COMUNICADO DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL (MGSM) TRAS O ANUNCIO DA APROBACIÓN DO PLAN DE SAÚDE MENTAL DE GALICIA POSCOVID-19.
O día 25 de xuño, só unhas horas antes de iniciarse a campaña electoral ás eleccións galegas de 2020, o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que aspira á re-elección, celebra a aprobación do “maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Sergas”, cun investimento de 83 millóns de euros e o aumento de 241 profesionais, dentro do Plan 2020-2024.
En primeiro lugar, debemos rexeitar con firmeza a utilización electoralista dunha necesidade que levamos denunciando como urxente desde hai anos. Desde sempre, a atención á saúde mental ocupou un lugar de marxinación dentro do servizo público de saúde. Esperar ata o último momento para anunciar, con fins partidistas, o que é unha reclamación de xustiza histórica e que vén a compensar, tan só parcialmente, profundas eivas estruturais, vén a confirmar que a saúde mental sempre queda para o último lugar.
Tamén convén recordar que tivemos que sufrir durante anos como se negaba a realidade, invisibilizando os problemas da atención á saúde mental e as súas carencias. Negouse en sede parlamentaria polo actual equipo de goberno. Máis aínda, intentouse descalificar a quen denunciaba a situación. Cando xa non se podía soster durante máis tempo a precariedade en saúde mental e a des-planificación programada, reconvértese en aceptación in extremis da gravidade (as mortes por suicidio ou a inexistencia dun Plan de Saúde Mental) e busca do protagonismo nas iniciativas.
Pero o goberno galego foi sempre por detrás. Houbo que saír ás rúas na campaña Badaladas polo Suicidio en 2016, para que o goberno iniciara o Plan Galego de Prevención do Suicidio, publicado en 2017. Insistimos, insistimos e insistimos na elaboración e posta en marcha dun plan galego de saúde mental, con orzamento e cronograma, e cunhas liñas prioritarias claras, tal como propuxemos en 2017 nun Documento Marco (defensa dos dereitos, participación en primeira persoa, transparencia no desenvolvemento, investimentos profesionais, enfoque de xénero, reforzo na prevención e atención integral, sobre todo nas etapas máis novas de vida …). O baile de datas que anunciaba a publicación inminente do plan foi vertixinoso: 2017, 2018, 2019…
Parece que agora vai. Pero aínda non está publicado. Non está accesible á opinión pública a día de hoxe (28 de xuño) na páxina de publicacións do Sergas. Só podemos opinar sobre o anuncio grandilocuente do “maior plan de saúde mental desde a transferencia do Sergas”, acompañado de cantidades aparentemente elevadas, e facendo énfase no aumento de novos contratos de profesionais, que os/as propios/a interesados/as toman desde o escepticismo, cando non desde o enfado como pasou co anuncio do bono de 250 euros para sanitarios/as.
Pero é que ademais non é certo que sexa o plan galego de maior envergadura en Galicia desde a transferencia do Sergas. Atendendo ao documento “propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia, de 1997, elaborado pola Comisión Asesora en materia de saúde mental, con goberno popular na Xunta de Galicia, o incremento das dotacións profesionais que anuncian neste novo Plan están na metade das recomendadas hai máis de 20 anos; tampouco alcanza o novo Plan 2020-2024 o número de dispositivos e prazas ás recomendadas en 1997.
En calquera caso, o máis importante non son as cantidades que se ofrezan (e das que esperamos o seu cumprimento como signo de mellora na atención que se presta en saúde mental). O importante é camiñar no avance dun trato máis digno ás persoas con problemas de saúde mental. Que non volvan a elaborarse informes do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura sobre vulneracións dos dereitos das persoas ingresadas no Hospital Psiquiátrico; que non haxa que saír ás rúas para denunciar que existen a día de hoxe “cuartos de contención mecánica”; que non haxa que denunciar que existen hospitais onde chove no seu interior; que non haxa que denunciar funcionamentos pouco democráticos nos servizos de psiquiatría.
É imprescindible que calquera plan de saúde mental teña en conta, como determinantes sociais do enfermar, as diferentes condicións de desigualdade que causan desigualdades en saúde: a pobreza económica, a exclusión social, as discriminacións de todo tipo, a violencia, as desigualdades de xénero… e que todo enfoque asistencial teña que basearse de forma ineludible nesta perspectiva integral, porque doutro xeito convértese nun potente catalizador desas mesmas desigualdades.
Veñen tempos difíciles. Xa viñamos de tempos duros. De novo, a Organización Mundial da Saúde avisa e insiste que é imprescindible reforzar o sistema de atención á saúde mental neste contexto da pandemia do COVID, polos efectos directos en saúde, e as repercusións socioeconómicas que trae consigo. Os que estaban mal, estarán peor, aumentando as desigualdades sociais e en saúde. E isto non se arranxa implantando de forma prioritaria a “tele-psiquiatría”. Se non hai unha accesibilidade real aos profesionais da saúde mental cando as persoas máis o necesitan, non se reducen os tempos de espera para primeiras consultas e revisións, a frecuencia e a duración destas, as chamadas telefónicas e aplicacións móbiles non van mellorar as condicións de vida das persoas que están en situación de maior vulnerabilidade.
Desde o Movemento Galego da Saúde Mental seguiremos defendendo os dereitos das persoas con problemas de saúde mental e denunciando as vulneracións dos mesmos, e farémolo desde a participación comprometida de tantas persoas que ao longo destes anos saímos ás rúas a defender os servizos públicos: a sanidade, educación e protección social, e unhas condicións de vida dignas para todos/as. Máis aló de promesas, estaremos atentos á súa concreción e seguimento das actuacións para que calquera planificación non se convirta en papel mollado, e non se dean por éxitos o que son actos efímeros e circunstanciais que non provocan efectos duradeiros e significativos na cidadanía. .
Porque non se pode perder tempo. Ninguén pode quedar atrás.