Blog

PORQUE NON TODO É O COVID, DEBEMOS ASEGURAR A ACCESIBILIDADE E CONTINUIDADE NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL

Hai 4 semanas que se declarou a emerxencia sanitaria polo COVID 19. Dado o aumento exponencial da incidencia de contaxios e a necesidade de hospitalización dunha parte dos pacientes pola gravidade do seu estado de saúde, houbo que reorganizar espazos, recursos e persoal para potenciar os equipos COVID. Así mesmo, desde os primeiros días deuse instrucións para aprazar ou reconverter en consultas telefónicas as citas de seguimento ou procedementos non urxentes, co fin de diminuír a propagación dos contaxios entre persoal e pacientes.

A pesar de que se manteñen os máis dos servizos médicos, tanto a nivel hospitalario como en atención primaria (coas adaptacións oportunas para evitar concentracións evitables e así contaxios) o primeiro efecto que tivo a crise sanitaria foi unha redución drástica na asistencia aos centros médicos ou servizos de urxencias que non foran relacionadas co Covid. As razóns de non acudir aos centros de saúde poden ser diferentes, como o medo ao contaxio, particularmente en persoas con condicións crónicas de saúde ou de maior risco de complicacións polo virus, a intención dos pacientes de liberar traballo aos profesionais sanitarios para que poidan atender ás urxencias, ou incluso pensar que a actividade ordinaria estaba paralizada e non hai posibilidade de ser atendido, salvo emerxencias.

No impacto inicial da emerxencia esta redución da demanda de asistencia pasou mais desapercibida, pero axiña comezaron a xurdir os primeiros sinais de alarma: diminuíron as asistencias a urxencias de problemas cardíacos ou por ictus, e os especialistas advirten que é posible que polo medo a contaxiarse de covid, as persoas con síntomas suxestivos de tales enfermidades están a quedar na casa, co risco que iso supón para a súa vida.

Isto mesmo está a pasar coa asistencia por problemas de saúde mental, tanto nos centros de atención primaria como os servizos de urxencia hospitalarios. Evidentemente, as tres condicións de saúde sinaladas non van ver reducida a súa prevalencia de forma drástica, e no caso da saúde mental, o previsible é un aumento de problemas emocionais, e situacións que precisan atención de urxencia e hospitalización. O confinamento non axuda á estabilidade da persoa con problemas psiquiátricos previos, e a capacidade de acompañamento e sostén da familia, ou rede de apoio formal, vese moi reducida. Son factores de risco coñecidos de empeoramento e desestabilización, polo que nos sorprende e preocupa esta aparente diminución na demanda en saúde mental.

Na previsión de que a situación de emerxencia se alongue nas próximas semanas, ha de realizarse un esforzo de comunicación e traballo proactivo para que as persoas que precisen poñerse en contacto cos servizos de saúde mental non o deixen de facer por medo ou descoñecemento, e así asegurar a continuidade asistencial, especialmente nos casos crónicos ou de maior gravidade, e que non se sintan desprotexidos nun momento tan excepcional como o actual.

Non se pode perder tempo. Ninguén pode quedar atrás.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *