ALGÚNS DATOS DA PRECARIEDADE ASISTENCIAL DE SANTIAGO. OS FEITOS REPÍTENSE, AS XUSTIFICACIÓNS TAMÉN, E MENTRAS A REALIDADE DA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL SIGUE A SER A MESMA. SÓ AS PERSOAS DANADAS SON NOVAS.

A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago, ante a información difundida públicamente polo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) sobre feitos coñecidos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo, afirma que esa Unidade de Santiago, non se viu afectada polos recortes e ten as dotacións de profesionais adecuadas.
Vexamos se é certo.
Tomaremos como fontes de referencia:
-
Documento de bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental. Comisión Asesora en Materia de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e Seguridade Social . Xunta de Galicia. Santiago, 1987.
-
Propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia. Comisión Asesora en Materia de Saúde Mental da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais. Xunta de Galicia. Santiago, 1997.
-
Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011. Servizo Galego de Saúde. Xunta de Galicia. Santiago, 2007.
PREVISIÓNS SOBRE AS UHP CONTIDAS NESES DOCUMENTOS PLANIFICADORES
Cuestións xerais:
-
Son dispositivos terapéuticos.
-
Ubicación nos Hospitais Xerais.
-
Uso desa modalidade asistencial só cando sexa necesario e polo tempo imprescindible.
-
Manterase a continuidade terapétucia (coordinación e proxecto compartido cos servizos extrahospitalarios que proporcionan a atención ordinaria).
-
Dotadas de suficiente amplitude espacial, e no posible acceso a zonas de esparcimento.
-
1 cama cada 10.000 habitantes.
Dotacións:
-
1 psiquiatra por cada 7 camas ou fracción
-
1 psicólogo clínico por cada 15 camas. Se a Unidade tivera 20 ou máis deberá dotarse de 2 psicólogos clínicos.
-
1 membro de persoal de enfermería por cama.
-
1 terapeuta ocupacional.
-
1 traballador social.
-
6 celadores.
Indícase: “ Deben potenciarse as formas de traballo en equipo nas UHP e sistemas organizativos que potencien a participación colectiva de todo o equipo asistencial na elaboración e desenvolvemento dos plans indivicuais de avaliación, tratamento e seguimento do paciente hospitalizado.” E tamén: “As UHP deben definir explicitamente os seus programas de traballo e potencia-la participación de todo o equipo asistencial na elaboración e execución dos mesmos.”
O ESTADO DA UHP DO HOSPITAL MÉDICO-CIRÚRXICO DE CONXO
Ten 29 camas.
Dotacións:
-
4 psiquiatras.
-
1 psicóloga clínica.
-
7 Diplomados universitarios en Enfermería.
-
16 TCAE-Auxiliares de Enfermería (de feito son 15 porque unha plaza corresponde a unha profesional xubilada e non se cubriu).
-
6 celadores.
En relación ás orientacións de planificación da Consellería faltarían por dotar:
-
1 psicóloga clínica.
-
6 membros de personal de enfermería (DUEs e TCAEs).
-
1 terapeuta ocupacional.
-
1 traballador social.
A ORGANIZACIÓN DO PERSOAL E FUNCIONAMENTO NA UHP DO HOSPITAL MÉDICO-CIRÚRXICO DE CONXO
Tres turnos:
-
Mañán: 2 DUE+4 TCAE+1 celador.
-
Tarde: 1 DUE+4 TCAE+1 celador.
-
Noite: 1 DUE+2 TCAE+ 1 celador.
Nin esas dotacións mínimas se cumpren: dende a Dirección retíranse profesionais de enfermería e celadores para atender outros servizos do Hospital, chegando a quedar a UHP con só tres profesionais nalgunhas quendas.
Por outra banda, a cobertura de ausencias do persoal de enfermería (cando se cubre, pois o habitual é que non se faga…) realízase dende o bolsa de emprego, chegando a darse cambios diarios e sen ningunha garantía de experiencia dos profesionais.
O traballo dos facultativos (psiquiatras e psicóloga clínica realízase en turno de mañán, sendo os outros dous turnos cubertos por un psiquiatra de garda que debe atender tamén o Hospital Psiquiátrico situado a trescentos metros).
Non existen sistemas de coordinación entre os estamentos profesionais, permanecendo cortados entre si na súa actividade e impedíndose o desenvolvemento da comunicación, avaliación compartida dos pacientes e a elaboración dun plan terapéutico dos mesmos que non sexan tan só tratamentos psicofarmacolóxicos ou electroconvulsivos. Carecen, ó mesmo tempo, de protocolos definidos para actuacións en situacións particulares (como as de risco de suicidio).
A finalidade terapéutica do ingreso nesa UHP non se pode cumprir, e tan só se orienta á redución sintomática no máis breve prazo para dar a alta ó paciente. É así que, nos indicadores de avaliación da Xerencia, considérase a estadía media pero non o “Indice de reingresos/retornos” como se indica neses documentos planificadores.
Á sua vez, téñense denunciado en reiteradas ocasións agresións sufridas polo persoal de enfermería, relacionadas co escaso persoal dispoñible na UHP.
OUTRAS CUESTIÓNS
Dende a Dirección Xerencia da Área Santiago díxose, con motivo da denuncia pública recente do MGSM , que non se tiña producido “merma” nos recursos de saúde mental polos recortes e que “os medios asignados son os adecuados”. Citou como proba o incremento de dotacións e, en particular, a creación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia.
Pero non dixo que :
-
Esa Unidade de Hospitalización Psiquiátrica para Infancia e Adolescencia abriuse en xullo de 2012 coa metade (7) das camas previstas (15). E, a día de hoxe, aínda non está dotada con psicólogo clínico nin con traballador social, tal como prevía o Plan Estratéxico de Saúde Mental. Ó mesmo tempo, un Terapeuta Ocupacional doutro dispositivo asiste unha hora.
-
Dende 2012 ata agora fóronse pechando 3 Unidades Residenciais no Hospital Psiquiátrico de Conxo, o que conlevou a amortización ou reubicación noutros servizos sanitarios de 34 auxiliares e 4 DUE. A non reasignación destes profesionais para reforzar a outras Unidades de Atención á Saúde Mental supuxo a “merma” de feito (por utilizar os termos da Xerencia) de recursos de saúde mental, incumprindo o plantexamento de que os recursos que se liberaran durante a Reforma Psiquiátrica se reinvertirían no reforzo á atención ós pacientes nos demais dispositivos e dos plans de nova creación. Pero, en realidade, aproveitouse a reforma dos psiquiátricos para
reducir os recursos dispoñibles e necesarios para garantir o mellor coidado ós pacientes que foron “externalizados” (e que a día de hoxe a Consellería de Sanidade parece non saber onde se atopan, vista a ausencia de contestación a preguntas parlamentarias na anterior lexislatura ou á Valedora do Pobo).
-
Existen outras Unidades asistenciais cos equipos profesionais incompletos dende hai mais de seis anos (a Unidade de Saúde Mental de Barbanza ainda non dispón de DUE, e só dispón de psicólogo clínico dous dias á semana porque os outros días debe estar na USM de Lalín e, ademais, dótase cada seis meses esa praza cun novo profesional cos efectos facilmente imaxinables sobre a continuidade terapéutica).
-
Tamén debe salientarse o dato de que no último acoplamento de enfermería (concurso de traslados interno) de 7 DUE desa UHP pediron o seu traslado 5 (incluída a Supervisora) e, en dereito, lográrono. Este dato, cualitaitvo e poderosamente indicativo do clima laboral, é outro informador máis do grave estado no que se atopa ese dispositivo asistencial. É excusado dicir que os profesionais Auxiliares-TCAE están á espera da súa convocatoria de acoplamento para pedir traslado fóra de Unidade.
CONCLUSIÓN
A negación que fai a Xerencia da redución de recursos non é certa na sua propia literalidade.
E iso sen entrar en que, como consecuencia da redución dos orzamentos sanitarios, con efectos de evidente desinversión e detención dos plans de adecuación de recursos (en Saúde Mental algunhas medidas de desenvolvemento están pendentes dende hai 30 anos, e foron reiteradas de novo hai 20 e hai 10 anos por órganos da propia consellería de Sanidade), sostéñense situacións de grave precariedade asistencial que conlevan riscos para a seguridade dos pacientes e impiden a adecuada práctica profesional.
Á sua vez, froito tanto desa escasa dotación como do seu mal funcionamento, a finalidade terapéutica desa UHP non se pode cumprir, priorizando o control e a redución sintomática do paciente ingresado.
Compre recordar que si ben na atención sanitaria en xeral, e na atención á saúde mental en particular, non existe o control absoluto dos riscos, non é menos certo que a obriga da Administración e dos profesionais da sanidade pública é a de garantir os medios e recursos necesarios (xa sexa por demostrada eficacia ou por indicación das normas e plans) para reducir eses riscos ó mínimo inevitable. No caso que nos ocupa estase lonxe de ter cumplido con esa obriga de medios.