Balance da acción de goberno na Xunta do Partido Popular de Feijoo. Once anos de danos á saúde mental en Galicia.
Once anos é moito tempo na evolución da saúde da poboación. Tamén o é para coñecer a utilidade e intención das políticas sanitarias desenvolvidas por un goberno.
Nestes últimos once anos de goberno da Xunta de Galicia polo Partido Popular (PP), presidido por Alberto Núñez Feijoo (abreviado, neste texto, como Feijoo), son identificables dez eixos principais que foron a guía da súa acción política e de xestión da atención á saúde mental da poboación galega.
Cómpre agora, cando se volve a convocar ás urnas, valorar o grao de cumprimento das obrigas que como gobernante tiña quen ocupou a Xunta tanto tempo seguido.
Foron os eixos da súa política:
-
Desplanificación. Cando Feijoo accedeu ao goberno da Xunta, a primeira acción neste eido foi a paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, que se atopaba en desenvolvemento á súa chegada. E ,dende aquela, a atención á saúde mental seguiu sen planificacion, incumprindo así a primeira obriga dun gobernante: ordenar recursos dispoñibles e prioridades, máis necesario aínda cando estaba a comenzar a crise financieira que tanto dano causou, e causa, á poboación máis vulnerable.
-
Ocultamento á poboación e ao Parlamento do estado de saúde da comunidade, negándolle o coñecemento da gravidade que se reflexaba nos datos dos que dispoñía a Consellería. O exemplo máis escandaloso foi o ocorrido co suicidio. Asistimos nesta cuestión, ao longo de varios anos, a como portavoces do PP e mesmo Feijoo negaron ante o Parlamento e a opinión pública a importancia dos datos que informaban do incremento dos suicidios en Galicia. Quedan para historia os seus rexeitamentos das propostas da oposición política e dos movementos sociais para que a Xunta elaborara o plan de prevención tal como reclamaba a OMS, e tal como asumira o Estado Español na 66ª Asamblea Mundial da Saúde.
O PP e Feijoo temían os efectos políticos de que se demostrara a relación entre crise económica, recortes na sanidade e na protección social que estaban a realizar, e aumento dos suicidios. Sen pudor Feijoo subordinou a necesidade de prevención sanitaria ao seu interese político. E cando, por fin, elaboraron o plan despois de mobilizacións na rúa, este só quedou en mero papel (para os efectos non merece maior consideración a realización de catro cursos para sanitarios) , sen orzamento, sen responsable e sen plan de execución.
-
Vulneracion dos dereitos das persoas con necesidades de atención en saúde mental. Son exemplos especialmente salientables: a indiferencia manifestada polos xerarcas sanitarios do PP ante a gravidade da práctica da contención mecánica na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (corrixida cando foi sacada á rúa a denuncia da mesma), e a súa oposición á proposta parlamentaria de actuación neste eido dun xeito acorde coas orientacións do Consello de Europa, para avanzar na súa superación.
Pero tamén foi unha importante vulneracion de dereitos das persoas a negación de facto de prestacións sanitarias a usuarios/as do SERGAS mediante listas de espera que impediron o acceso efectivo ás mesmas, e a limitadísima dotación de profesionais para proporcionalas; non podendo deixar de salientarse que este estado de cousas constitúe un verdadeiro maltrato á infancia necesitada de atención.
-
Maltrato e discriminación das persoas ingresadas e residentes nos hospitais psiquiátricos de Galicia. Neste tempo de goberno do PP de Feijoo foron denunciadas as condicións residenciais e os tratamentos inaceptables aos/ás residentes no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago) e no de Calde (Lugo). En ámbolos dous casos, xunto co Hospital Nicolás Peña (Vigo), tamén se constatou a insuficiente dotación profesional deses centros.
O caso máis grave coñecido , aínda en investigación polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, é o do Hospital Psiquiátrico de Conxo, tanto pola diversidade de irregularidades constatadas como polo desleixo manifestado pola Xunta ante os requerimentos do Defensor del Pueblo.
Mención particular merece a “externalización” nestes anos (traslado a outras institucións) de residentes de longa estadía nos hospitais psiquiátricos de Galicia, que nutriron en non poucos casos a residencias privadas (cando eses centros se atopaban en plena crise de negocio) inadecuadas para atendelos/as. Nalgún caso relacionouse esa “reubicación” con danos fatais porque o centro de recepción carecía de condicións adecuadas . Noutros casos, cando o negocio deses centros mellorou, devolveron a esas persoas “externalizadas” ao Hospital Psiquiátrico.
En calquera caso, lugares e relacións persoais que foron o marco de vida non elixido por esas persoas viuse modificado sin que se respectara a súa vontade e o dereito á súa continuidade biográfica.
-
Politización da estrutura de xestión sanitaria mediante a designación de profesionais politicamente sumisos ao partido gobernante como xefes de servizo ou outros mandos intermedios-baixos, e maltrato profesional a determinados opositores políticos.
Foi o exemplo máis salientable disto o que estivo a ocorrer coa xefatura de servizo de psiquiatría da Área Sanitaria de Pontevedra, onde mesmo resolucións xudiciais foron confrontadas inutilmente polos gobernantes ata o punto de rondar a figura penal do desacato, para tentar impedir que quen tiña os maiores méritos e capacidade para dirixir o citado servizo ocupara a praza na que estaba acantonado un fiel político do PP. Pero tamén se observou a politización e a falla de transparencia na xestión de nomeamentos de profesionais para coberturas temporais de prazas ou na ubicación de profesionais nas unidades asistenciais das áreas sanitarias.
-
Engano sostido á sociedade e ao Parlamento sobre as actuacións en saúde mental da Consellería de Sanidade e do SERGAS. Así ocorreu co plan de prevención do suicidio e finalizou co plan galego de saúde mental do que, dende 2017 e en diversas ocasións, dixo o Conselleiro que xa se atopaba en elaboración. Polo que se ve, mentiu. Seguimos á súa espera, como seguimos pendentes da materialización do plan respecto ao suicidio. Outra vez a manipulación política apareceu guiando a xestión sanitaria: a única razón para prometer dende a Xunta eses plans, reclamados moito antes dende a mobilización na rúa e dende a oposición política no Parlamento, faise agora patente que non era outra que intentar a desactivación desas reivindicacións (tamén reclamadas pola OMS), e así retirar do debate e da crítica pública unhas cuestións que prexudicaban a imaxe política de Feijoo e do PP tanto en Galicia como fóra dela.
-
Pobreza e infradotación de recursos públicos específicos para a atención á saúde mental. En termos xerais atopámonos cunha dotación de profesionais sanitarios que chega a ser do 50% dos recursos estimados como necesarios para unha atención adecuada á saúde mental, segundo o previsto nos plans que se elaboraron hai máis de trinta anos ¡¡sendo daquela gobernante o PP!!.
Pero, si esto é chamativo, aínda é máis grave se atendemos ao empeoramento nestes anos das condicións de vida e traballo da xente, ao agravamento da saúde mental da poboación según os datos epidemiolóxicos dispoñibles, e ao aumento do consumo de psicofármacos (principal resposta sanitaria ao malestar colectivo e ao sufrimento das persoas, co perigo que isto conleva, xa e a longo prazo, para a saúde pública).
Se a isto sumamos o dano sufrido pola Atención Primaria de Saúde, temos unha imaxe sanitaria temible da saúde mental da poboación galega.
-
Propaganda e control informativo como principal medio de actuación da Consellería de Sanidade ante as denuncias da situación; seguindo a resposta oficial un guión característico conformado por: reconto dos recursos existentes (mesmo chegando a presentar como propias realizacións de gobernos dende a mesma creación da Autonomía), louvanza aos profesionais e parapeto tras os mesmos (aínda que estes non foran interpelados), atribución a quen fai as críticas de desconsideración ao traballo daqueles/as, e por fin contraprogramación anunciando calquera nova sanitaria que ocupe espacio nos medios aínda que sexa repetición de novas pasadas.
Pero esta forma de actuar deixa cousas absurdas detrás, e sirva como exemplo o ocorrido co proxecto Master Mind de tratamento da depresión mediante telemedicina, do que non se volveu saber pero que ocupou páxinas en medios de comunicación cando se intensificaban a crise económica e os recortes.
-
Privatización de servizos, de prestacións, da planificación e traspaso a entidades privadas da atención ás persoas máis vulnerables.
A privatización da atención á saúde mental en Galicia é unha constante dende hai anos, adoptando varias formas:
-
mediante a existencia de listas de espera nos servizos que fan buscar solucións ás usuarias/os en consultas privadas de Psicoloxía Clínica ou Psiquiatría para recibir a atención á que teñen dereito no SERGAS pero que non se lle dá, ou cando se lle dá é insuficiente, insatisfactoria ou só aparente (psicoterapia, atención psicolóxica, primeira consulta psiquiátrica, atención a nenos/as nos que o tempo de espera é decisivo,…)
-
encargo de orientacións de actuación sanitaria (planificación) a entidades privadas establecendo relacións e recibindo consellos de empresas existentes para facer negocio coas necesidades de saúde da poboación (forma parte disto o encontro realizado pola titular da Consellería e os cargos de xestión intermedios en saúde mental do SERGAS coa Fundación Bamberg baixo o patrocinio da industria farmacéutica)
-
“traspaso” a entidades residenciais privadas de persoas residentes en institucións psiquiátricas públicas
-
concertos con entidades privadas para a prestación de atención psicolóxica a usuarios/as do SERGAS afectados por diversas enfermidades ou para dar prestacións que son proporcionadas á sua vez no SERGAS, “externalizando” a prestación e creando así a posibilidade de relación “clientelar” co partido gobernante.
-
Electoralismo e utilización das necesidades das persoas para recoller o seu voto, con abandono posterior da promesa. Foi caso paradigmatico o da unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia do sur de Galicia, prevista para ubicar no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo. Prometida polos titulares da Consellería da Xunta do PP en varias ocasións, mesmo chegando a ofrecer a súa inmediata apertura. Pero despois de que esa promesa xa non rendera electoralmente e comenzara a crear contradicións na Consellería, sen xustificación nin explicación algunha, caeu das intencións do goberno e deuse por inexistente…e así os medios de comunicación deixaron de falar disto.
Este é, a trazo groso, o panorama en saúde mental despois de once anos de goberno do PP de Feijoo en Galicia.
Neste tempo non houbo nin unha soa autocrítica na Xunta do PP. Nin cando corrixiron recoñeceron que o estaban a facer.
No goberno da sanidade en Galicia, no eido da saúde mental, foron incumpridas obrigas básicas dos gobernantes. Protexer a saúde da poboación, previr que as persoas enfermen, tratalas e coidalas para que se recuperen son obrigas fundamentais de gobernantes responsables. Tanto que, se non o fan, eses gobernantes non fan falla, son innecesarios, xa que entón só utilizan o goberno para as súas cousas.
Non se coidou da xente por quen, antes que ninguén, estaba obrigado: o goberno da Xunta. Fíxose negocio coa saúde. Utilizouse a información para sobrevivir politicamente e ocultáronse datos e actuacións. Compadreouse por algúns funcionarios públicos e gobernantes con poderosos grupos de negocio sanitario. Mentiuse e intentouse desacreditar a persoas e grupos críticos. Utilizouse polo PP a súa maioría parlamentaria para evitar o control e rexeitar calquera proposta que non fora dos seus, e mesmo se controlou á anterior Valedora do Pobo para obter cobertura para as súas actuacións e omisións. Politizouse a xestión diaria e alimentouse o sectarismo profesional. Facilitouse coa política desenvolvida nestes anos o aumento da adicción da poboación e a súa intoxicación masiva con psicofármacos. Producíronse mortes por omisión do cumprimento do deber dos gobernantes.
Hoxe, o primeiro problema a resolver para a mellora da saúde mental en Galicia é político, é o goberno do PP de Feijoo. Cómpre cambialo.
Chamamos a tódalas persoas sensibles e preocupadas por este estado de cousas na saúde mental a que contribúan coa súa participación á elección do goberno que Galicia necesita.
Habería que falar desa obsesión por ligar o sufrimento psíquico coa sanidade se tan claro está que os elementos psicosociais son a parte grande do problema.
Se engadimos que “a culpa é do SERGAS”, non se entende o esforzo e obsesión con ter un barco cando a viaxe é por terra. Bastante máis doado penso que é desenvolver proxectos no eido social e municipal, con contacto directo coa realidade das persoas e fóra de despachos illantes.
does benadryl make you sweat can flonase make you sleepy tablet for allergy on skin