Blog

UNHA CANDIDATURA INDECENTE, UN RECOÑECEMENTO ESCANDALOSO

UNHA CANDIDATURA INDECENTE, UN  RECOÑECEMENTO ESCANDALOSO

En datas recentes, o diario de información sanitaria Gaceta Médica e a cátedra de innovación e xestión sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos veñen de conceder os premios chamados “Best in Class 2018”, entre os cales resulta chamativo o recoñecemento como finalista ao Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS).

O citado recoñecemento realízase, según as bases publicadas, comparando servizos e centros aplicando un chamado “Indice de Calidade Asistencial ao Paciente” elaborado para estes premios, que só ten aplicación nos mesmos e do que non existe referencia centífica coñecida.

No proceso de concurso aos mesmos, as institucións sanitarias públicas que queiran participar entregan información de forma reservada sobre a súa xestión ás entidades privadas convocantes, obtendo a cambio mera publicidade que só é útil aos xestores e responsables políticos de turno. As entidades convocantes dos premios resérvanse o dereito a utilizar a información recopilada para que poida servir de referencia “no sector”.

Esa información, proporcionada a entidades privadas con intereses comerciais na sanidade, non é accesible en gran medida á cidadanía cando se solicita en exercicio da tansparencia á que veñen obrigadas as Administracións Públicas.

Pero, sendo cuestionable a entrega de información da xestión sanitaria pública sen control, o máis obsceno e escandaloso desta edición é que se recoñeza como finalista deses premios ao Servizo de Psiquiatría do CHUS, cuestionado dende novembro de 2017 por un informe do Defensor del Pueblo en exercicio da función de Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, tratos crueis, inhumanos ou degradantes, ao que non consta aínda que se lle contestara en forma debida, e que motivou interpelacións ante o Pleno do Parlamento de Galicia o pasado 12 de setembro.

Esa incrible mención informa do carácter e finalidade deses premios, do traballo de comprobación da información que realizan os responsables da súa concesión e da seriedade do seu “Índice de Calidade Asistencial ao Paciente”. Pero tamén dá conta da sensibilidade e orde de prioridades de quen dende a Dirección-Xerencia do CHUS presentou a candidatura dese Servizo nesta edición, téndose coñecido o informe hai tempo.

Reclamamos explicacións sobre a presentación desa candidatura e que se dea a coñecer a información que foi proporcionada para optar a eses premios.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*