COMUNICADO MGSM NO DÍA MUNDIAL DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO-2020
O suicidio pódese previr.
Está considerado un problema de saúde pública, e isto significa que é unha cuestión que nos concirne a todos/as como sociedade e que é unha obriga dos gobernos adoptar cantas medidas sexan necesarias para reducir o seu impacto. Sen escatimar recursos.
No ano 2013, a Asemblea Mundial da Saúde da OMS aprobou un plan de acción integral sobre a saúde mental, e entre outras decisións, instou á comunidade internacional a comprometerse en estratexias nacionais multisectoriais para lograr unha redución no número de mortes por suicidio. Cuantificou este obxectivo na redución do 10% na taxa de suicidios para o ano 2020, un mínimo para consolidar unha tendencia decrecente.
O goberno da Xunta da Galicia tardou anos en recoñecer a urxencia de elaborar e poñer en marcha un plan de prevención do suicidio, ademais dun plan de saúde mental, máxime cando estabamos a pasar por unha importante crise económica que tensaba ata o intolerable a capacidade de resistencia da poboación, sobre todo entre os sectores máis vulnerables.
Temos un Plan Galego de Prevención do Suicidio desde 2017. Un documento de boas intencións pero inoperante ao non ter cronograma de execución, un orzamento asignado, responsables técnicos e unha avaliación regular que permita axustar a planificación futura segundo o coñecemento acumulado.
Temos un plan de anuncios e promesas.
O ano pasado, co gallo do Día Mundial de Prevención do Suicidio, anunciaban o inicio dun estudio epidemiolóxico en colaboración coa Universidade. Nada se sabe a día de hoxe. Tamén anunciaban a colaboración co IMELGA para mellorar a información sobre o suicidio.
Anunciaban tamén a creación dunha “vía rápida” de atención a persoas con risco de suicidio. Non hai nada novo. As consultas de saúde mental seguen a estar saturadas, as listas de espera para primeiras consultas son de meses, igual que o tempo entre consultas sucesivas. A accesibilidade ao sistema sanitario, tanto en Atención Primaria como nos servizos de saúde mental é unha das medidas principais na prevención e asistencia, pero esta accesibilidade veuse máis comprometida que nunca coa pandemia por COVID-19.
Posiblemente, anunciarán nos próximos días novas medidas-estrela: a creación de comisións multidisciplinares de prevención do suicidio das áreas sanitarias do SERGAS (publicadas en DOG hai meses, pero a maior parte delas aínda non constituídas), ou no marco do Plan Galego de Saúde Mental para o 2020, a contratación de profesionais sanitarios. Quedan só catro meses para rematar o ano, e non hai apenas rastro deses 55 profesionais prometidos de forma inmediata.
E seguirán anunciando. Ás veces a mesma promesa ano tras ano, confiando en que ninguén repare no tema.
Pero a realidade é que o número de mortes por suicidio aumentou ata 318 no ano 2019 (fronte as 288 defuncións do 2018). Salientan desde o IMELGA sobre este aumento en 2019 que “malia todo é a segunda mellor cifra dende o ano 2012”. Non é unha valoración aceptable. Como non é aceptable non ter máis información que a idade, o sexo ou a procedencia impedindo así datos de calidade que axuden a coñecer con maior precisión as circunstancias e características sociodemográficas que permitan avanzar en actuacións preventivas máis precisas e eficaces.
Non estamos en condicións de acadar o obxectivo da OMS para o ano 2020. Galicia segue a estar por riba da media do estado español, e dentro da nosa Comunidade hai áreas que están nunha peor situación que outras. Non hai un compromiso efectivo de priorizar a prevención do suicidio dentro das políticas sociais e de saúde, asignando os recursos necesarios para reforzar a atención sanitaria en xeral e os programas preventivos e asistenciais en saúde mental. Xa son tres anos os que levamos agardando por medidas eficaces, tras a publicación do plan de prevención de suicidio, e só sabemos de escaso número de reunións, de actividades puntuais de formación a profesionais e pouco mais. Nin sequera campañas de sensibilización nos medios de comunicación. E agora anuncian de forma triunfalista o Plan Galego de Saúde Mental. Que aval podemos ter da súa xestión?
Non debemos resignarnos a contemplar a dura realidade do suicidio sen facer nada. Debemos esixir ao goberno da Xunta de Galicia que poña en marcha con carácter inmediato medidas e intervencións de probada eficacia para obter resultados positivos (número de intervencións executadas; redución porcentual das taxas de suicidio; diminución dos casos hospitalizados por tentativas autolíticas ou reingresos, entre outros indicadores sinalados pola OMS) ao mesmo tempo que que se recadan datos nun sistema de rexistro da información exhaustivo.
Un ano mais, estaremos o 10 de setembro, Día Mundial de Prevención do Suicidio, na Praza de Praterías (Santiago de Compostela) ás 20:00 horas, para visibilizar a realidade do suicidio, recordar ás persoas falecidas por este motivo e solidarizarnos cos seus achegados, que están pasando por un trance moi duro, insistir que o suicidio pódese previr, e esixir aos gobernos a que fagan o seu traballo. Sen máis demora, sen promesas que non se compren.
Pingback: O suicidio pódese previr - Lenda Saúde Mental
https://interpharm.pro/# best online pharmacy no prescription
canadian online drugstore – interpharm.pro Love their range of over-the-counter products.