Blog

O SUICIDIO NO PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA: ALGUNHAS FALSIDADES SOBRE NÓS

O SUICIDIO NO PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA: ALGUNHAS FALSIDADES SOBRE NÓS

O Pleno do Parlamento de Galicia do pasado 26 de setembro debateu o recentemente publicado Plan de Prevención do Suicidio para Galicia.

Agradecemos os recoñecementos que se lle fixeron ao Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) que entendemos deben ser recibidos por todos/as aqueles que, dende hai anos, levan reclamando un cambio nas políticas da Xunta de Galicia fronte á crise (sinaladamente en saúde mental pero tamén en emprego, protección social, vivenda ou débeda). Moi en particular recoñecemos o traballo de compañeiros/as que sustentaron a campaña Badaladas pola prevención do suicidio.

Pero tamén se dixeron outras cousas do MGSM que convén deixar aclaradas por ser falsas e por ser ditas, en sede parlamentaria, polo máximo responsable da sanidade galega e polo portavoz do grupo gobernante.

É así que:

O MGSM nunca foi invitado a participar na elaboración do Plan. O Conselleiro e o portavoz do Partido Popular ou mentiron ou descoñecen o que se fai na Consellería.

O MGSM non coñeceu o proxecto de Plan antes da sua aprobación final. O certo é que o portavoz do MGSM recibiu ese proxecto dende a Consellería solicitándolle a súa valoración e dándolle por feito que a mesma se tomaría como realizada en nome do MGSM. Pedíaselle, ao mesmo tempo, confidencialidade sobre o documento.

Dado que a petición de segredo non podería cumprirse, xa que a valoración só podería ser elaborada previo coñecemento e análise do proxecto de Plan por integrantes do MGSM, informóuselle á Consellería desta cuestión. Esta acordou, entón, non consultar ao MGSM e redirixiu a súa consulta á persoa do portavoz. Este, coñecido o proxecto de Plan e dada a amplitude do desacordo co mesmo, rexeitou emitir informe e comunicou á Consellería que non se lle citara no documento final como consultor.

– O portavoz do Partido Popular cre que o MGSM non lle ten simpatía ao seu partido e para probalo leu ante o Pleno do Parlamento un extracto da “entrada” que publicamos sobre a utilización enganosa que fixo o Conselleiro (no pleno do pasado mes de febreiro) da relación entre a carencia de Estratexia de Saúde Mental no Estado Español e a carencia de Plan Galego de Saúde Mental.

http://movementogalegosaudemental.gal/2017/04/23/o-conselleiro-conxo-e-o-plan-de-saude-mental/

Informábamos daquela dos motivos polos que o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde non chegara a aprobar o proxecto de Estratexia presentado polo Ministerio de Sanidad.

Eses motivos do Consello Interterritorial nada teñen que ver coas simpatías ou antipatías do MGSM e descalificalos así, como fixo o portavoz popular, só semella un intento de desviación do debate e de encubrimento da irresponsable carencia de planificación en saúde mental que sostén dende hai anos o goberno do Partido Popular.

Non podemos deixar de sinalar outro feito, que xa ocorrera na comparecencia do Conselleiro no Pleno do mes de febreiro antes citado, na súa contestación ás preguntas da oposición polo ocurrido na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo (a partir da denuncia realizada polo MGSM). Daquela, despois de loubar aos profesionais (que non foran cuestionados), chegou a afirmar que “…os profesionais están con nós…” (sic) intentando eludir así a responsabilidade da Consellería, da que él é titular, na carencia de recursos e nos recortes sanitarios.

Agora o Conselleiro volveu facer o mesmo ao agocharse detrás das asociacións de profesionais e familiares para xustificarse ante as críticas ao Plan. E mentres deixou sen responder as cuestións que dende a oposición lle foron plantexadas, non contraeu un só compromiso e ocultou ao Pleno que algúns dos consultores profesionais citados por el como autores do Plan enviáronlle, cando lles foi solicitada, unha valoración crítica co mesmo e diversas propostas que foron ignoradas no documento final.

Non se nos escapa que as intervencións do Conselleiro e a do portavoz do PP parecían buscar a erosión da credibilidade do MGSM ante os grupos parlamentarios nun momento en que se anuncian leis sanitarias e plans de gran importancia, como por exemplo a modificación da Lei de Saúde de Galicia e a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental.

Visto o visto, cómpre que todos/as andemos con tino coas súas invitacións e peticións de colaboración.

2 Comments - Leave a Comment
  • Leave a comment

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

    *