Blog

“OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PEOR”

“OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PEOR”

(da Declaración Fundacional do MGSM, 13 de febreiro de 2014)

Resulta tan doloroso como indignante constatar que o tempo da discriminación inxusta sigue detido para as persoas que necesitan coidado e tratamento en réxime residencial nas institucións hospitalarias psiquiátricas do SERGAS.

No Centro Hospitalario de Rehabilitación Psiquiátrica de Calde (Hospital de Calde), integrado no Complexo Hospitalario de Lugo, existen deficiencias (nos espazos nos que as persoas ingresadas desenvolven as súas vidas, nas dotacións de mobiliario, nos servizos de mantemento, nas axudas protésicas, nas comidas, nos espazos exteriores, nas dotacións profesionais, nas comunicacións coa cidade) de tal magnitude que ningún centro sanitario podería recibir autorización de apertura pola Consellería de Sanidade se na inspección previa preceptiva se observaran as que alí se observan.

Non é a primeira vez que é motivo de denuncia pública o que ocorre cos pacientes psiquiátricos no Hospital de Calde. Pero a pesar das mesmas, quen teñen a responsabilidade directa na súa dirección, negan feitos que xa nin sequera se poden esconder ou, no mellor dos casos, maquillan a Institución (é un exemplo disto o torpe pintado da fachada dianteira do Hospital ou dos espazos de acollida de visitantes mentras todo o demais se deixa como estaba, ou o agocho detrás dunha sorprendente acreditación de calidade -sic- para eludir a responsabilidade ante críticas á vulneración de dereitos das persoas).

O Hospital de Calde sofre un abandono intolerable só porque quen alí reciben atención son doentes psiquiátricos.

E mentres isto ocorre no Hospital de Calde, retornan ao Hospital Psiquiátrico de Conxo pacientes que foran “externalizados “ (en terminoloxía da época) entre os anos 2011-2013 e reubicados noutro centro psiquiátrico de titularidade privada no marco dun convenio asinado co SERGAS e dentro dun plan de redución da ocupación do Hospital Psiquiátrico público. Hoxe aqueles acordos económicos, aceptables para as dúas partes (centro privado e SERGAS) cando se intensificaba a crise financieira, xa non son rendibles. Entón, coma en calquera mercado inténtase fixar novo prezo. E non habendo acordo, devólvese aos “externalizados” á súa orixe.

Si falaramos de mercadorías case non teríamos nada que dicir. Pero falamos de persoas coas que se trasfega coma se foran cousas; persoas que tiveron que marchar primeiro dun entorno hospitalario coñecido (que era de feito a súa residencia, na cal estableceran relacións persoais e costumes) para ter que adaptarse a un novo espazo físico e social, do cal ao cabo duns anos (neste tempo presente) son de novo expulsados facéndolles retornar ao lugar de onde partiran.

Nos dous casos que aquí denunciamos estamos a falar de persoas de recoñecida vulnerabilidade, moitas delas tuteladas publicamente , institucionalizadas, e ante as que están incrementadas as obrigas de coidado e defensa activa dos seus dereitos tanto polos profesionais sanitarios como polas Institucións Públicas. O maltrato, activo e pasivo, que sofren vulnera gravemente os seus dereitos fundamentais e conleva o incumprimento polo SERGAS e a Xunta de Galicia das súas obrigas legais de protección dos mesmos.

O Movemento Galego da Saúde Mental xa fixo denuncia noutras ocasións de feitos similares e mesmo apelou, con decepcionantes resultados, á Institución da Valedora. Nesta ocasión, de novo iniciamos accións ante representantes e Institucións públicas.

Chamamos tamén a tódolos profesionais sanitarios, sociais e xurídicos con responsabilidade na atención a persoas en situación comparable a que, en exercicio do seu deber e en cumprimento do seu dereito e obriga á autonomía no exercicio da súa profesión, defendan activamente a dignidade das persoas, os seus dereitos humanos e asistenciais, e o acceso equitativo das mesmas aos recursos sanitarios e sociais.

3 Comments - Leave a Comment
  • Francisco viñas vilas -

    Eu penso que o peor que ye podes facer a una persoa con trastorno mental e internala existen tratamentos que son eficaces claro hay que querer tomalos eu loito por a integracion de todo tipo de enfermos da mente sin descriminacion alguna

  • Belén Piñeiro Àlvarez -

    As persoas acectadas por este tipo de problemàtica deben ser estudadas individualmente cara valorar conxuntamente con elas a mellorar maneira de vivir a sú propia vida co apoio correspondente.
    É o lexítimo nun estado de dereito.
    Non poden xustificarse os recoftes, hai diñeiro por suposto que o hai, o que precisamos e que se destine a onde se precisa.

  • Pingback: A XERENCIA DO SERGAS EN LUGO ELUDE RESPONSABILIDADES EN SAÚDE MENTAL – Movemento Galego da Saúde Mental

  • Leave a comment to Francisco viñas vilas Cancelar a resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *