O PLAN DE SAÚDE MENTAL POSCOVID. OU COMO PRETENDER COMUNGAR CON RODAS DE MUÍÑO.
Sae adiante, polo menos como anuncio electoral, o plan galego de saúde mental de Galicia. Publícanse uns documentos relacionados (parecen ser documentos parciais dun plan máis elaborado) onde podemos ver os resumos das liñas estratéxicas principais, a previsión de aumento de persoal e a calendarización dos diferentes proxectos que desenvolven cada eixo estratéxico.
Iremos analizando polo miúdo todos estes proxectos, faremos as valoracións oportunas e, moi importante, estaremos pendentes do seguimento de cada un deles, porque non vai valer que queden novamente en papel mollado, que se dean por realizados proxectos que non se iniciaron (só se anunciaron) ou que se sobrevalore o grao de consecución das medidas previstas (porque se dan por rematados proxectos que só se realizan parcialmente) ou se contabilizan como realizados proxectos moi dispares no seu alcance ou significación – por exemplo, un curso de formación fronte o rexistro de contencións mecánicas prometido-.
Non se nos escapa que descompoñer nunha cantidade tan importante como son “98 proxectos” ten o mesmo sentido que os anuncios doutras cantidades anunciadas, como o número de profesionais a contratar ou o orzamento previsto para os próximos 4 anos. Permite facer pasar como proxecto faraónico o que en palabras de Feijóo aspira a ser “o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Sergas”.
Ha de entenderse o noso empacho e escepticismo dentro do contexto do que levamos soportando desde hai máis dunha década. E a gota que colma un vaso xa rebosante é que consideran como unha urxencia planificadora en saúde mental o contexto “pos covid-19”.
Onde estivo este goberno popular e a súa administración sanitaria os últimos 10 anos de brutal crise económica? Onde estaban cando dicía a Organización Mundial da Saúde que era imperativo reforzar os servizos públicos de saúde e protección social nos momentos máis duros da crise? Pretenden que agora, co anuncio deste plan, empecemos a bater palmas?
Entendámonos:
É certo que a situación de pandemia COVID 19, o estado de alarma e o confinamento e demais medidas de protección e precaución que tivemos, temos e posiblemente teremos que manter, provocan dificultades na esfera física e emocional, sobre todo en persoas que xa estaban nunha situación de vulnerabilidade
É certo que existen efectos emocionais especialmente duros, en proporción directa á excepcionalidade das situacións vividas: na poboación xeral (soidade, illamento, incertidumes…), nas persoas directamente afectadas pola enfermidade e os seus familiares (sufrimento, dó pola perda, non poder achegarse aos seus familiares) e nos profesionais de primeira liña (non só sanitarios) que traballaron en condicións da precariedade máis absoluta
É certo que se abre un panorama aciago por canto as repercusións socioeconómicas desta pandemia, co risco de maior exclusión social e desigualdade (xa estabamos nun 30% de persoas en risco de exclusión social, nomeadamente os nenos e nenas).
Pero hai que dicilo ben alto, por una cuestión de respecto á realidade: se os servizos públicos sanitarios, educativos e de protección social, estiveran en condicións óptimas de financiación, investimento e funcionamento, teríamos estado nunha situación evidentemente máis fortalecida que a actual.
En cambio, temos que estar falando do abandono da atención primaria, do déficit de camas de UCI e outros servizos hospitalarios, nas carencias do numero de profesionais e na súa precarización, na carestía de material de protección a enfermos e profesionais, etc.
O eido da saúde mental non é diferente. Esquecemento, discriminación, invisibilización, precarización, sobrecarga, atrancos á accesibilidade na atención, prácticas que vulneran dereitos fundamentais… anos de denunciar o estado no que se atopa a atención á saúde mental, e necesidade dun plan que exprese o compromiso cunha atención de calidade, pública, accesible, equitativa.
Non era necesario enlazar o Plan Galego de Saúde Mental ao contexto “poscovid-19”. Porque non existía un plan “pre-covid 19” que houbera que actualizar. As carencias e necesidades en saúde mental non son atribuíbles ao contexto covid. O incremento de inversión e de recursos que mencionan na memoria asistencial é unha burla. Se co aumento de persoal proposto non chegamos ao recomendado hai 20 anos, que pretenden facernos crer? Non hai un só proxecto formulado neste plan que corresponda indefectiblemente ao contexto covid. Nin sequera as aplicacións telemáticas que queren implantar, porque ou ben xa existen (TELEA) ou son vellos proxectos que non tiveron éxito, a pesar do gasto que conlevou no seu momento (arredor do fiasco no programa mastermind).
Se realmente este plan pretende ser máis que un anuncio electoral, quitémoslle adxectivos innecesarios, e sobre todo, poñámonos a traballar. Concrecións desde o primeiro día.
Porque non se pode seguir perdendo o tempo. Ninguén pode quedar atrás.
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL