivos sanitarios. Un malestar que con toda seguridade debería ser encamiñado por vías máis laborais ou sindicais, da orde do colectivo, que polas que implican un sinalamento deste tipo de dificultades como un produto da enfermidade ou da debilidade.

E non negamos nós, dende logo, o dereito á atención á saúde mental da persoa cando esta a precisa. Por suposto que se han de poñer a disposición deste labor os recursos que sexan necesarios, pero en todo caso separándoos da liña do conflito laboral e seguindo as vías habituais para o acceso á asistencia, porque sabemos que o feito de darlle un carácter extraordinario e sinalador dentro do sistema dificulta a accesibilidade ao tratamento, e por tanto a recuperación e a reparación do dano producido. Pero isto non debe facer esquecer en ningún caso, que no tema que nos ocupa o que está de fondo é unha cuestión de dereitos, dereito á saúde, si, pero tamén e antes o dereito á dignidade.

Indo máis alá, e volvendo á estratexia de derresponsabilización, o Sergas na súa tentativa de redefinir como pertencentes á patoloxía as consecuencias do abandono da institución sobre o persoal sanitario, quere facer cómplice necesario ao colectivo de profesionais da saúde mental. Así, deste xeito, psicólogos/as clínicos/as e psiquiatras son convocados, como expertos e dende unha pretendida posición especial, a desempeñar o labor instrumental de acalar o malestar colectivo a través dunha ben intencionada intervención individual, que máis ben é pretendida polo sistema polo seu potencial individualizador, de producir illamento.

E simultaneamente, estes mesmos profesionais da saúde mental, que veñen traballando arreo e acotío dende moito antes do inicio da pandemia, son descualificados por aqueles mesmos que din querer coidar aos traballadores sanitarios. Porque só dende aí cabe interpretar a decisión do Sergas de convocar agora unha serie de conferencias impartidas de forma maxistral e virtual por “paracaidistas” docentes de renome. Son expertos da positividade que pouco ou nada saben do vivido nas trincheiras da pandemia, que parecen pretender vir a solucionarnos a existencia contándonos que se pode ser felices incluso no horror, ou que modificando as nosas redes neuronais teremos unha mellor capacidade de adaptación á inxustiza (e iso cando non falan de “enviar raios de amor” a famosos ditadores).

Dende esta perspectiva non cabe outra cousa que esperar por parte do propio persoal dos servizos de saúde mental un posicionamento e unha resposta clara ante o intento de instrumentalización e a demanda de cooperación necesaria que dun xeito perverso está a realizarse.

Porque os nosos dirixentes deben saber que non imos tolerar o que están a facer. Porque non é o momento de promover que outros, a sociedade ou os doentes, agradezan; nin de dar leccións acerca de como isto se debería facer. Tampouco é tempo de vender fume respecto a liderados saudables ou a posibles medidas de comunicación organizacional tantas veces anunciadas e nunca postas en marcha. Non, non é dende logo agora o momento da propaganda.

Pola contra segue a ser o momento da acción. De procurar que os recursos e a atención tanto no eido físico como mental sexan os axeitados, os necesarios (nunca o foi no caso desta última), adaptándoos ás circunstancias e condicións da situación xa demasiado prolongada de pandemia na que nos atopamos. De coidar, de verdade, no que realmente importa, aos profesionais que coidan á poboación; e de coidar tamén, por suposto, a súa saúde mental. Nun primeiro lugar velando pola existencia dunhas condicións dignas de traballo (contratos, medios, protección, descansos, escoita…), creando un entorno no que poidan seguir dando o mellor de si mesmos; e en segundo lugar, e se fose necesario, ofrecendo a atención individual que poidan precisar, como se vén facendo entre compañeiros dende sempre, sen a necesidade de recollelo nun plan propagandístico.

E quizais, finalmente, sexa o momento de que o Sergas proceda de forma inmediata á reparación do dano. Porque simplemente é unha cuestión de xustiza.

4 Comments - Leave a Comment
  • adults toys -

    We wish to thank you all over again for the lovely ideas you offered Jeremy when preparing her own post-graduate research
    and, most importantly, with regard to providing each of the ideas
    in one blog post. Provided we had been aware of your website a year ago, we will have been saved the unwanted measures we were selecting.

    Thanks to you. adults toys

  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *