Blog

AO FIN COMENZA A ELABORACIÓN DO PLAN GALEGO DE SAÚDE MENTAL

AO FIN COMENZA A ELABORACIÓN DO PLAN GALEGO DE SAÚDE MENTAL

O pasado venres, 6 de outubro, dende a Consellería de Sanidade cursóuselle ao Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) un correo no que se comunicaba que se vai comenzar a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental, e invitábase ao MGSM a participar nunha primeira xuntanza informativa o vindeiro dia 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental.

Ao fin van comenzar! Van alá 9 anos (NOVE!) dende que o Goberno do Partido Popular en Galicia suspendeu sen explicación o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011 e deixou sen planificación a atención á saúde mental, en plena crise e cos riscos en saúde mental incrementados. Tamén quedou atrás, nese tempo, a nosa constante reivindicación e unha ducia de iniciativas da oposición parlamentaria no Parlamento de Galicia reclamándolle á Xunta que cumprira coa súa obriga planificadora e presentara o Plan. Noutras tantas ocasións o grupo parlamentario do PP paralizou esas iniciativas e a Consellería ignorou as propostas.

Neste tempo, sen planificación, sen compromisos de actuación, sen participación de profesionais, afectados directos, familiares, sindicatos e organizacións sociais interesadas, a Consellería de Sanidade fixo o que lle pareceu, a miúdo arbitrariamente.

O MGSM xa lle fixo chegar ao Conselleiro de Sanidade o pasado día 27 o documento ORIENTACIÓNS MARCO PARA A ELABORACIÓN DO PLAN GALEGO DE SAÚDE MENTAL 2017.

Esperamos que o seu contido se teña en consideración por quen elabore o novo Plan.

No que se refire ao MGSM, non estará como tal nesa xuntanza, senón que vén de contestar á invitación recibida comunicando á Consellería que a quen debe convidar son ás organizacións profesionais, de afectados, sindicais e sociais que asinaron a declaración fundacional do MGSM dende 2014.

Nese proceso o MGSM seguirá con atención a elaboración do documento, realizará no espazo público as valoracións que considere necesarias e promoverá as accións colectivas e institucionais que procedan para levar ao mellor fin o texto do futuro Plan Galego de Saúde Mental.

O novo Plan non debe repetir na súa elaboración o ocurrido co Plan de Prevención do Suicidio e os participantes no mesmo han ser coidadosos coa súa posible utilización política e propagandística. Nese senso non deixa de preocuparnos que se teña escollido o día 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, para un acto de presentación pola Consellería do proceso de elaboración que se vai iniciar.

O 10 de outubro non é un día para a publicidade “institucional” ó servizo do grupo gobernante, moi ao contrario, nese día a Xunta debería estar dando conta ante a sociedade de cales son as medidas que ten adoptado e que ten previsto poñer en marcha para a integración laboral das persoas afectadas por trastornos mentais.

Se convirte ese día nun acto de publicidade con motivo da convocatoria de presentación do inicio de elaboración do Plan, esa sería outra utilización das asociacións de familiares e profesionais como instrumentos áo servizo da súa propaganda e do encubrimento da súa responsabilidade na grave situación existente en materia de emprego.

One Comment - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *