QUE ESTÁ A OCORRER NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL NA CORUÑA?
En febreiro do 2017 o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente a situación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC).
Salientábamos que se estaba a producir a vulneración de dereitos humanos fundamentais das persoas ingresadas cando se executaba a súa contención mecánica nunha habitación con tres camas e de utilización simultánea para ambos sexos. Protestamos que a metade de pacientes ingresados, dezaseis, tiveran que usar baños colectivos por carecer destes nas súas habitacións. Sinalamos que as dotacións profesionais eran insuficientes e os equipos estaban incompletos, e que o funcionamento organizativo da Unidade imposibilitaba a participación dos/as profesionais. Chamamos a atención sobre o déficit de trasparencia na selección de Facultativos Especialistas de Área de Psiquiatría.
Dez meses despois, en decembro de 2017, constatamos que nada tiña cambiado senón que todo seguía igual ou peor, e volvemos denunciar, por medio dunha declaración pública, que ata seis persoas estiveran simultaneamente , nesas mesmas datas, en situación de contención mecánica nesa Unidade, e valoramos a gravidade que ese feito tiña como indicador do mal estado da asistencia.
Hai pouco tempo algunhas destas cuestións foron levadas ó Parlamento a través de iniciativas parlamentarias da deputada Eva Solla (do grupo En Marea).
Todo segue sen cambiar en nada. Ó contrario, novos feitos debuxan un empeoramento da situación da atención á saúde mental na Coruña.
A saber:
-
Mantéñense inalterables as mesmas condicións de espazo e procedemento das contencións mecánicas. Afirmamos que, como consecuencia disto, estanse a vulnerar obrigas legais dos funcionarios públicos de protección activa do dereito fundamental á protección da intimidade das persoas que sofren contención nese espazo.
-
Sostense a necesidade de utilizar baños colectivos pola metade de pacientes ingresados. Vulnérase así o dereito á igualdade básica no trato residencial de tódolos pacientes atendidos polo SERGAS e incúmprense os requisitos da propia Consellería de Sanidade para a autorización de apertura e funcionamento de centros sanitarios hospitalarios.
-
Incúmprense as indicacións de dotación dos equipos asistenciais. Xa tendo en conta o número de camas actual (tan só dispón da metade das recomendadas para a poboación de referencia desa Unidade de Hospitalización) carece de 1 psicólogo/a clínico/a a tempo completo, 11 enfermeiros/as e TCAES e 5 celadores/as.
-
Mantéñense as eivas organizativas nos equipos asistenciais. Incúmprese dese xeito a obriga de facilitar, polos xestores e xefes asistenciais, a participación profesional no funcionamento das institucións e servizos sanitarios.
-
Abúsase polos xestores da situación de precariedade, inestabilidade e arbitrariedade na contratación laboral, sendo así que facultativos de Psiquiatría vense obrigados a facer xornadas completas cando están contratados tan só a media xornada.
-
Prodúcese unha redistribución arbitraria (fóra de calquera criterio técnico documentado) de servizos profesionais en determinados dispositivos asistenciais. En datas recentes, a prestación de psicoloxía clínica na Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil ubicada no Hospital Materno Infantil, viuse drásticamente reducida e sustituida por prestación de psiquiatría.
-
Non se lles permite ás persoas que demandan atención psicolóxica o acceso directo a tal prestación aínda que sexan derivadas explicitamente a facultativos especialistas de Psicoloxía Clínica polo Médico/a de Atención Primaria, como si ocorre con normalidade no caso doutras prestacións asistenciais, e sen que exista ningún criterio técnico ou de xestión que aconselle ou indique tal restrición no acceso a esa atención especializada.
-
Privatízanse servizos asistenciais e prestacións básicas do Sistema Nacional de Saúde, que corresponde proporcionar a especialistas en Psicoloxía Clínica do propio SERGAS, mediante a cobertura deses servizos a través de convenios con entidades privadas.
A gravidade dos danos sobre ós dereitos humanos e asistenciais das persoas ás que ten que atender o Servizo de Psiquiatría do CHUAC non tolera máis contemplación e pasividade.
E ante isto:
-
O MGSM reclama ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia que dea as instrucións oportunas e se proceda ó cese inmediato nas súas funcións do Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHUAC pola súa incapacidade para a xestión directiva dese Servizo.
-
O MGSM reclama do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia que ordene a inmediata revisión da situación de dotacións residenciais, profesionais e dos sistemas de funcionamento dese Servizo, coa finalidade de corrixir no menor prazo de tempo posible as deficiencias identificadas, tendo como guía a protección activa dos dereitos das persoas.
-
O MGSM esixe a clausura inmediata da habitación de contención mecánica da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do CHUAC.
-
O MGSM esixe a revisión e suspensión dos convenios asinados con entidades privadas mediante os cales se proporcionan prestacións básicas do Sistema Nacional de Saúde aos usuarios do SERGAS, e reclama que se dote dos/as correspondentes profesionais propios do SERGAS ao CHUAC para que sexan eses/esas facultativos/as quen asuman o servizo desas prestacións na mesma forma en que se proporcionan calquera outra recoñecida polo Sistema Nacional de Saúde.
-
O MGSM reclama a restitución inmediata ó seu estado orixinal das prestacións de Psicoloxía Clínica na Unidade de Saúde Infanto-Xuvenil.
-
O MGSM esixe ós responsables directivos do SERGAS no CHUAC que, en cumplimento da lexislación que rixe o acceso ao emprego público, se produza a cobertura de prazas de calqueira categoría profesional mediante proceso público, regulamentado, igoalitario e guiado polos principios de mérito e capacidade. Non deben tolerarse arbitrariedades, “enchufes” ou favoritismos que ademais de inxustizas crean servidumes.
-
O MGSM reclama que se facilite aos usuarios/as do SERGAS o acceso á prestación de Psicoloxía Clínica da mesma forma que se fai coas demais prestacións asistenciais de nivel especializado.
En consecuencia, este escrito, a efectos de instar as actuacións que lles correspondan, será remitido para o seu coñecemento ao Conselleiro de Sanidade, e ao Defensor del Pueblo (na súa función de Mecanismo Nacional de Prevención da tortura, tratos crueis, inhumanos, ou degradantes).
Será enviado tamén a portavoces dos Grupos Parlamentarios do Parlamento de Galicia.
E, así mesmo, para o seu coñecemento público será remitido aos medios de comunicación e será difundido nas redes sociais.