Blog

A ENFERMIDADE MENTAL COMO INSULTO POLÍTICO

Que aludir á unha posible enfermidade mental serve de arma que arrebolar cando alguén quere insultar, menosprezar ou silenciar a outra persoa, é bastante evidente a pouco que analicemos criticamente conversas, lecturas, programas de televisión ou radio, etc.

Que isto sucede con máis frecuencia se a quen se quere descalificar é unha muller, tamén é unha evidencia. Hai que estar máis atentas e colocar as gafas de xénero, pero é bastante doado cando se consegue esa mirada específica.

Que os comentarios sobre posible enfermidade mental, con afán despectivo, sucedan cando a muller ten unha proxección pública, como pode ser a súa actividade política, será algo que posiblemente ocorra con maior frecuencia, xa que afortunadamente empezamos a chegar a postos de decisión.

Pero que estes comentarios se teñan que escoitar nun medio público como é a Radio Galega non podemos toleralo.

O día 22 de xaneiro, pasadas as 9 da mañá, nun faladoiro político, escoitouse, falando dunha ministra do actual goberno español, o seguinte comentario: “esta ministra está enferma, as súas actitudes, as súas mentiras constantes, dan unha idea de que a súa saúde mental non… (unha participante do faladoiro interrómpelle preguntándolle, estás cuestionando a súa saúde mental, en serio?!)… si si, totalmente. Estou cuestionando desde o principio que apareceu en público, esta señora non está ben”

GALICIA POR DIANTE

Non é a primeira vez que escoitamos claras alusións sobre a saúde mental dunha muller que se adica á política. Vergoñento fora o que se escoitara no Pleno do Parlamento de Galicia, ironicamente nunha interpelación sobre a atención da saúde mental dunha deputada do PSG, Carme Acuña, por quen a día de hoxe segue sendo o Conselleiro de Sanidade, o Señor Vázquez Almuiña: “Señora Acuña, seguro que non está tomando ningún ansiolítico vostede, non? Porque a vexo moi nerviosa, moi nerviosa…” (Pleno do Parlamento, 2/12/2015)

PARLAMENTO DE GALICIA

Non podemos tolerar estas actitudes desprezables, moito menos en medios públicos, e de ningunha maneira en representantes da cidadanía. Fálase de campañas “antiestigma”, pero non levan a práctica aquelo que predican.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará

*