10 de setembro: Día Mundial de Prevención do Suicidio
En Galicia, a morte por suicidio é “un problema de saúde pública de primeira orde” e ha de ser unha “prioridade multisectorial”. Estas son as palabras da Consellería de Sanidade cando o ano pasado deu a coñecer publicamente o Plan de Prevención do Suicidio para Galicia que durante anos lle reclamamos, para que así dera cumprimento ás decisións adoptadas na 66ª Asamblea Mundial da Saúde de 2013 e ás orientacións da OMS. Facémolas nosas.
Levamos un ano de plan. A taxa de mortandade en Galicia por suicidio no ano pasado sitúase en case 12 persoas (11,9) cada 100.000 habitantes. Seguimos a case unha morte diaria por esta causa. Un ano de Plan que naceu, e así continua, sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos, sen concrecións de actuación. Un Plan de papel. Foi un ano sen accións significativas de prevención como para que merezan tal nome, continuándose tan só coas escasas actuacións que xa se viñan desenvolvendo na actividade ordinaria do SERGAS.
Neste tempo tivemos que denunciar en dúas ocasións as mortes de persoas por esta causa en espazos sanitarios, nos que constatamos que nin nestes lugares se implantaran programas e protocolos de prevención.
É desesperante a desidia dos responsables da saúde da nosa comunidade. É indignante a utilización política e propagandística que fixeron do que debera ser un plan de protección da saúde e da vida.
Debemos seguir a esixir o cumprimento das obrigas que a Xunta ten coa prevención. E tamén asumir todas e todos nós o compromiso coa mesma: confrontando o estigma, dando visibilidade a unha causa de morte con efectos tan graves, apoiando a quen se atopa en condición máis vulnerable, construíndo unha sociedade máis xusta e solidaria.
O vindeiro dia 10, en todo o Mundo, realizaranse accións con motivo do Día Mundial de Prevención do Suicidio. Ha de ser un día de sentimento por mortes evitables, denuncia da pasividade dos gobernantes e reivindicación de medios, accións e compromisos.
Nós convocámoste ao acto simbólico das Badaladas pola Prevención do Suicidio que dará comenzo ás 8 da tarde na Praza de Praterías en Santiago.