Blog

PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS SOBRE SAÚDE MENTAL. ELECCIÓNS AO PARLAMENTO GALEGO 2020

PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS SOBRE SAÚDE MENTAL. ELECCIÓNS AO PARLAMENTO GALEGO 2020

Coa vontade de colaborar na procura da mellor atención á saúde mental en Galicia, baseada na protección dos dereitos humanos, a equidade no acceso ás prestacións e recursos, e a calidade na atención sanitaria e coidado das persoas, desde o Movemento Galego da Saúde Mental propoñemos 7 eixes básicos de propostas programáticas para o futuro goberno que Galicia necesita, e que poñan fin á desplanificación e dano á saúde e os recursos sanitarios e sociais de todas que ten causado a xestión do goberno da Xunta de Galicia neste eido nos últimos once anos.

1.- Atención á saúde mental na infancia e adolescencia. Han de potenciarse as accións de promoción da saúde e prevención da enfermidade para garantir o dereito da infancia e adolescencia ao pleno desenvolvemento físico, psíquico e emocional.

Desde un enfoque que teña en conta os factores estruturais que causan sufrimento xa desde etapas iniciais da vida e perpetúan o círculo vicioso de desigualdade e perda de oportunidades, han de crearse recursos asistenciais, elaborarse programas específicos e dotarse equipos multidisciplinares que dean respostas integrais ás necesidades en atención temperá, infancia e adolescencia, reducindo tamén o risco de sobrediagnóstico/sobremedicalización e cronificación.

2.- Reforzar a atención á saúde mental en Atención Primaria. incorporación de profesionais da psicoloxía clínica aos equipos de saúde, dacordo coas propostas de mellora da Atención Primaria realizadas por diferentes colectivos profesionais para este nivel asistencial, e coa recomendación do Defensor del Pueblo (xaneiro de 2020).

A Atención primaria é o contexto sanitario principal para conseguir o necesario equilibrio entre a saúde física e a saúde mental, ao longo do ciclo vital individual e familiar.

3.-Atención ás persoas en situación de grave vulnerabilidade psicosocial, como son as persoas con trastorno mental grave, que con frecuencia tamén están nunha situación de exclusión social e pobreza. É a dobre desventaxa: pobreza e enfermidade mental.

A saúde relaciónase coa dignidade, e esta co dereito a ter “pan, teito e traballo”.

Han de reforzarse os recursos comunitarios que eviten institucionalizacións innecesarias e alongadas no tempo, programas asistenciais con enfoque na recuperación e programas de fomento do emprego e a integración laboral.

Deben solucionarse as graves carencias asistenciais, estruturais e de dereitos denunciadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) sobre o Hospital Psiquiátrico de Conxo.

4.- Iniciativas explícitas cara a consecución da eliminación do uso da contención mecánica nos dispositivos asistenciais e residencias. Sendo unha práctica calificada pola ONU e outros organismos internacionais como un trato inhumano e degradante, e constituíndo unha vulneración da Convención dos dereitos das persoas con discapacidade, o mantemento da súa existencia é inaceptable.

5.- Incorporación da perspectiva de xénero na planificación e na atención á saúde mental, co obxectivo de reducir as desigualdades e a discriminación de xénero na saúde e na atención sanitaria, que con frecuencia trae consigo a re-victimización da muller.

6.- Potenciación da participación directa do colectivo en primeira persoa na planificación, decisión e avaliación das políticas de saúde mental

7.- Desenvolvemento efectivo do Plan Galego de Saúde Mental e do Plan Galego de Prevención do Suicidio, cun cronograma de execución e avaliación, coa dotación de recursos necesarios e orzamento asignado.

Ha de asignarse un orzamento estable para saúde mental, e na medida en que recomendan a OMS ata alcanzar o 10% da inversión sanitaria pública.

É imperativo romper a situación de parálise na planificación sanitaria en saúde mental, xa que non se ten feito nada dende a Xunta neste eido desde hai máis de once anos, a pesar dos indicadores de crecente empeoramento da mesma na poboación coas súas consecuencias de sufrimento humano e perda de vidas, e de costas sociais, laborais e sanitarios.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*