Blog

10 DE SETEMBRO: DÍA MUNDIAL DA PREVENCIÓN DO SUICIDIO

10 DE SETEMBRO: DÍA MUNDIAL DA PREVENCIÓN DO SUICIDIO

Un ano máis, o 10 de setembro o Movemento Galego da Saúde Mental convoca o acto simbólico das Badaladas pola Prevención do Suicidio. Será o martes 10 de setembro, ás 8 da tarde, na Praza de Praterías

Trátase dun acto aberto a toda a cidadanía que poida achegarse, un acto simbólico de recordo das persoas falecidas por suicidio; de apoio e afecto aos seus achegados; de sensibilización social ante unha causa de morte de efectos devastadores a nivel individual e como sociedade; de visibilización pública para confrontar o estigma do suicidio que frea en moitas ocasións a petición de axuda; de esixencia ao goberno galego dun compromiso firme e continuado; de reivindicación da posta en marcha de accións eficaces e dos medios necesarios para a súa concreción, máis alá da redacción de plans, protocolos e decretos.

A campaña Badaladas pola prevención do suicidio mantívose no ano 2016 ata conseguir o compromiso do goberno galego para a elaboración do Plan Galego de Prevención do Suicidio (publicado en 2017). A pasividade, cando non explícita oposición, do goberno galego para levalo a cabo, nuns anos nos que o número de mortes por suicidio alcanzaban unhas cifras intolerables, volvíase algo inaudito.
É moi positivo que corrixiran a deriva negacionista ou simplificadora dunha realidade tan complexa como é o suicidio, pero seguimos a esperar a publicación do cronograma de execución do mesmo, o orzamento plurianual asignado e a previsión de incremento de dotación profesional necesario.

O plan segue a basearse case exclusivamente no ámbito sanitario e a evidente infradotación de persoal tradúcese nunha presión asistencial que impide realizar unha atención sanitaria integral, multidisciplinar, en condicións axeitadas de tempo, duración ou intensidade. Os protocolos só funcionan se se poden levar a cabo.

No ano 2018 un total de 288 persoas faleceron por suicidio en Galicia. Segue a ser unha cifra estremecedora, por moito que se reducise con respecto aos anos previos. Abre un camiño á esperanza, de manterse esta tendencia descendente, que reforza a idea da absoluta prioridade da prevención do suicidio dentro das políticas sanitarias, económicas, educativas e de protección social.

A prevención require coñecer de forma precisa a realidade complexa do suicidio, pero aínda non temos respostas. Anuncian, 2 anos despois da elaboración do plan, o inicio dunha colaboración coa Universidade para a realización de estudios epidemiolóxicos, ó mesmo tempo que valoran a diminución do número de mortes por suicidio no ano 2018 como produto do desenrolo do mesmo sen realizar un estudio do efecto real destas medidas. É un despropósito nunha Administración que ten a obriga de adoptar políticas sistemáticas de protección social e da saúde, que persistan no tempo, incluso en condicións socioeconómicas adversas que se sabe están relacionadas co aumento de problemas de saúde mental e sufrimento psíquico.

Esperamos que a diminución do número de mortes por suicidio se manteña nesta progresión, pero só se conseguirá co compromiso, esforzo, adicación e inversión en políticas públicas, integrais e multisectorias, e non unha sucesión de medidas ailladas e desiguais.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*